DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 25 de maio de 2026 Páx. 30113

IV. Oposicións e concursos

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2026 pola que se convoca o concurso específico para a provisión de catorce postos de traballo vacantes, correspondentes ao persoal funcionario técnico, de xestión e de administración e servizos.

Pola Resolución reitoral do 13 de maio de 2026 apróbase a convocatoria do concurso específico para a provisión de 14 postos de traballo vacantes, correspondentes ao persoal funcionario técnico, de xestión e de administración e servizos da Universidade da Coruña.

A dita convocatoria faise de acordo co que dispón a lexislación vixente seguinte:

– Artigo 20 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública.

– Artigo 79 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.

– Artigos 90 e seguintes da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

– Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico.

– Real decreto 364/1995, do 10 de marzo (BOE do 10 de abril), que aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ao servizo da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado.

– Resolución da Universidade da Coruña, do 25 de xuño de 2024, pola que se fai pública a relación de postos de traballo do persoal funcionario técnico, de xestión e de administración e servizos (DOG do 8 de xullo), modificada pola Resolución do 12 de marzo de 2026 (DOG do 24 de marzo de 2026).

As bases completas da convocatoria poden consultarse na sede electrónica da Universidade da Coruña, https://sede.udc.gal/services/electronic_board

As solicitudes dirixiranse á xerente da Universidade da Coruña, no prazo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste extracto da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Os sucesivos anuncios referentes a esta convocatoria, segundo proceda de conformidade coas bases, publicaranse na sede electrónica da Universidade da Coruña, https://sede.udc.gal/services/electronic_board

A Coruña, 13 de maio de 2026

O reitor da Universidade da Coruña
P.D. (Resolución do 10.7.2024)
María Jesús Grela Barreiro
Xerente da Universidade da Coruña