DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Luns, 11 de maio de 2026 Páx. 27371

III. Outras disposicións

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2026 pola que se establece a composición da Mesa de Contratación Permanente.

O artigo 326.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (LCSP/2017), establece que, nos procedementos abertos, abertos simplificados, restrinxidos, de diálogo competitivo, de licitación con negociación e de asociación para a innovación, os órganos de contratación das administracións públicas estarán asistidos por unha mesa de contratación. Nos procedementos negociados en que non sexa necesario publicar anuncios de licitación e nos procedementos a que se refire o artigo 159.6, a constitución da mesa será potestativa para o órgano de contratación.

A publicación da Resolución do 12 de marzo de 2026, que modifica a relación de postos de traballo do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos, exixe adaptar a composición da Mesa de Contratación Permanente, establecida pola Resolución do 11 de outubro de 2024.

De conformidade co previsto no artigo 326 da LCSP/2017 e na súa normativa de desenvolvemento, e en exercicio das facultades que lle confire o artigo 126 dos estatutos da Universidade da Coruña, este reitorado

RESOLVE:

Primeiro. Composición da Mesa de Contratación Permanente

Desígnanse os membros da Mesa, así como os membros suplentes, que se citan a seguir:

1. Presidencia: a persoa titular do Vicerreitorado de Economía e Planificación Estratéxica.

Suplente: a persoa titular da Adxuntía de Economía.

2. Vogais permanentes:

a) Secretaría Xeral.

Suplente: Xefatura de Sección da Secretaría Xeral.

b) Xefatura do Servizo de Control Interno.

Suplente: Xefatura de Sección ou, na súa ausencia, dun negociado do Servizo de Control Interno.

c) Xefatura do Servizo de Asesoría Xurídica.

Suplente: Xefatura dun negociado da Asesoría Xurídica.

d) Xefatura do Servizo de Contratación Administrativa.

Suplente: Xefatura dun negociado do Servizo de Contratación Administrativa.

3. Secretaría: Xefatura da Sección de Contratación.

Suplente: Xefatura dun negociado do Servizo de Contratación Administrativa.

Segundo. Normas de funcionamento da Mesa

1. Para a válida constitución da Mesa deberá estar presente a maioría absoluta dos seus membros e, en todo caso, o/a presidente/a, o/a secretario/a e os dous vogais que teñan atribuídas as funcións correspondentes ao asesoramento xurídico e ao control económico orzamentario do órgano de contratación.

2. Todos os membros da mesa terán voz e voto, coa excepción do/da secretario/a, que só terá voz.

3. A Mesa de Contratación poderá solicitar o asesoramento do persoal técnico ou experto independente con coñecementos acreditados nas materias relacionadas co obxecto do contrato. A súa asistencia será autorizada polo órgano de contratación e deberá ser reflectida expresamente no expediente, con referencia ás identidades deste persoal técnico ou experto, e á súa formación e á súa experiencia profesional (artigo 326.5 da LCSP/2017).

4. A Mesa de Contratación poderá solicitar cantos informes técnicos considere pertinentes (artigo 150.1 da LCSP/2017).

5. Nos casos en que a valoración dos criterios mediante un xuízo de valor corresponda a un comité formado por expertos ou a un organismo técnico especializado (artigo 146.2.a) da LCSP/2017), a designación realizarase e publicarase no perfil de contratante (artigo 63.5 LCSP/2017).

6. De maneira supletoria, o funcionamento da Mesa rexerase polo establecido no título preliminar, capítulo II, sección 3ª, subsección 1ª, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Terceiro. Publicación e efectos

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no perfil do contratante da Universidade da Coruña, e terá efectos sete días despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 29 de abril de 2026

Ricardo José Cao Abad
Reitor da Universidade da Coruña