De conformidade co establecido no artigo 12 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e na base I.4 das que rexen o proceso selectivo, convocado pola Resolución do 27 de xaneiro de 2026 (DOG número 20, do 30 de xaneiro), esta dirección xeral
RESOLVE:
Aprobar as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo para o ingreso, mediante o sistema de concurso-oposición, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade de bombeiro/a forestal.
As persoas aspirantes poderán consultar o estado das solicitudes de inscrición presentadas e a situación como admitidas ou excluídas en fides.xunta.gal
A listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión, poderase consultar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal
As persoas aspirantes excluídas, así como aquelas persoas que non figuren en ningunha das listaxes, disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para reclamar ou emendar o defecto que motivou a exclusión. Para isto deberán acceder a fides.xunta.gal e realizar as alegacións que consideren oportunas. Só no caso de non ser posible realizar as alegacións por medio desta aplicación informática, deberán efectualas a través do rexistro presencial ou sede electrónica da Xunta de Galicia.
As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden os defectos que motivaron a súa exclusión serán definitivamente excluídas.
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2026
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
