A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, regula o dereito á asistencia xurídica gratuíta, e no seu artigo 38 establece que as administracións públicas competentes en materia de administración de xustiza subvencionarán os colexios de avogados para a implantación e o funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta.
Por outra banda, mediante o Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, e incluíronse na alínea B), no punto 1.c) do seu anexo, as relativas á indemnización das actuacións correspondentes á defensa por avogado en quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia, así como a asistencia letrada ao detido ou preso cando o lugar de custodia estea situado en territorio da Comunidade Autónoma. Estas funcións transferidas foron asumidas polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, estando actualmente atribuídas á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
En uso das súas competencias, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia, que foi modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño, e polo Decreto 134/2017, do 7 de decembro, o cal establece no seu artigo 45 que a consellería competente en materia de xustiza determinará anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios de avogados para atender os gastos derivados do funcionamento e da infraestrutura colexial que requiren os servizos de asistencia xurídica gratuíta, o que lle corresponde, polo tanto, á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes segundo o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica.
En virtude do exposto,
DISPOÑO:
Artigo único
A cantidade destinada para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta fíxase nun 8 % do importe total certificado durante o ano 2025 polos colexios de avogados da Comunidade Autónoma de Galicia, en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas, o que supón un total dun millón cento vinte e catro mil noventa e dous euros e corenta e tres céntimos (1.124.092,43 €).
Disposición derradeira primeira
Autorízase o director xeral de Xustiza para ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.
Disposición derradeira segunda
A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2026
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
