A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal recibiu un oficio do Tribunal de Instancia, Sección Contencioso-Administrativo, Praza número 4, da Coruña, polo que solicita o emprazamento de cantas persoas aparezan como interesadas no recurso contencioso-administrativo PA 284/2025, en relación co proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario da Xunta de Galicia, na escala de persoal subalterno da Xunta de Galicia e na escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais da Xunta de Galicia, e para o ingreso nas categorías 10B, 10C, 14 e 14A do grupo V de persoal laboral da Xunta de Galicia, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (DOG núm. 244, do 26 de decembro).
En consecuencia, esta dirección xeral acordou nesta data, de conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, a achega dos correspondentes expedientes administrativos ao referido tribunal.
O anterior notifícase para xeral coñecemento de todas as persoas interesadas no procedemento, que son emprazadas para que poidan comparecer como parte nos autos no referido tribunal no prazo de nove días, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2026
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
