DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Martes, 12 de maio de 2026 Páx. 27630

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 21 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TU500A).

BDNS (Identif.): 904064.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/904064

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia en que se celebren durante o ano 2026 festas declaradas de interese turístico de Galicia incluídas no obxecto desta convocatoria.

Así mesmo, poderán ser beneficiarias destas subvenciones as agrupacións que, non tendo personalidade xurídica, estean integradas por municipios en que se celebren festas declaradas de interese turístico de Galicia que reúnan os requisitos establecidos no parágrafo anterior, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto e réxime

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto sufragar parcialmente os investimentos directamente vinculados ao apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia. Será requisito indispensable que a festa conte coa declaración de interese turístico de Galicia regulada no Decreto 4/2015, do 8 de xaneiro, polo que se regula a declaración de festas de interese turístico de Galicia.

Non serán obxecto de subvención as festas que, ademais da declaración de interese turístico de Galicia, conten coa declaración de festa de interese turístico nacional e/ou internacional segundo establece a Orde ICT/851/2019, do 25 de xullo, pola que se regula a declaración de festas de interese turístico nacional e internacional.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva por rigorosa orde de entrada no rexistro.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 21 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos para o apoio, promoción e difusión ás festas declaradas de interese turístico de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TU500A).

Cuarto. Importe

As subvencións relativas ao apoio, promoción e difusión de festas declaradas de interese turístico de Galicia imputaranse á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.760.1, proxecto 2017 00005, cun crédito de 500.000,00 €, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2026, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de incoación.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e iniciarase ás 12.00 horas do quinto día hábil seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O prazo finalizará ás 20.00 horas do día en que se cumpra un mes desde a data de inicio do prazo, excepto cando se produza o esgotamento do crédito. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Sexto. Prazo de xustificación da subvención

Para cobrar a subvención concedida, a entidade beneficiaria terá de prazo ata o 30 de setembro de 2026 para eventos celebrados ata o 31 de agosto, e cando o evento subvencionado se celebre con posterioridade a esta data, ata o 21 de decembro de 2026.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2026

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia