BDNS (Identif.): 904906.
De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/904906
Primeiro. Beneficiarias
Aquelas familias con alumnado matriculado en centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos nas modalidades de gratuidade solidaria que se relacionan a seguir:
a) Fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria (EP), e en 1º, 2º, 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (ESO).
b) Axudas para adquirir libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de EP, e en educación especial (EE), así como o alumnado do resto dos cursos de EE e ESO con necesidades específicas de apoio educativo que non utilicen os libros do fondo.
c) Axudas para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en EP, ESO e EE.
Segundo. Obxecto
As distintas modalidades de axudas teñen como obxecto apoiar as familias con menos ingresos para dispoñer dos libros de texto e material escolar.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 29 de abril de 2026 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2026/27 (códigos de procedemento ED330B, ED330G e ED330H).
Cuarto. Importe
Fondo solidario de libros de texto: financiado cunha dotación total de 2.000.000,00 euros para o ano 2026 e de 300.000,00 euros para o ano 2027.
Axudas de libros de texto: financiadas cunha dotación total de 5.200.000,00 euros para o ano 2026 e de 500.000,00 euros para o ano 2027. Esta actuación está cofinanciada polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
Material escolar: financiado cunha dotación total de 8.500.500,00 euros para o ano 2026 e de 500.000,00 euros para o ano 2027.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
Iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 19 de xuño de 2026. O alumnado que se incorpore ao centro docente fóra deste prazo disporá dun mes contado a partir do día seguinte ao da formalización da matrícula. Non se poderán presentar solicitudes despois do 31 de marzo de 2027.
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2026
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades
e Formación Profesional
