DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Xoves, 9 de abril de 2026 Páx. 21853

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2026, da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, pola que se autoriza a utilización de material forestal de reprodución de Pinus sylvestris L. procedente doutras rexións de procedencia nas repoboacións forestais da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 112.4 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que o material forestal empregado nas repoboacións deberá ter como orixe a rexión de procedencia en que se inclúa a superficie que se vai repoboar. Excepcionalmente, poderá facerse con material procedente doutras rexións de procedencia, sempre que o material sexa dunha categoría superior e logo da autorización da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

O número 1 do artigo 15, capítulo III, da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, recolle a modificación do artigo 112.4 da Lei 7/2012 e establece que «O material forestal empregado nas repoboacións forestais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia deberá ter como orixe a rexión de procedencia en que se inclúa a superficie que se vai repoboar ou, excepcionalmente, poderá facerse con material procedente doutras rexións de procedencia, logo de resolución da Administración forestal, publicada no Diario Oficial de Galicia, que autorice a súa utilización, unha vez comprobada a idoneidade e a capacidade de adaptación dese material forestal».

A distribución do Pinus sylvestris establécese polo método aglomerativo en rexións de procedencia segundo o recollido na Resolución do 17 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación, pola que se modifica o Catálogo nacional das rexións de procedencia para as especies forestais Abies pinsapo e Pinus sylvestris, publicada no BOE do 31 de xaneiro de 2023.

A rexión de procedencia para Pinus sylvestris no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia é a número 20. Repoboacións de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Actualmente, están inscritas no Rexistro Galego de Materiais de Base, así como no Catálogo nacional de materiais de base dúas unidades de admisión de Pinus sylvestris cos seguintes códigos: RS-21/10/27/001 en Lugo e RS-21/10/32/001 en Ourense. Está en proceso de tramitación a declaración de novas unidades de admisión da rexión de procedencia galega, que se publicarán e inscribirán nos rexistros galego e nacional.

A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal comproba que hoxe en día non hai existencias de material forestal de reprodución de Pinus sylvestris L. procedente das unidades de admisión da rexión de procedencia galega.

Por este motivo, de forma temporal e ata que se estea en disposición de poder subministrar semente das unidades de admisión que se prevé inscribir, para todas as repoboacións forestais de Pinus sylvestris que se leven a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia,

RESOLVO:

1. Autorizar preferentemente os materiais forestais de reprodución de categoría cualificada procedentes destas unidades de admisión autorizadas:

Horto de semente C.N.R.G.F de Valsaín. Mata de San Ildefonso, Segovia.

Horto de semente La Granja, HS21VA1, Segovia.

Horto de semente Valonsadero, Soria.

2. Autorizar o emprego dos materiais forestais de reprodución procedentes das unidades de admisión inscritas no Catálogo nacional de materiais de base das seguintes rexións de procedencias:

8. Sistema Ibérico Septentrional.

10. Serra de Guadarrama.

12. Montes Universais.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2026

Mª Luisa Piñeiro Arcos
Directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal