DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 5 de marzo de 2026 Páx. 16294

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2026 pola que se acorda incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia as presas de contención de augas denominadas Tanque de Baldomar, situada no lugar de Baldomar, na parroquia de Covelo, e da Poza do Piñeiro, situada no lugar de Pozo Vello, na parroquia do Piñeiro, ambas as dúas no concello de Covelo.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e conforme o artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. No seu exercicio, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio) (en diante, LPCG), establece no seu artigo 1.1 que o seu obxecto é: «A protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, de forma que lle sirva á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego, así como a súa investigación, valorización e transmisión ás xeracións futuras». Así mesmo, o artigo 1.2 da LPCG indica que: «O patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo».

No seu artigo 8.3 a LPCG determina que: «Terán a consideración de bens catalogados aqueles bens e manifestacións inmateriais, non declarados de interese cultural que polo seu notable valor cultural sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, a través de calquera dos procedementos de inclusión previstos nesta lei. En todo caso, intégranse no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia os bens expresamente sinalados nesta lei». Seguidamente, neste artigo disponse que os bens catalogados poden ser mobles, inmobles e inmateriais.

O artigo 10.1.f) da LPCG, referido ás categorías de bens inmobles, define como lugar de valor etnolóxico: «o ámbito en que permanecen testemuños relevantes e recoñecibles de actividades ou construcións vinculadas ás formas de vida e cultura tradicional do pobo galego que resulten de interese histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico ou antropolóxico».

No capítulo III do título I regúlase o procedemento de inclusións dos bens no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia. O artigo 25.1 ditamina que: «Os bens catalogados polo seu notable valor cultural serán incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, cuxa xestión corresponde á consellaría competente en materia de patrimonio cultural».

O artigo 26 da LPCG establece que: «O procedemento de inclusión dun ben no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia incoarase de oficio por resolución motivada da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural, por propia iniciativa ou por petición de calquera persoa física ou xurídica».

Segundo se establece no artigo 32: «As persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración».

No que respecta á especificidade tipolóxica do patrimonio cultural, a LPCG indica no capítulo III do título VII (artigo 91.1) que o patrimonio etnolóxico de Galicia está integrado polos: «...lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia».

A documentación que consta no expediente administrativo, tramitado no Servizo de Inventario, acredita que o Tanque de Baldomar e a Poza do Piñeiro son testemuños dunha tradición cultural e manifestacións singulares dunha tipoloxía e exemplos representativos do aproveitamento dos recursos naturais que caracterizan a súa respectiva paisaxe e, en consecuencia, acreditan a súa autenticidade e integridade. A análise do contido da documentación que contén o expediente administrativo, realizada polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, conclúe que o Tanque de Baldomar e a Poza do Piñeiro posúen un valor cultural notable na Comunidade Autónoma de Galicia e, por tanto, son susceptibles de ser incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Con data do 30.6.2025, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acorda incoar o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia das presas de contención de augas denominadas Tanque de Baldomar, situada no lugar de Baldomar, na parroquia de Covelo, e Poza do Piñeiro, situada no lugar de Pozo Vello, na parroquia do Piñeiro, ambas as dúas no concello de Covelo (Pontevedra), e abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación (DOG núm. 136, do 17 de xullo de 2025), para que calquera persoa física ou xurídica poida achegar alegacións e informacións que considere oportunas.

Non transcorreron os 18 meses que a lei establece como prazo máximo para resolver e notificar a catalogación, contados a partir da data da resolución de incoación (30.6.2025), durante o cal non consta que se presentase ningunha alegación.

Á vista dos documentos que forman parte do expediente, en que se acredita a concreción da presunción de valores culturais legalmente recoñecidos, en especial, un significativo valor etnolóxico, e no exercicio da competencia para acordar a inclusión dun ben no Catálogo do patrimonio cultural, prevista no artigo 28 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia

Incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia as presas de contención de augas denominadas Tanque de Baldomar, situada no lugar de Baldomar, na parroquia de Covelo, e da Poza do Piñeiro, situada no lugar de Pozo Vello, na parroquia do Piñeiro, ambas as dúas no concello de Covelo (Pontevedra), segundo as descricións dos bens que constan nos anexos I e II.

Segundo. Inscrición no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia

Inscribir as presas Tanque de Baldomar e Poza do Piñeiro no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Terceiro. Réxime de protección

Asignarlle ao Tanque de Baldomar e á Poza do Piñeiro o nivel de protección estrutural e aplicarlles o réxime de protección previsto para os bens inmobles catalogados. Ao contorno de protección delimitado no anexo II, aplicarlle o réxime de protección establecido para este ámbito.

Cuarto. Planeamento

En virtude do establecido no artigo 35.5 da LPCG, instar o Concello de Covelo a incorporar o Tanque de Baldomar e a Poza do Piñeiro ao catálogo do seu planeamento urbanístico e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación.

Quinto. Publicación

Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Notificación

Notificar esta resolución ás persoas e entidades interesadas e ao Concello de Covelo.

Sétimo. Recurso

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación perante o mesmo órgano que o ditou ou, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2026

José Carlos López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude

ANEXO I

Descrición dos bens

1. Denominación: Tanque de Baldomar ou Poza do Tanque.

1.1. Localización.

– Provincia: Pontevedra.

– Concello: Covelo.

– Parroquia: Covelo (Santa Mariña).

– Lugar: Baldomar.

– Coordenadas de localización (UTM ETRS89 fuso 29) X: 550878 e Y: 4674127.

– Referencias catastrais: 36013A01800309, 36013A01800307, 36013A01800308, 36013A01800310.

2. Denominación: Poza do Piñeiro.

2.1. Localización.

– Provincia: Pontevedra.

– Concello: Covelo.

– Parroquia: O Piñeiro.

– Lugar: Pozo Vello.

– Coordenadas de localización (UTM ETRS89 fuso 29) X: 551880 e Y: 4682820.

– Referencia catastral: 36013A07609004.

3. Descricións.

3.1. O Tanque de Baldomar.

O Tanque de Baldomar foi construído no ano 1914, regaba, no ano 1962, 56 lugares e daba servizo a 1.049 regantes, cunha superficie aproximada de 52 hectáreas. Sitúase nun lugar que antes ocupaba a denominada Poza da Fraga, ao nordés do tanque, e presenta unhas dimensións moito máis reducidas. Foi edificada con muros de cachotaría de pedra de, aproximadamente, un metro de altura que conteñen as terras situadas ao oeste da poza e que prolongan o contraforte do tanque. A presa propiamente, tamén de cachotaría, ten uns tres metros de lonxitude e desauga por un oco existente na base.

Así mesmo, o Tanque de Baldomar substituíu ou modernizou outros existentes anteriormente e, actualmente, contén unha lámina de auga máxima de aproximadamente 3.000 m² estancada pola presa que pecha o curso de auga cara ao norte, e confinada polo leste e polo oeste pola propia valgada que forma o río.

A presa do tanque está constituída por un muro de certa envergadura, ten 33 m de lonxitude, 2,10 m de anchura e 6 m de altura máxima no seu centro, composto por dúas capas exteriores de pedra granítica, con fábrica de cachotaría na cara exterior e cantaría na interior, e unha capa interna de entullo. A fábrica de cantaría da cara interior é de boa feitura para evitar as filtracións da auga ao exterior do tanque.

No centro da cara exterior do muro hai un muro transversal á presa que actúa de contraforte, realizada en cachotaría de pedra, de forma triangular, con 16 m de lonxitude e 4,60 m de altura mentres que, no encontro de ambas as dúas estruturas, se localiza un oco de 1,60 m de altura, 1,10 m de anchura e 1,40 m de fondo realizado con cantaría de pedra e pechado cunha porta de ferraxes onde se atopa o desaugadoiro do tanque, que conduce as augas por unha canle paralela ao muro de contención transversal.

Destacan neste conxunto tan singular unhas escaleiras acaroadas á cara interior da presa, tamén executadas en pedra.

3.2. A Poza do Piñeiro.

Segundo a documentación histórica de mediados do século XIX, esta poza está formada por un sólido muro de cantaría granítica de 40 m de lonxitude e 5 de anchura na parte máis baixa e 0,80 na máis elevada. A súa altura achégase aos 6 m e no seu centro presenta un dique granítico onde se localiza a porta da presa, un oco rectangular que serve de punto de inflexión na tipoloxía do muro da represa, que muda a súa sección á altura desta apertura.

Sobre este muro de represa de granito, en forma de triángulo rectángulo isóscele, construíuse un muro de coroación de sección rectangular do mesmo material, pero cuberto dunha capa de formigón que permite camiñar sobre a cabeceira da calzada. Encol deste recubrimento recente abríronse unha serie de aliviadoiros de sección cuadrangular, dispostos de forma transversal e equidistantes entre si.

4. Usos.

O Tanque de Baldomar e a Poza do Piñeiro foron construídos orixinalmente para o almacenamento de auga destinada á rega de campos, pero parece que hai tempo que a auga retida non se emprega para esa función, xa que o sistema de distribución tradicional da rega foi abandonado.

A Poza do Piñeiro continúa hoxe en día almacenando a auga que chega, actualmente, ao nivel de coroación da presa. Porén, o Tanque de Baldomar retén moita menos auga da que almacenaba cando daba servizo ao sistema de rega e o nivel da lámina de auga está uns 4 metros por baixo da cota superior da presa.

Estas infraestruturas hidráulicas e as súas balsas de auga conforman unha paisaxe característica que se considera que debe conservarse, para o que é imprescindible que cada presa manteña a retención das augas. Por conseguinte, non se considera que o uso do Tanque de Baldomar e da Poza do Piñeiro resulte incompatible ou prexudicial para a súa protección, senón que se debe procurar o seu mantemento e sería recomendable que retomasen a actividade orixinal.

5. Estado de conservación.

O estado de conservación que presentan ambas as dúas construcións é bo, ben que cómpre mencionar que a lindeira Poza da Fraga mostra unha condición deficiente e o sistema de rega que se desenvolvía augas abaixo destas infraestruturas apenas se conserva.

6. Valoración cultural.

O Tanque de Baldomar e a Poza do Piñeiro son expresións testemuñais significativas e relevantes da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego e conservan de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade, polo que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia.

O valor cultural do Tanque de Baldomar e da Poza do Piñeiro maniféstase a través de diversos atributos. Así, as respectivas presas foron construídas cun sistema tradicional de cachotaría de pedra e cunha dimensión inédita para o que é habitual nas infraestruturas hidráulicas tradicionais, o que as fai certamente singulares. Ademais, atópanse en ámbitos rurais sen apenas transformacións contemporáneas. Por outra parte, son unhas infraestruturas herdeiras dunha tradición e dunhas técnicas e sistemas de xestión comunais que lamentablemente se están extinguindo, mais que constitúen manifestacións materiais e intanxibles relevantes. Así mesmo, estas presas conservan, parcialmente, a súa función como infraestruturas retedoras de auga, aínda que esta xa non se usa para a rega dos cultivos das respectivas parroquias. Por último, as presas mantéñense nun estado de conservación aceptable, sen intervencións descontextualizadas significativas tanto nos propios elementos coma nos seus contornos, o que se reflicte nas condicións de integridade.

En definitiva, o Tanque de Baldomar e a Poza do Piñeiro son testemuños dunha tradición cultural, manifestacións singulares dunha tipoloxía e exemplos representativos do aproveitamento dos recursos naturais que caracterizan a paisaxe, que posúen un valor cultural notable na Comunidade Autónoma de Galicia e, por tanto, son susceptibles de seren incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

7. Natureza e categorías.

Natureza: material.

Condición: ben inmoble.

Categoría: lugar de valor etnolóxico.

8. Nivel de protección.

Estrutural.

9. Réxime de protección.

As presas, como elemento singular do patrimonio etnolóxico protexido, rexeranse polos ditados do réxime de protección e conservación que definen os títulos II e IV da LPCG, en concreto, pode resumirse en:

– Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

– Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a permitirlle o acceso aos ditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora nos termos previstos no capítulo I do título X, ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.

– Deber de comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a comunicar á consellaría competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou perda que sufra e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

– Autorizacións: as intervencións que se pretendan realizar en bens catalogados, así como, se é o caso, no seu contorno de protección, terán que ser autorizadas pola Administración competente segundo o artigo 39 da LPCG. A utilización dos bens catalogados quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

– Nivel de protección estrutural: conservación dos elementos máis significativos e relevantes dos bens, así como daqueles que resulten máis característicos tipoloxicamente ou que sexan obxecto dunha concreta apreciación cultural.

ANEXO II

Delimitación e contorno de protección

O artigo 38.1 da LPCG establece que: «A declaración de interese cultural ou a orde de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia dun ben establecerá, de ser o caso, o seu contorno de protección e a súa zona de amortecemento de forma expresa e específica, en relación coa implantación concreta do ben no territorio e as súas relacións ambientais».

A delimitación e os contornos de protección destes bens trataron de axustarse aos límites físicos –en especial ás estradas e aos camiños– e ao parcelario, ben que os ámbitos en que se asentan os bens obxecto deste expediente teñen características diferentes.

Así, o Tanque de Baldomar e o seu contorno atópanse en unidades da paisaxe definidas polo Catálogo das paisaxes de Galicia como «Vales sublitorais», conformadas en boa medida por agras, polo que os espazos de delimitación e protección son os establecidos no plano seguinte:

Tanque de Baldomar.

missing image file

Pola súa banda, a Poza do Piñeiro e o seu contorno aparecen integrados na área de especial interese paisaxística Serra do Suído (AEIP_08_15) e forman parte da unidade da paisaxe «Serras, matogueira e rochedo» definida polo Catálogo das paisaxes de Galicia, polo que os espazos de delimitación e protección son os establecidos no plano seguinte:

Poza do Piñeiro.

missing image file

Así mesmo, dado o interese paisaxístico do ámbito en que se localiza a Poza do Piñeiro, no cal ademais se atopa unha serie de elementos de valor etnolóxico como a Cruz do Pozo Vello e a Choza da Poza e referencias a outras coma o Sesteiro da Laxa, enténdese que o seu contorno de protección debe contar cuns condicionantes necesarios para a súa salvagarda, polo que estes elementos se deben ter en conta ao tempo de avaliar a implantación de calquera nova instalación, infraestrutura, construción ou edificación visible que non sexa de carácter tradicional, por considerar que estas poden afectar a integridade e apreciación destes bens de valor etnolóxico e alterar sensiblemente a paisaxe que caracterizan.

No caso do contorno de protección do Tanque de Baldomar, considérase que serían suficientes os condicionantes establecidos no capítulo IV do título II da LPCG, que regula o réxime e os criterios específicos das intervencións nos contornos de protección.