DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 29 de maio de 2026 Páx. 31267

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 26 de maio de 2026 pola que se ditan normas que determinan os servizos mínimos nos centros educativos públicos do concello de Santiago de Compostela durante a folga do persoal da empresa Lacera Servicios y Mantenimiento, S.A. convocada para os días 1 e 2 de xuño de 2026.

A Confederación Intersindical Galega comunicou a convocatoria durante toda a xornada laboral dos días 1 e 2 de xuño de 2026 para o persoal da empresa Lacera Servicios y Mantenimiento, S.A. nos seus centros de traballo no servizo de conserxaría e limpeza nos centros de educación infantil e primaria (CEIP) do concello de Santiago de Compostela.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga á Administración autonómica, en canto autoridade gobernativa no ámbito da educación en Galicia, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican na presente orde respecto dos centros educativos.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito debe conciliarse co resto dos dereitos de carácter fundamental da cidadanía, polo que resulta imprescindible adoptar as medidas oportunas para asegurar o mantemento dos servizos esenciais da comunidade, entre os que se atopa o da educación, estando obrigada esta administración a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais educativos, conforme o previsto no artigo 10.2 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, e consonte o Decreto 55/1988, do 9 de xuño, sobre prestación de servizos esenciais en caso de folga (DOG do 20 de xuño). O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos e o persoal preciso para prestalos.

O servizo esencial da educación non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente, xa que xunto a esta actividade se realizan outras funcións como son a vixilancia e o coidado dos nenos e das nenas, menores de idade, que acoden aos centros docentes públicos, así como o coidado, o mantemento e a vixilancia das instalacións destinadas ao servizo público educativo.

Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial para os menores; dun xeito máis específico, a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, dispón no seu artigo 7 que o alumnado ten dereito a que se respecte a súa identidade, integridade e dignidade persoal, e á protección integral contra toda agresión física e moral. Polo tanto, a custodia e a seguridade dos menores de idade que accedan a un centro docente, o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados é responsabilidade ineludible desta administración educativa e parte indivisible do dereito esencial á educación. O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, dada a súa entidade, debe exercerse continuamente, polo que resulta precisa a presenza dun conserxe ou ordenanza durante toda a xornada lectiva, que deriva das funcións que a este tipo de persoal competen respecto do coidado e da vixilancia das instalacións e do control de entrada e saída do centro educativo, tanto para evitar a entrada de persoas alleas ao centro como para evitar a saída dos menores de idade cando non corresponda.

De conformidade coa normativa citada e cos argumentos expostos, e coa conformidade do Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

Terán a consideración de servizos mínimos para o persoal de conserxaría da empresa Lacera Servicios y Mantenimiento, S.A., que desenvolven o seu traballo nos centros educativos sitos no termo municipal de Santiago de Compostela, a presenza dun conserxe ou ordenanza durante o período de tempo que o centro docente estea aberto para as actividades lectivas.

Artigo 2

A designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos relacionados no artigo anterior será feita polos responsables da empresa Lacera Servicios y Mantenimiento, S.A., que llo notificarán ao persoal designado e llelo comunicarán ás direccións dos centros de educación infantil e primaria para ser publicada no taboleiro de anuncios dos centros educativos afectados pola folga.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional