DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Venres, 15 de maio de 2026 Páx. 28181

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2026 pola que se convoca un curso selectivo de acceso á escala básica, categoría de oficial, dos corpos de policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2026, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, e o establecido no artigo 56 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, anúnciase a convocatoria dun curso selectivo para o acceso á categoría de oficial de policía local, conforme as seguintes bases:

Obxectivos:

• Mellorar o compromiso profesional de servizo público á cidadanía, baixo parámetros de eficacia e ética policial.

• Proporcionar ao alumnado unha actualización xurídico-normativa e de operativa profesional que lle permita un mellor exercicio das súas funcións.

• Dotalo das ferramentas de coñecemento necesarias para a organización e xestión adecuada dos recursos humanos e dos medios materiais dispoñibles.

Persoal destinatario:

Persoal dos corpos de policía local que superou o proceso selectivo para a categoría de oficial e que non tivese realizado este curso.

Prazas:

Sen límite.

Solicitudes:

1. Os concellos deberanlle remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública no cal soliciten a participación no curso da/das persoa/s que se encontre/n nesta situación, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do dito curso.

2. O prazo para remitir escritos rematará o 1 de setembro de 2026.

3. Para aquel alumnado que superou o proceso selectivo unitario convocado a través da Orde do 24 de outubro de 2025 a reserva e a solicitude son automáticas, sen necesidade que o concello de procedencia efectúe a dita reserva.

Duración e contido:

O curso terá unha duración de 250 horas lectivas e desenvolverase de xeito semipresencial na Academia Galega de Seguridade Pública e na súa plataforma de teleformación (https://formacion-agasp.xunta.gal/).

Este curso conterá os seguintes módulos:

– Módulo I: módulo operativo.

– Módulo II: módulo xurídico.

– Módulo III: módulo técnico.

– Módulo IV: módulo administrativo.

– Módulo V: módulo de comunicación.

– Módulo VI: módulo práctico.

Datas e horario:

O curso realizarase desde o 7 de setembro ao 23 de outubro de 2026, coa seguinte distribución:

– Fase presencial na sede da Agasp (poderanse desenvolver actividades en instalacións externas, con aviso previo ao alumnado):

• Do 7 ao 25 de setembro de 2026: de luns a xoves, das 9.30 ás 19.30 horas; venres, das 9.30 ás 14.30 horas.

• Do 19 ao 23 de outubro de 2026: de luns a xoves, das 9.30 ás 19.30 horas; venres, das 9.30 ás 14.30 horas.

– Fase de teleformación (con sesións de telepresenza que se indicarán ao inicio do curso):

• Do 28 de setembro ao 16 de outubro de 2026.

Desenvolvemento do curso:

O alumnado da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o seu período de permanencia nesta, rexerase polo seu Regulamento de réxime interior, publicado mediante a Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG número 30, do 12 de febreiro.

Este curso selectivo non se desenvolverá en réxime de internado; aquel alumnado que estea interesado en pernoctar na residencia da Agasp deberao comunicar previamente ao enderezo de correo electrónico: formacion.agasp@xunta.gal

No suposto de pernoctar na Agasp, aplicarase o réxime de internado vixente para o alumnado dos cursos selectivos, con relación á uniformidade e horarios.

O alumnado vestirá o uniforme regulamentario de policía local do concello de pertenza durante a súa estadía na Academia. A Agasp entregaralle a uniformidade deportiva, as insignias como alumno/a da categoría de oficial, así como a indumentaria de cabeza.

Certificado:

Unha vez superado este curso, a Agasp emitirá un informe ao concello correspondente en que certifique esta circunstancia, de xeito que se poida proceder ao nomeamento como persoal funcionario de carreira e a toma de posesión na categoría de oficial, escala básica, do corpo de policía local do concello respectivo.

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 6 de maio de 2026

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública