Mediante a Resolución do 27 de febreiro de 2026 (DOG núm. 43, do 5 de marzo), a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocou un concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, corpo facultativo de grao medio, escala técnica facultativa, especialidade de educador e educadora infantil; corpo de técnicos/as de carácter facultativo, escala de axentes técnicos/as facultativos/as, especialidade educación infantil; e corpo de auxiliares de carácter técnico, escala auxiliar de coidadores.
Á vista da proposta da comisión encargada de valorar os méritos alegados polas persoas concursantes, e de conformidade coa base IX da convocatoria, esta dirección xeral, no uso da competencia delegada pola Consellería de Facenda e Administración Pública en virtude do disposto no artigo 1 da Orde do 8 de xaneiro de 2020 (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro),
RESOLVE:
Primeiro. Publicar as puntuacións provisionais das persoas concursantes admitidas para cada un dos postos solicitados, no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal e dentro da epígrafe de concurso de traslados https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/consulta
Segundo. As persoas interesadas poderán formular reclamación contra as puntuacións provisionais no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, concretamente ata o 12 de xuño de 2026. O formulario de reclamación estará á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, e deberá cubrirse e presentarse electronicamente (https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/xeracion-de reclamacions/).
A reclamación deberá especificar a alínea ou alíneas da base III sobre as que se reclama, con indicación expresa daqueles méritos que se consideran erroneamente puntuados e da causa concreta obxecto de reclamación.
Santiago de Compostela, 22 de maio de 2026
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
