A continuación, recóllese a información exixida nas alíneas a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 22 de abril de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorga autorización administrativa previa ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Sembra.
a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:
Outorgar a autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Sembra, sito nos concellos de Dumbría e Cee (A Coruña) e promovido por Volantis Renovables, S.L.U., cunha potencia de 12 MW.
Todo isto de acordo coas condicións seguintes:
1. De acordo coa disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, unha vez outorgada a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción haberá de outorgarse unha vez que o proxecto de execución cumpra cos requisitos derivados da normativa aplicable e se teñan efectuado as modificacións e adaptacións necesarias derivadas da instrución do procedemento, de acordo co previsto no artigo 34 desta lei.
2. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).
3. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.
No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.
4. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 22.1.2026, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.
De acordo co establecido no punto 5.1.2 da DIA, a promotora deberá elaborar unha proposta detallada referente ás medidas adicionais sinaladas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para garantir a minimización do impacto por colisión en aves (pintado das aspas dos aeroxeradores de acordo cos criterios establecidos pola antedita dirección xeral e implementar tecnoloxías de redución do impacto por colisión tales como sistemas de detección baseados en vídeo) e quirópteros (restricións segundo o calendario establecido pola dirección xeral ou aquelas derivadas do anexo do punto VI do informe da dita dirección xeral), así como as diversas actuacións que se vaian a desenvolver no marco do programa de vixilancia ambiental para verificar a eficacia das ditas medidas. Deberanse ter en conta tamén as demais condicións que se recollen no seu informe.
O documento que elabore a promotora para dar cumprimento ao anterior deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
Así mesmo, de acordo co establecido no punto 5.1.3 da DIA, previamente á realización das obras, deberá contar co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural respecto do documento parques eólicos de Paxareiras II, Sembra, Codesos e liña de evacuación a 66 kV. Addenda ao estudo de impacto ambiental. Axustes derivados do proceso de consultas e información pública. Xaneiro 2026.
5. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.
6. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia da persoa interesada.
7. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:
1. O 13.9.2023, a promotora, Volantis Renovables, S.L.U., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción e a aprobación do proxecto de interese autonómico para o parque eólico Sembra, sito nos concellos de Dumbría e Cee (A Coruña), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009).
Entre a documentación achegada coa solicitude inclúese o estudo de impacto ambiental conxunto para os parques eólicos Sembra e Codesos, promovidos por Volantis Renovables, S.L.U., e Paxareiras II, así como para as súas infraestruturas de evacuación.
2. O 18.12.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009. Coa mesma data, a promotora achegou o xustificante de pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.
3. O 12.2.2024, de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou o informe ao órgano competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.
4. O 20.3.2024, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en que se conclúe que as posicións dos dous aeroxeradores cumpren a distancia mínima coas delimitacións de solos urbanos, urbanizables e de núcleo rural existentes, establecida na disposición adicional quinta da dita lei.
5. O 21.1.2025, a promotora solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción para unha modificación substancial do parque eólico Sembra, consistente, con carácter xeral, na incorporación ao proxecto das instalacións necesarias para a súa conexión á subestación do parque eólico Paxareiras II, co cal comparte evacuación.
Asemade, Volantis Renovables, S.L.U., como promotora dos parques eólicos Sembra e Codesos e das súas respectivas infraestruturas de evacuación, solicitou a acumulación dos procedementos ordinarios de avaliación de impacto ambiental para estes dous proxectos e para o parque eólico Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación, promovido por AV Paxareiras, S.L.U., con base na disposición adicional novena da Lei 8/2009. A sociedade AV Paxareiras, S.L.U. efectuara esta mesma solicitude de acumulación o 20.1.2025.
Entre a documentación achegada coa solicitude inclúese o estudo de impacto ambiental conxunto para os parques eólicos Sembra, Codesos e Paxareiras II, así como para as súas infraestruturas de evacuación.
6. O 3.7.2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático notificoulle á promotora o cumprimento dos requisitos aos cales se refire o artigo 29.2 da Lei 8/2009, en relación coa súa solicitude de modificación substancial recollida na alínea quinta.
7. O 28.7.2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Sembra ao Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Coruña para a continuación da tramitación de acordo co previsto no artigo 33.9 da Lei 8/2009.
8. Mediante o Acordo do 8 de outubro de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental (EIA) dos proxectos do parque eólico Codesos (expediente IN408A 2023/016), parque eólico Sembra (expediente IN408A 2023/018), e parque eólico Paxareiras II (expediente IN661A 2011/8 NT) e as súas infraestruturas de evacuación, así como a solicitude da declaración de utilidade pública, en concreto, coa necesidade de urxente ocupación que iso implica, do proxecto do parque eólico de Paxareiras II, situados nos concellos de Dumbría e Cee (A Coruña).
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Voz de Galicia, ambos do 17.10.2025. Así mesmo, estivo exposto nos taboleiros de anuncios das casas dos concellos de Dumbría e Cee, segundo os certificados emitidos o 2.12.2025 e o 3.12.2025, respectivamente, no taboleiro de anuncios das dependencias do Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, segundo o certificado emitido o 13.1.2026, así como no portal web da citada consellería, onde se puido acceder á documentación técnica das referidas instalacións, durante o prazo de trinta (30) días, de acordo co disposto no artigo 33.10 da Lei 8/2009.
Durante o trámite de información pública presentáronse diversas alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.
9. O 21.10.2025, de modo simultáneo ao trámite de información pública, iniciouse o trámite de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009. Así mesmo, o Departamento Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público ou de interese xeral: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Concello de Cee, Concello de Dumbría, Orange Espagne, S.A.U., Telefónica Móviles España, S.A., UFD Distribución Electricidad, S.A., Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal) e Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión I, S.A.U.).
A continuación se relacionan os organismos que emitiron os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Concello de Cee, Telefónica Móviles España, S.A., UFD Distribución Electricidad, S.A., Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal) e Retevisión I, S.A.U. A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta a todos os condicionados emitidos.
Con respecto aos demais condicionados técnicos solicitados, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, ao non recibirse estes en prazo, entendese a conformidade co proxecto e continuase a tramitación do procedemento.
10. O 16.1.2026, o Departamento Territorial remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009.
11. Formalizada a tramitación ambiental conxunta, o 22.1.2026, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu a Resolución pola que se formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto dos parques eólicos Codesos, Sembra, Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación, que se fixo pública polo Anuncio do 23 de xaneiro de 2026, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (DOG núm. 30, do 13 de febreiro).
Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia de Turismo de Galicia, Concello de Cee, Concello de Dumbría, Consellería de Economía e Industria, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública e Instituto de Estudos do Territorio.
12. O 30.1.2026, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante da declaración de impacto ambiental e dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informe durante a tramitación do expediente, así como a declaración responsable relativa ás afeccións da configuración resultante do parque eólico.
13. O 11.2.2026, a promotora achegou a documentación técnica refundida, en que se inclúe o proxecto de execución, coa correspondente separata para o Concello de Dumbría. Asemade, en relación cos restantes organismos e empresas de servizo público ou de interese xeral aos cales se lles solicitou o correspondente condicionado técnico durante a tramitación do procedemento, e que se recollen na alínea novena, a promotora achega unha declaración responsable en que se expón que na configuración definitiva do proxecto non se modifican as respectivas afeccións.
Posteriormente, o 24.3.2026, en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 18.3.2026, a promotora achegou unha emenda do proxecto de execución refundido denominada Proxecto de execución refundido parque eólico Sembra e as súas infraestruturas de evacuación. Marzo 2026, asinada dixitalmente o 23.3.2026 por Enrique Sánchez Anós, enxeñeiro de camiños, canais e portos, colexiado número 13.742, e por Damián Muíño Bello, enxeñeiro técnico industrial, colexiado número 3.933 do Coeticor.
14. O 17.3.2026, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático remitiulle ao Concello de Dumbría a separata do proxecto refundido, co fin de que establecese o condicionado técnico procedente. Transcorrido o prazo outorgado, non se recibiu resposta.
15. O 8.4.2026, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático remitiulle, ao Departamento Territorial da Coruña, o proxecto de execución refundido achegado pola promotora o 24.3.2026, recollido na alínea décimo terceira, para os efectos da emisión do informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.
16. O 14.4.2026, a promotora solicitou o outorgamento por separado da autorización administrativa previa, de acordo co previsto na disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009.
17. O 16.4.2026, o Departamento Territorial da Coruña remitiulle á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático o informe do 15.4.2026 sobre o cumprimento da normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto de execución refundido do parque eólico, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009.
18. O 21.4.2026, a promotora achegou documentación relativa aos acordos de uso compartido das infraestruturas de evacuación, existentes entre os promotores de instalacións con permisos de acceso e de conexión outorgados na mesma posición de chegada na subestación da rede de transporte, en relación co previsto no artigo 21.5 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
19. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de transporte para unha potencia de 12 MW, segundo o informe do xestor da rede do 21.6.2023.
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2026
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
