DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 25 de maio de 2026 Páx. 30196

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

ACORDO do 19 de maio de 2026 polo que se anuncia a apertura dunha convocatoria pública para a presentación de solicitudes de autorizacións para a utilización de instalacións de atracada en pantalán en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, para embarcacións profesionais, principalmente de terceira e cuarta lista, no porto de Portosín (procedemento IF503A).

As instalacións de atracada para embarcacións profesionais destinadas ao sector pesqueiro de Portosín atópanse en proceso de reordenación, polo que é preciso que os titulares de embarcacións que desexen obter unha praza de amarre, utilicen ou non na actualidade un atraque, soliciten a correspondente autorización.

Por este motivo, anúnciase a apertura dunha convocatoria pública para a presentación de solicitudes nos citados portos, a partir do día seguinte ao da publicación do DOG desta convocatoria, que quedará aberta.

As solicitudes de atracada tramitaranse e adxudicaranse de conformidade co establecido no procedemento IF503A publicado na sede electrónica da Xunta de Galicia, e deben achegar a documentación indicada no dito procedemento, dirixindo a solicitude á Zona Centro de Portos de Galicia.

Enlace de acceso ao procedemento:

https://sede.xunta.gal/gal/detalle-procedemento?codtram=IF503A

As instalacións que se poñen á disposición son as indicadas na web de Portos de Galicia www.portosdegalicia.com, no enlace seguinte:

https://www.portosdegalicia.gal/solicitudes_atracadas_profesionais

Neste sitio poderán consultarse as prazas de atracada postas á disposición, as frotas a que van dirixidas así como a súa localización. Non obstante, a distribución, o tamaño ou calquera outra característica das prazas poderá modificarse durante a convocatoria, por motivos de explotación portuaria debidamente xustificada.

Se existir máis demanda que oferta de prazas, os criterios de selección serán os indicados na condición décimo primeira da Resolución do 29 de marzo de 2022 pola que se aproba o procedemento de autorización para a utilización de instalacións de atracada en pantalán, fondeadura e depósito en seco, en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, para embarcacións profesionais de 3ª, 4ª e 5ª lista.

Como criterios específicos do procedemento establécense os seguintes:

• A prioridade de asignación a embarcacións da 3ª lista.

• Para os efectos de asignación de prazas de amarre, as vendas ou descargas realizadas pola embarcación solicitante nun porto distinto do porto onde se solicita atracada minoraranse multiplicando o importe declarado por 0,75, de tratarse dun porto autonómico, e por 0,5, de tratarse dun porto estatal.

Transcorrido o prazo de quince días (15) hábiles desde a publicación desta convocatoria, analizaranse as solicitudes achegadas nese período segundo os criterios xerais e específicos da convocatoria e realizarase unha proposta de asignación de atracadas entre todas as presentadas. A asignación de prazas realizarase atendendo ás características da embarcación e da instalación en canto ao calado e á lonxitude de atracada, ou outros condicionantes que puidesen existir.

Non obstante, dado que o procedemento queda aberto, poderanse presentar solicitudes a partir desa data, pero non serán tidas en conta na primeira asignación de prazas, sendo posible a súa autorización posterior de existiren prazas vacantes.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2026

Juan Sanmartín Ferreiro
Director xeral de Portos de Galicia