BDNS (Identif.): 896931.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/896931
Primeiro. Obxecto, modalidades e réxime de concesión das axudas
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras do Programa de axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia, que comprende as seguintes modalidades que se describen a continuación, as cales se tramitarán co código de procedemento VI501A:
– Modalidade A: adquisición de vivendas situadas no ámbito dun centro histórico.
– Modalidade B: adquisición de vivendas cualificadas definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2026.
3. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Segundo. Bases reguladoras
As bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas para a adquisición de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia están contidas na resolución de convocatoria.
En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Terceiro. Crédito orzamentario
1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma por un importe total 2.000.000,00 euros, distribuídos da seguinte forma:
a) Á modalidade A correspóndelle un importe de 500.000,00 euros, con cargo á aplicación 11.81.451B.780.2.
b) Á modalidade B correspóndelle un importe de 1.500.000,00 euros, con cargo á aplicación 11.81.451B.780.4.
2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser ampliada mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Cuarto. Requisitos das persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas recollidas neste programa as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo ou Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar coa autorización de estancia ou residencia en España.
b) Ter subscrito con posterioridade á data fixada na correspondente convocatoria un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que cumpra os requisitos establecidos nestas bases. No caso da modalidade B, o contrato privado deberá estar visado pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, de ser o caso, a escritura pública deberá conter as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.
c) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer dunha escritura pública formalizada con anterioridade á referida data. Non obstante, no caso da modalidade A, o requisito do empadroamento só será exixible no momento da finalización das obras, para o suposto de que fose necesaria a súa rehabilitación.
d) Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a unidade de convivencia cumpran os seguintes requisitos:
– No suposto da modalidade A, que os citados ingresos sexan iguais ou inferiores a 6,5 veces o IPREM.
– Na modalidade B, ter cumprido o requisito de ingresos que exixa a normativa reguladora das vivendas protexidas vixente no momento da súa adquisición.
e) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
f) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
g) Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda no territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón da discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.
2. Ademais dos requisitos sinalados no punto anterior, na modalidade B a persoa beneficiaria deberá ser adquirente ou adxudicataria, en primeira transmisión, e ter acreditado no correspondente expediente o cumprimento dos requisitos de acceso a unha vivenda protexida exixidos pola normativa reguladora destas vivendas.
3. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados neste ordinal para poder ser beneficiaria da axuda.
Quinto. Contías das axudas
1. A contía máxima da axuda determinarase en función da modalidade da axuda que se solicite e terá o límite do 20 % do prezo de adquisición da vivenda, sen incluír os gastos e tributos inherentes a esa adquisición:
a) No suposto da modalidade A, a contía máxima da axuda será a seguinte:
1ª) Ata 12.800 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 36 anos.
2ª) Ata 10.800 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas con idade igual ou maior de 36 anos.
3ª) No suposto de vivendas situadas nun ámbito declarado Área Rexurbe, a contía da axuda será de 15.000 euros por vivenda.
b) No suposto da modalidade B, a contía máxima da axuda será a seguinte:
1º) No caso de vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior, ata 20.000 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 36 anos, e ata 16.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas con idade igual ou maior de 36 anos.
2º) No caso de vivendas situadas nos restantes municipios de Galicia, ata 16.000 euros, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 36 anos, e ata 12.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas con idade igual ou maior de 36 anos.
2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, o importe da axuda que poida recibir a persoa beneficiaria que adquira unha parte dela determinarase aplicando a porcentaxe de cota adquirida ao importe da axuda que lle correspondería, para o caso de ter adquirido o 100 % da vivenda.
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación da resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.
O prazo rematará o 15 de outubro de 2026 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario. Este esgotamento, en caso de se producir antes do 15 de outubro de 2026, farase público no DOG mediante resolución da persoa titular da dirección xeral do IGVS.
2. As solicitudes poderán presentarse desde as 9.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata as 14.00 horas do 15 de outubro de 2026.
Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2026
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo
