DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 7 de abril de 2026 Páx. 21460

III. Outras disposicións

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

EXTRACTO da Resolución do 23 de marzo de 2026 pola que se aproban e se publican as bases reguladoras da VI edición dos Premios de innovación en saúde 2026 no Sistema público de saúde de Galicia, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento SA304A).

BDNS (Identif.): 896960.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/896960

Primeiro. Obxectivo

Establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, a sexta edición dos Premios de innovación en saúde do Sistema público de saúde de Galicia, para premiar as ideas de innovación dos profesionais sanitarios no ámbito da Consellería de Sanidade e no seu sector público no ano 2026, así como as dos pacientes e as súas asociacións. Os premios pretenden potenciar as ideas innovadoras en que os profesionais traballan, para mellorar a calidade de vida das persoas e a sustentabilidade do sistema sanitario público galego, e tamén aquelas propostas por persoas físicas (pacientes, coidadores, etc.), organizacións ou asociacións de pacientes sen ánimo de lucro.

Segundo. Persoas beneficiarias

1. Respecto á modalidade de idea de profesionais: persoal ao servizo do Sistema público de saúde de Galicia que desenvolva unha idea innovadora no sistema sanitario galego. As persoas físicas que presenten unha idea poden representar un equipo (máximo 4 persoas, incluído o representante).

2. Respecto á modalidade de idea de pacientes: poderá presentar a súa idea calquera persoa física (pacientes, coidadores/as, etc.), organización ou asociación de pacientes sen ánimo de lucro. Tamén se poderán presentar varias persoas físicas, organizacións ou asociacións de pacientes representadas por unha delas (máximo 4, incluído o representante).

3. Non poden optar ao premio os membros do xurado ou persoas vinculadas a eles por parentesco de consanguinidade ou afinidade.

4. Os proxectos finalistas seleccionados polo Comité de Selección serán valorados polo xurado común que proporá dous proxectos gañadores para cada modalidade, catalogándoos como primeiro e segundo premio, e poderán outorgar, ademais, ata un máximo de tres premios accésit a aqueles proxectos que, ao criterio do xurado, teñan méritos suficientes.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 23 de marzo de 2026 pola que se aproban e se publican as bases reguladoras da VI edición dos Premios de innovación en saúde 2026 no Sistema público de saúde de Galicia, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento SA304A).

Cuarto. Importe

1. Os premios consistirán en:

• Modalidade de idea de profesionais: os premios consistirán na adquisición de material e pequeno equipamento inventariable, subcontratación de servizos de I+D+i ou gastos similares vencellados ás actividades das ideas seleccionadas, e/ou asistencia a cursos de formación, a congresos relacionados coa innovación, a un centro innovador de ámbito internacional ou actividades relacionadas cun límite de 812,5 euros por persoa para aloxamento, viaxe e axudas de custo de manutención no caso de resultar gañador do segundo premio, e de 1.625 euros por persoa nos mesmos conceptos para o proxecto gañador do primeiro premio desta modalidade. A dotación económica máxima na modalidade de profesionais é de 3.250 euros para o proxecto gañador do segundo premio e 6.500 euros para a candidatura gañadora do primeiro premio.

• Modalidade de idea de pacientes: os premios consistirán na adquisición de material e pequeno equipamento inventariable ou subcontratación de servizos de I+D+i vencellado ás actividades das ideas seleccionadas, e/ou formación en aspectos relacionados cos fins fundacionais da asociación ou organización sen ánimo de lucro relacionada coa saúde que os premiados desta modalidade seleccionen. A dotación económica máxima na modalidade de pacientes é de 1.000 euros para o proxecto gañador do segundo premio e 2.000 euros para o gañador do primeiro premio.

2. O financiamento dos premios referidos no punto 1 anterior imputarase á aplicación orzamentaria 12.A1.561C.640.10 (proxecto 201600005) dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2026.

Quinto. Prazo de presentación de candidaturas

O prazo de presentación de candidaturas será de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2026

Antonio Gómez Caamaño
Presidente da Axencia Galega
para a Xestión do Coñecemento en Saúde