Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Serra de San Mamede, pertencente á CMVMC de San Mamede e MVMC Campo de Gonza, pertencente á CMVMC de Carracedo, Castromao, Corzos e Pradolongo, nos concellos da Veiga e Viana do Bolo, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 27.8.2025, a CMVMC de San Mamede presentou un escrito (REXEL 2025/2340522) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Carracedo, Castromao, Corzos e Pradolongo.
Coa solicitude achegou a seguinte documentación:
– Acta de deslindamento.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.
– Informe de deslindamento.
Segundo. Posteriormente, o 22.10.2025, a comunidade presentou unha solicitude complementaria (REXEL 2025/2920548) coa que achegaba a seguinte documentación adicional:
– Acta de conciliación redactada o 29.9.2025 no Xulgado de Paz da Veiga.
Terceiro. O informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense do 28 de outubro de 2025 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Serra de San Mamede, pertencente á CMVMC de San Mamede, e o MVMC Campo da Gonza, pertencente á CMVMC de Carracedo, Castromao, Corzos e Pradolongo, desde o vértice 1 (o situado máis ao E) ata o vértice 12 (o situado máis ao O), considerando ademais un punto auxiliar (vértice 13), que permite cerrar provisionalmente a poligonal do MVMC Serra de San Mamede mentres non se produza un acordo coa CMVMC de Covelo.
O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.
Consideracións legais e técnicas:
Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, dite unha resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 28 de outubro de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 23 de febreiro de 2026:
Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Serra de San Mamede, pertencente á CMVMC de San Mamede, e do MVMC Campo de Gonza, pertencente á CMVMC de Carracedo, Castromao, Corzos e Pradolongo, nos concellos da Veiga e Viana do Bolo.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 13 de marzo de 2026
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
