O tribunal nomeado pola Resolución do 3 de decembro de 2025 (DOG núm. 237, do 9 de decembro), modificado pola Resolución do 23 de decembro de 2025 (DOG núm. 251, do 30 de decembro), para cualificar este proceso selectivo,
ACORDOU:
Primeiro. Na sesión que tivo lugar o 12 de marzo de 2026, ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, logo de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo realizado o 24 de febreiro de 2026, anular as preguntas 5 e 85. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas cos números 151 e 153, respectivamente.
Desestímanse as restantes reclamacións presentadas ao dito exercicio.
Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1 da convocatoria, o primeiro exercicio da fase de oposición cualificarase de 0 a 50 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte e cinco (25) puntos.
Así pois, e de conformidade co disposto na citada base, mediante a Resolución deste tribunal do 18 de febreiro de 2026, deuse publicidade aos parámetros para a cualificación do primeiro exercicio, que establecen que superarán este exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas por esta quenda, sempre que acaden o mínimo do 40 % das respostas correctas unha vez feitos os descontos correspondentes. Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.
Asignaráselles a valoración de 25 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 25 e os 50 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. As persoas aspirantes que non superen o exercicio serán declaradas non aptas.
Terceiro. Unha vez feita a corrección dos exames na sesión do 7 de abril de 2026 de acordo cos criterios anteriores, acadou a puntuación mínima de 25 puntos un total de 4 aspirantes, e fixouse en 60 o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións segundo o establecido na base II.1.1 da convocatoria. Por tanto, acórdase publicar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal os resultados obtidos polas persoas aspirantes que se presentaron ao primeiro exercicio.
Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Quinto. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, a programación obxecto do segundo exercicio da fase de oposición deberalla entregar ao tribunal o persoal aspirante que supere o primeiro exercicio no prazo que estableza o tribunal ao publicar as cualificacións deste primeiro exercicio, e defenderase ante el no momento en que se convoque o persoal aspirante para tal efecto. O persoal aspirante empregará para a defensa unha copia da programación entregada ao tribunal.
A programación didáctica fará referencia ao currículo dunha materia ou módulo relacionado coa especialidade de servizos ao buque e axustarase ao modelo establecido no anexo XIII da Orde do 12 de xullo de 2011 pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial, e deberá conter un mínimo de catro (4) unidades didácticas.
Resultará excluído do procedemento selectivo o persoal aspirante cuxa programación non se axuste ao establecido no parágrafo anterior. Non se poderán excluír en ningún caso as persoas aspirantes por deficiencias no contido da programación.
As programacións versarán sobre os currículos publicados no DOG no momento da publicación da convocatoria do proceso selectivo a que fai referencia esta resolución ou, de ser o caso, os aplicables na Comunidade Autónoma de Galicia.
As persoas aspirantes declaradas aptas deberán entregar a programación didáctica correspondente ao segundo exercicio na sala «D», situada na planta baixa do Edificio Administrativo San Caetano (zona da pirámide), Santiago de Compostela, o día 18 de maio, entre as 16.00 e as 17.00 horas, programación que recollerá na dita sala o tribunal. Consonte o disposto na base II.1.2.10 da convocatoria, con anterioridade á realización da proba o tribunal publicará os criterios de corrección, valoración e superación do segundo exercicio que non estean expresamente establecidos nas bases da convocatoria.
Sexto. De acordo co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2026
Manuel Romero Gómez
Presidente do tribunal
