DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Mércores, 25 de marzo de 2026 Páx. 19852

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 11 de marzo de 2026, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa ao deslindamento dos montes veciñais en man común Tagagueiras, e mais Valdecabrita, nos concellos de Viana do Bolo e da Veiga.

Examinada a solicitude de deslinde formulada polos representantes do MVMC Tagagueiras, pertencente á CMVMC de Ramilo, e mais o MVMC Valdecabrita pertencente á CMVMC de Baños, Corzos e Valdín, nos concellos de Viana do Bolo e da Veiga, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 29.8.2025 a CMVMC de Ramilo presentou un escrito (Rexel 2025/2353502) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Baños, Corzos e Valdín.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.

– Informe de deslindamento.

Segundo. Posteriormente, con data do 22.10.2025, a comunidade presentou unha solicitude complementaria (Rexel 205/2917618) coa que achegaba a seguinte documentación adicional:

– Acta de conciliación levantada o 29.9.2025 no Xulgado de Paz da Veiga.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense de data 28 de outubro de 2025, fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Tagagueiras, pertencente á CMVMC de Ramilo, e mais o MVMC Valdecabrita pertencente á CMVMC de Baños, Corzos e Valdín, desde o vértice 1 (o situado máis ao SE) ata a o vértice 2 (o situado máis ao NO).

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

O Xurado Provincial, tendo en conta o informe favorable do servizo de montes, aprobou a solicitude de deslindamento.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. Esta resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento a seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do servizo de montes do día 28 de outubro de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 23 de febreiro de 2026:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Tagagueiras, pertencente á CMVMC de Ramilo, e mais o MVMC Valdecabrita, pertencente á CMVMC de Baños, Corzos e Valdín, nos concellos de Viana do Bolo e da Veiga.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 11 de marzo de 2026

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense