Para os efectos previstos no artigo 29 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (BOE núm. 273, do 10.11.2017), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a documentación correspondente á solicitude de autorización ambiental integrada e ao estudo de impacto ambiental do proxecto de planta de biogás Laracha, presentada por Bioenergía A Coruña, S.L.U., co fin de que calquera persoa interesada poida consultala e, de ser o caso, formular dentro do dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.
A documentación estará á disposición das persoas administradas nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
(http://medioambiente.xunta.gal→Medio Ambiente e Sostibilidade→Prevención e control de actividades→Autorización ambiental integrada→Proxectos en información pública).
Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2026
María José Echevarría Moreno
Directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade
ANEXO
Memoria resumo
Clave do expediente: 2024-IPPC-I-94.
Peticionario: Bioenergía A Coruña, S.L.U.
NIF: B09700733.
Enderezo social: rúa Montirón, 65. 27002 Lugo.
Localización da instalación: Chousa Grande, polígono 56, parcela 18. A Laracha.
Actividade: xestión de residuos e produción de biometano.
Descrición: o proxecto consiste na valorización de residuos orgánicos de procedencia agrogandeira e da industria alimentaria, mediante dixestión anaerobia, para a produción de biometano, con características tales que permitan inxectalo na rede de gas.
Prevese procesar un máximo de 63.500 t/ano dunha mestura de residuos orgánicos (sólidos e líquidos), dos cales 6.500 t/ano estarán clasificados como residuos Sandach de categoría 3.
O dixestato que se xera no proceso deshidratarase, obténdose dúas fraccións, líquida e sólida. A fracción líquida tratarase nunha planta propia e obterase un efluente do que parte se verterá á canle pública e a outra parte se reutilizará na propia planta. A fracción sólida resultante entregarase a un xestor autorizado.
Proxéctanse redes separadas para a recollida dos distintos fluxos de augas residuais que se xerarán na instalación, e prevese un destino diferente en función da súa natureza.
