DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 9 de marzo de 2026 Páx. 16991

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2026 pola que se convoca unha actividade formativa de prevención de riscos laborais e intervención en incendios forestais e continxencias no medio rural e medio natural.

De acordo co convenio de colaboración entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Central Sindical Independente e de Funcionarios de Galicia (CSIF Galicia) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar o curso que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2026

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Estas edicións do curso están dirixidas ás persoas traballadoras activas ou en situación de desemprego, os delegados e delegadas de prevención, de recursos preventivos, que traballen ou traballasen nas categorías ou especialidades propias do SPIF na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que desenvolvan ou poidan desenvolver tarefas e actividades na defensa, prevención e/ou extinción de incendios forestais, tales como os/as bombeiros/as forestais, bombeiros/as forestais condutores/as, bombeiros/as forestais xefes/as de brigada, bombeiros/as forestais condutores/as de motobomba, emisoristas/vixilantes do SPIF, operador codificador de datos do SPIF, entre outros, e reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada unha delas se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 16 de marzo de 2026.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade ou permisos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 54, 981 54 62 57 , 981 54 63 35 e 981 54 62 53 en horario de atención ao publico (das 9.00 ás 14.00 horas) e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>

Cuarta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso. Neste caso, a persoa interesada deberá indicalo incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar ademais unha copia dos documentos a cuxa consulta se opón a través do seguinte enderezo electrónico: xestion.egap@xunta.gal

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Quinta. Criterios de selección

As persoas interesadas serán seleccionadas de acordo cos seguintes criterios:

1. Persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que participe ou tivese participase no desenvolvemento de tarefas de defensa e/ou extinción de incendios forestais, conforme o colectivo de destinatarios especificados na base primeira desta convocatoria.

2. A orde de inscrición na correspondente actividade formativa e resérvase un 50 por cento das prazas para a entidade conveniada.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas admitidas e excluídas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación de acordo co artigo 82.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección. A renuncia. A asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>

O prazo para presentar escrito de renuncia iniciarase a partir da publicación da listaxe de persoas admitidas, en reserva e excluídas, e finalizará tres días antes do inicio da actividade formativa.

As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final dela.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP e CSIF Galicia

1. A EGAP e CSIF Galicia poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Tamén lles corresponde a ambas as entidades prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50% das prazas convocadas, a EGAP e CSIF Galicia reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e CSIF Galicia garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV26065.

Área de coñecemento: coñecementos transversais.

Nome do curso: prevención de riscos laborais e intervención en incendios forestais e continxencias no medio rural e medio natural.

1. Obxectivos.

O obxecto destas accións formativas son as de «capacitar o alumnado para realizar labores de apoio operativo en situacións de continxencias e emerxencia no medio natural, rural e forestal, aplicando protocolos de actuación segura, técnicas básicas de intervención e medidas de prevención de riscos laborais».

A finalidade desta acción formativa está orientada a capacitar as persoas traballadoras que asistan a estas edicións do curso para «desenvolver funcións de apoio operativo en situacións de emerxencia e continxencia no medio natural, rural e forestal, aplicando criterios de prevención de riscos laborais, autoprotección e seguridade, e colaborando cos distintos grupos operativos de protección civil e extinción de incendios».

Os principais obxectivos específicos son os seguintes:

• Recoñecer e aplicar as técnicas básicas de intervención en continxencias derivadas de accidentes de tráfico, colaborando en tarefas de apoio aos grupos operativos de protección civil e garantindo a seguridade propia e allea.

• Identificar os riscos asociados a accidentes con mercadorías perigosas e aplicar os procedementos de actuación segura en labores de apoio aos dispositivos de emerxencia e protección civil.

• Describir e aplicar as técnicas básicas de intervención en incendios en edificacións situadas no medio rural e natural, tendo en conta os riscos específicos da contorna.

• Preparar, utilizar e realizar o mantemento básico dos equipamentos e ferramentas empregados nas intervencións por fenómenos naturais, verificando o seu correcto funcionamento e asegurando o seu uso conforme as normas de seguridade.

• Executar tarefas de apoio técnico á poboación en situacións de risco para as persoas, os bens ou o ambiente, derivadas de fenómenos meteorolóxicos adversos, enchentes, inundacións ou outras situacións relacionadas con contornas acuáticas inestables, aplicando os protocolos de seguridade e coordinación cos servizos de emerxencia.

• Acadar unha igualdade real entre o persoal traballador do sector de incendios, visibilizando e eliminando as desigualdades e combater a violencia de xénero que se poida dar.

Así, con este curso preténdese seguir achegando os coñecementos necesarios para a xestión básica da prevención de riscos laborais no ámbito da prevención e extinción de incendios forestais.

2. Destinatarios/as.

Estas edicións do curso están dirixidas ás persoas traballadoras activas ou en situación de desemprego, os delegados e as delegadas de prevención, de recursos preventivos, que traballen o traballasen nas categorías ou especialidades propias do SPIF na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que desenvolvan ou poidan desenvolver tarefas e actividades na defensa, prevención e/ou extinción de incendios forestais, tales como os/as bombeiros/as forestais, bombeiros/as forestais condutores/as, bombeiros/as forestais xefes/as de brigada, bombeiros/as forestais condutores/as de motobomba, emisoristas/vixilantes do SPIF, operador codificador de datos do SPIF entre outros.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 16 horas.

Contido:

1. Prevención de riscos laborais en emerxencias do medio rural e forestal.

1.1. Prevención de riscos laborais na intervención en accidentes de tráfico en zonas rurais e forestais.

1.2. Prevención de riscos laborais en accidentes con mercadorías perigosas en contornas rurais e forestais.

1.3. Prevención de riscos e actuación en incendios en edificacións no medio rural e forestal.

2. Seguridade, equipamentos e técnicas de intervención en incendios forestais e emerxencias naturais.

2.1. Equipamentos, ferramentas e prevención de riscos en intervencións forestais e rurais.

2.2. Prevención de riscos e intervención en emerxencias meteorolóxicas no medio forestal.

2.3. Prevención de riscos e intervención en estruturas colapsadas e afundimentos no medio rural e forestal.

2.4. Prevención de riscos laborais en incendios forestais.

3. Perspectiva de xénero nas brigadas forestais no medio rural e ambiente.

Edicións: 15.

1. A Coruña (I): 11, 12 e 13 de maio de 2026.

Horario: das 9.00 ás 14.20 horas. Lugar: Sede da Fundación Raizame, rúa As Xubias de Arriba, 15, 1º, 15006 A Coruña.

Prazas: 30.

2. A Coruña (II): 11, 12 e 13 de maio de 2026.

Horario: das 16.00 ás 21.20 horas. Lugar: Sede da Fundación Raizame, rúa As Xubias de Arriba, 15, 1º, 15006 A Coruña.

Prazas: 30.

3. Lugo (I): 13, 14 e 15 de abril de 2026.

Horario: das 9.00 ás 14.20 horas. Lugar: Sede CSIF, rúa Conde, 2, baixo posterior, 27003 Lugo.

Prazas: 25.

4. Lugo (II): 13, 14 e 15 de abril de 2026.

Horario: das 16.00 ás 21.20 horas. Lugar: Sede CSIF, rúa Conde, 2, baixo posterior, 27003 Lugo.

Prazas: 25.

5. Lugo (III): 27, 28 e 29 de abril de 2026.

Horario: da 9.00 ás 14.20 horas. Lugar: Sede CSIF, rúa Conde, 2, baixo posterior, 27003 Lugo.

Prazas: 25.

6. Lugo (IV): 27, 28 e 29 de abril de 2026.

Horario: das 16.00 ás 21.20 horas Lugar: Sede CSIF, rúa Conde, 2, baixo posterior, 27003 Lugo.

Prazas: 25.

7. Ourense (I): 6, 7 e 8 de abril de 2026.

Horario: das 9.00 ás 14.20 horas. Lugar: Consultoría y formación Progreso, S.L., rúa Progreso, 141, 32003 Ourense.

Prazas: 25.

8. Ourense (II): 6, 7 e 8 de abril de 2026.

Horario: das 16.00 ás 21.20 horas. Lugar: Consultoría y Formación Progreso, S.L., rúa Progreso, 141, 32003 Ourense.

Prazas: 25.

9. Ourense (III): 18, 19 e 20 de maio de 2026.

Horario: das 9.00 ás 14.20 horas. Lugar: Consultoría y Formación Progreso, S.L., rúa Progreso, 141, 32003 Ourense.

Prazas: 25.

10. Pontevedra (I): 23, 24 e 25 de marzo de 2026.

Horario: das 9.00 ás 14.20 horas Lugar: Sede CSIF, rúa Marqués Riestra, 18, entresollado, 36001 Pontevedra.

Prazas: 25.

11. Pontevedra (II): 23, 24 e 25 de marzo de 2026.

Horario: das 16.00 ás 21.20 horas. Lugar: Sede CSIF, rúa Marqués Riestra. 18, entresollado, 36001 Pontevedra.

Prazas: 25.

12. Pontevedra (III): 4, 5 e 6 de maio de 2026.

Horario: das 9.00 ás 14.20 horas. Lugar: Sede CSIF, rúa Marqués Riestra, 18, entresollado, 36001 Pontevedra.

Prazas: 25.

13. Pontevedra (IV): 4, 5 e 6 de maio de 2026.

Horario: das 16.00 ás 21.20 horas. Lugar: Sede CSIF, rúa Marqués Riestra, 18, entresollado, 36001 Pontevedra.

Prazas: 25.

14. Santiago (I): 20, 21 e 22 de abril de 2026.

Horario: das 9.00 ás 14.20 horas. Lugar: Sede CSIF Galicia, rúa Salgueiriños de Abaixo, 7, baixo, 15703 Santiago de Compostela.

Prazas: 25.

15. Santiago (II): 20, 21 e 22 de abril de 2026.

Horario: das 16.00 ás 21.20 horas. Lugar: Sede CSIF Galicia, rúa Salgueiriños de Abaixo, 7, baixo, 15703 Santiago de Compostela.

Prazas: 25.