De conformidade co disposto no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e nos artigos 25 ao 28 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta consellería
DISPÓN:
Primeiro. Anunciar a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo que se indica no anexo I desta orde.
Segundo. Poderá concorrer a ela o persoal funcionario de carreira que reúna as condicións que para o posto de traballo se sinalan no anexo I desta orde.
A persoa funcionaria que, de ser o caso, desempeñe en comisión de servizos o posto obxecto desta convocatoria terá a obriga de participar nesta. O incumprimento desta obriga dará lugar á revogación da comisión de servizos.
Terceiro. As solicitudes para participar na presente convocatoria dirixiranse á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, mediante o cal se achegará a solicitude segundo o modelo que se inclúe no anexo II, no prazo de quince (15) días contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Cuarto. As persoas aspirantes deberán unir á petición un currículo e xustificar, mediante certificación ou copia electrónica auténtica dos documentos acreditativos, os méritos que aleguen. Os méritos alegados e non probados ou validados segundo se indica non serán tidos en conta.
Conforme o previsto na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro), cando as persoas aspirantes sexan ou fosen no pasado persoal empregado público coa condición de persoal funcionario ou laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, estas poderán indicar neste proceso de provisión que a información relativa ao seu currículo e méritos é a que consta como validada no seu expediente persoal electrónico, accesible na Canle do emprego público de Galicia (Fides), para o cal deberán achegar coa solicitude de participación o informe dos méritos validados no expediente electrónico, dispoñible no enderezo https://fides.xunta.gal
Quinto. Se a persoa seleccionada para ocupar o posto de traballo correspondente que se anuncia no anexo I desta orde ten destino noutras administracións públicas, tramitarase o seu traslado a esta comunidade autónoma conforme o previsto no artigo 29 do citado Decreto 151/2022, do 4 de agosto, e as demais disposicións concordantes.
Sexto. Esta convocatoria resolveraa a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas no prazo máximo de dous meses contados desde a data da súa publicación. No caso de non resolverse no dito prazo, declararase a caducidade do procedemento. A resolución da convocatoria, coa adxudicación do posto a calquera das persoas funcionarias de carreira solicitantes que reúna os requisitos exixidos para o seu desempeño, ou a súa declaración como deserta cando proceda, farase pública no Diario Oficial de Galicia.
Sétimo. O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres días hábiles, se non implica cambio de residencia, ou de sete días hábiles, se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun mes.
O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma, para o caso de funcionarios doutras administracións públicas. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.
O persoal funcionario de carreira que incumpra os prazos de toma de posesión será declarado de oficio na situación de excedencia voluntaria por interese particular.
Oitavo. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados pola Xunta de Galicia-Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive deste procedemento de provisión de posto de traballo con convocatoria pública. Por tanto, os datos recadados serán tratados para tramitar as solicitudes e resolver a convocatoria. Esta finalidade está baseada no cumprimento dunha obriga legal, segundo a normativa xeral e sectorial referida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos
Os datos da persoa seleccionada para ocupar o posto de traballo que se anuncia poderán ser comunicados á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, para os efectos do cumprimento das obrigas legais que lle corresponden, e o seu nome, os apelidos e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade serán publicados no Diario Oficial de Galicia.
Os datos conservaranse durante o tempo necesario para cumprir coa finalidade para a que se solicitaron e para determinar as posibles responsabilidades que puidesen derivar da devandita finalidade e do tratamento dos datos. Será de aplicación a normativa de arquivos.
As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, a rectificación, limitación e supresión dos seus datos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos
Noveno. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente ante a sección do contencioso-administrativo do tribunal de instancia competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2026
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
ANEXO I
Denominación do posto de traballo: subdirector/a xeral de Persoal e Xestión Económica.
Código do posto de traballo: IV.201.00.002.15770.001.
Centro directivo: Secretaría Xeral Técnica.
Localidade: Santiago de Compostela.
Corpo/escala: xeral.
Grupo: A1.
Nivel: 30.
Complemento específico: 25.159,68 euros.
Tipo de adscrición: (A11) adscrición indistinta a funcionarios da Xunta de Galicia, Estado e CC.AA.
Formación específica: (640) para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego (R.I.).
