DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 7 de abril de 2026 Páx. 21502

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2026, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo da persoa aspirante seleccionada no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso na categoría de técnico/a superior en dietética, convocado pola Resolución do 26 de decembro de 2022.

Mediante a Resolución desta dirección xeral do 26 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 4, do 5 de xaneiro de 2023), realizouse a convocatoria excepcional no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso en diversas categorías de persoal sanitario de formación profesional.

Mediante as resolucións desta dirección xeral do 26 de setembro de 2025 (DOG núm. 192, do 6 de outubro), do 2 de decembro de 2025 (DOG núm. 239, do 11 de decembro) e do 15 de xaneiro de 2026 (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro), publícanse os nomeamentos e a adxudicación de destino definitivo das persoas aspirantes seleccionadas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso en diversas categorías de persoal sanitario de formación profesional, entre elas, na categoría de técnico/a superior en dietética, convocado pola Resolución do 26 de decembro de 2022.

A base 10.4 da resolución de convocatoria prevé que, co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, no suposto de situacións en que as persoas seleccionadas por diversos motivos non continúen no proceso, cubrirase a baixa coa/s persoa/s aspirante/s incluída/s inmediatamente a continuación na relación de seleccionadas, pola orde de prelación que resulten da lista definitiva, con independencia da quenda de acceso.

Realizados os procesos de elección de destino na categoría de técnico/a superior en dietética, en que resultou unha praza vacante, logo da resolución de nomeamento do 15 de xaneiro de 2026, e ao abeiro da Resolución do 26 de decembro de 2022, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Coa finalidade de asegurar a cobertura das prazas convocadas no proceso extraordinario de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, e segundo o que establece a base 10.4 da resolución de convocatoria, realizouse a oferta da praza que resultou vacante na categoría de técnico/a superior en dietética á nova persoa aspirante incluída inmediatamente a continuación pola orde de prelación que resultou da lista definitiva, con independencia da quenda de acceso.

Segundo. Nomear como persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde na categoría de técnico/a superior en dietética a persoa aspirante que se inclúe no anexo I desta resolución, logo de acreditar o cumprimento dos requisitos establecidos e de realizar a elección de destino, segundo o previsto na base novena da convocatoria do proceso selectivo.

Adxudicarlle á persoa aspirante, con carácter de destino definitivo, a praza que figuran no anexo indicado.

Terceiro. Declarar finalizado o proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso na categoría de técnico/a superior en dietética, convocado pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 26 de decembro de 2022, sen prexuízo do previsto na súa base 10.4 para o suposto de situacións en que as persoas seleccionadas, por diversos motivos, non continúen no proceso.

Cuarto. A persoa aspirante nomeada disporá do prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. A toma de posesión da praza efectuarase no centro de xestión a que pertenza esta.

A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable á persoa interesada e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo.

No entanto, en casos de forza maior, e por instancia da persoa interesada, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión. A incorporación á praza adxudicada comportará o cesamento da persoa temporal que, se é o caso, a ocupe, de acordo cos criterios de incorporación e cesamento vixentes.

Quinto. De conformidade coa disposición adicional segunda do Decreto 70/2017, do 13 de xullo, polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, como condición para o perfeccionamento do nomeamento que se expida, o/a aspirante seleccionado/a deberá realizar, con carácter obrigatorio, e nun prazo non superior aos seis meses contados desde a data de publicación do correspondente nomeamento como persoal estatutario fixo no Diario Oficial de Galicia, as actividades formativas para a obtención do nivel básico de coñecemento en materia de igualdade de xénero e prevención e loita contra a violencia de xénero que recolle o artigo 157 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

Non terán que realizar esta actividade formativa as persoas aspirantes seleccionadas que a realizasen con anterioridade, se consta rexistrada en Fides/expediente-e e foi debidamente validada.

Sexto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición, ante esta dirección, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2026

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Relación definitiva da adxudicataria e destino

Técnico/a superior en dietética

DNI

Apelidos e nome

Centro directivo

Centro

Concello

Quenda

***9668**

Rouco Mauricio, Carmen

A.S. de Santiago de Compostela e Barbanza

Complexo Hospitalario Universitario de Santiago

Santiago de Compostela

-

(*) Ocúltase parcialmente o número do documento nacional de identidade para preservar os datos de carácter persoal, de acordo coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro.