DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 29 de maio de 2026 Páx. 31339

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 15 de maio de 2026 pola que se aproban as bases e se anuncia a convocatoria pública de prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas para o 2026 (código de procedemento PL500F).

A Xunta de Galicia, de acordo co previsto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, desenvolve accións para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. O Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, atribúelle a esta as competencias e funcións en materia de promoción e ensino da lingua galega, así como a dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia. Dentro da estrutura da consellería, consonte o disposto no devandito decreto, é a Secretaría Xeral da Lingua o órgano encargado de executar aquelas accións necesarias para desenvolver as competencias sobre política lingüística atribuídas á consellería.

Así mesmo, o 21 de setembro de 2004 aprobouse no Parlamento de Galicia, por unanimidade de todos os grupos parlamentarios, o Plan xeral de normalización da lingua galega, desenvolvido no seu momento por instancia da antiga Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Neste plan recoméndanse unha serie de medidas de actuación segundo o sector social implicado. No que se refire á proxección exterior do galego, un dos obxectivos marcados no plan é o de «consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico».

No sentido apuntado, e a través de convenios de colaboración subscritos con universidades de fóra de Galicia interesadas en incluír nos seus plans de estudo o ensino de lingua, literatura e cultura galegas, créanse os centros de estudos galegos, como órganos de referencia nestas universidades, a través dos cales se canalizan as actividades promotoras da nosa lingua, non só neste ámbito académico senón tamén na súa área de influencia.

Son precisamente estes centros o instrumento idóneo para promover unha formación eminentemente práctica entre os/as titulados/as universitarios/as que cumpran os requisitos de participación exixidos nesta convocatoria. A Secretaría Xeral da Lingua, dentro dos seus programas de formación relacionados coa lingua, a literatura e a cultura galegas, dirixidos a unha ampla gama de destinatarios/as, ofrécelle a este colectivo a posibilidade de se incorporar aos centros de estudos galegos, co fin de completar a súa formación e de se situar nunha mellor posición de cara a unha futura inserción no mundo laboral. O programa de formación complétase con actividades teórico-prácticas deseñadas desde a Secretaría Xeral da Lingua en exclusiva para o colectivo de lectores/as de lingua, literatura e cultura galegas e, con base nos convenios subscritos, facilítase a posibilidade de realizar ou de completar estudos de posgrao nas universidades de destino.

A desexable colaboración entre as distintas administracións, neste caso a Xunta de Galicia e as universidades, plasmada a través dos mencionados convenios en que estas últimas adquiren, durante a súa vixencia, o compromiso de contratar e integrar no seu cadro de persoal docente un lector/a de lingua, literatura e cultura galegas, supón un impulso substancial ao obxectivo marcado no Plan xeral de normalización lingüística de fomentar a proxección exterior do galego no mundo académico da ensinanza superior.

Por outra parte, con base nos principios xerais que rexen as relacións entre as administracións públicas, consagrados no artigo 3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, séntese na obriga de prestarlles ás universidades implicadas a súa cooperación, colaboración e asistencia activa para que poidan levar a cabo con eficacia o proceso de selección do lector ou lectora referido no parágrafo anterior.

Esta obriga legal de asistencia ten a súa orixe na circunstancia de que os centros de ensino de nivel superior onde se imparten as titulacións conducentes a conseguir a suficiente e adecuada acreditación académica para optar á praza de lector ou lectora de lingua, literatura e cultura galegas sitúanse en Galicia.

Non obstante o anterior, a actuación da consellería quedará limitada a publicar as bases da convocatoria a través daqueles medios de difusión que considere pertinentes, entre outros, o Diario Oficial de Galicia; a colaborar na súa xestión administrativa; a prestarlles o asesoramento técnico que demanden e a darlle a adecuada difusión á resolución pola que as universidades adxudican as prazas convocadas.

En aplicación do previsto no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), e do artigo 10.2 da Lei 4/2019, de administración dixital de Galicia (DOG núm. 141, do 26 de xullo), as persoas que poden participar nesta convocatoria contan coa capacidade técnica para acceder e dispoñer dos medios electrónicos necesarios. Polo tanto, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

En consecuencia, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Publícanse as bases reguladoras e anúnciase a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade, de tres prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas para o 2026 (código de procedemento PL500F) nos centros de estudos galegos localizados nas universidades que se relacionan na táboa seguinte:

Destino

Localidade

País

Bangor University

Bangor

Reino Unido

Université de la Sorbonne Nouvelle, París III

París

Francia

Uniwersytet Warszawski

Varsovia

Polonia

Artigo 2. Duración

1. A contratación por parte das universidades das persoas seleccionadas abranguerá, como máximo, un período que non excederá os 3 anos.

2. As datas previstas de incorporación e remate recóllense no anexo II, no cal se describen as características principais de cada unha das prazas convocadas. En todo caso, respectarase a data de remate.

Artigo 3. Retribucións

1. O importe íntegro anual para percibir polos/as adxudicatarios/as tamén se indica, a respecto de cada praza, no anexo II (especificacións das prazas).

2. Con cargo a este importe, as persoas beneficiarias asumirán calquera gasto de tipo profesional ou persoal que se poida derivar da súa condición, é dicir: impostos, cotizacións sociais, gastos de locomoción, manutención e residencia, custos de matrícula e gastos de inscrición en actividades formativas, trámites administrativos etc.

3. Estas persoas, de acordo co establecido no seu artigo 1 e por mor da relación laboral establecida coa universidade de destino, quedan fóra do ámbito de aplicación do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

Artigo 4. Programa de formación

O programa de formación, que terá un marcado carácter práctico, estará integrado por actividades relacionadas coa docencia, a programación e organización de tarefas, a investigación, a difusión e a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas. As persoas adxudicatarias desenvolverán estas actividades no marco do convenio asinado coas universidades de destino, baixo a dirección da persoa responsable do centro de estudos galegos e en permanente coordinación con este.

As ditas actividades non se limitarán ao ámbito académico universitario senón que tamén abranguerán a súa área de influencia.

Artigo 5. Seguimento, control e avaliación

A persoa responsable do centro de estudos galegos da universidade correspondente realizará o seguimento, control e avaliación do correcto desenvolvemento do programa de formación do lectorado para verificar o cumprimento das condicións establecidas na convocatoria.

As persoas contratadas deberán desempeñar as funcións propias da praza conforme o programa de formación aprobado e as directrices establecidas, así como facilitar toda a información que lles sexa requirida para os efectos de seguimento e control. Así mesmo, estarán obrigadas a presentar un informe semestral sobre o desenvolvemento do programa de formación, así como unha memoria final, na cal se recollan o grao de cumprimento dos obxectivos do programa e a valoración da experiencia desenvolvida.

A Secretaría Xeral da Lingua poderá solicitarlle á persoa responsable do centro de estudos galegos da universidade de destino informes complementarios ou información adicional sobre as actividades realizadas para comprobar o adecuado aproveitamento do lectorado.

As persoas contratadas colaborarán coa Secretaría Xeral da Lingua na divulgación de actividades relacionadas coa promoción e difusión da lingua e da cultura galegas, sempre que sexan compatibles coas tarefas propias da contratación.

Artigo 6. Requisitos

1. Poderán participar nesta convocatoria as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

– Estar en posesión da nacionalidade española ou de calquera dos países membros da Unión Europea.

– Non padecer enfermidade ou limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desenvolvemento das actividades obxecto desta convocatoria.

– Non atoparse incluídas en ningunha das prohibicións sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Titulación académica:

a) Poderá solicitar calquera das prazas ofertadas quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

• Licenciatura en Filoloxía Galega.

• Licenciatura en Filoloxía Románica.

• Grao en Lingua e Literatura Galegas.

• Grao en Estudos de Galego e Español.

• Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios.

• Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española.

• Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios.

b) Tamén se poderá presentar quen estea en posesión dalgunha das titulacións da área de Humanidades ou da área de Ciencias Sociais e Xurídicas, sempre que posúa o Celga 5 ou 18 créditos de lingua galega e mais o Celga 4. Ademais, para as universidades de fóra de España, deberá acreditar 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.

c) Ademais da titulación académica exixida, para poder solicitar a praza da Universidade de Varsovia (Polonia), deberá de estar en posesión de estudos de posgrao (máster) en áreas afíns ás mencionadas neste artigo, sempre que teña unha especialización en galego.

2. Tamén poderán participar os lectores ou lectoras que, antes de rematar o período máximo de estadía, se visen obrigados a cesar na súa condición por causas alleas á súa vontade, sempre que esta circunstancia non derivase da resolución dun procedemento de tipo disciplinario.

3. Quedan excluídas aquelas persoas que sexan lectoras contratadas de lingua, literatura e cultura galegas, ou que o fosen no seu momento, agás nos supostos de cobertura provisional previstos no artigo 14.

Artigo 7. Presentación de solicitudes

1. A capacidade técnica e formación universitaria do colectivo de persoas físicas ás que van dirixidas estas prazas permítelles o acceso e dispoñibilidade dos recursos electrónicos necesarios para se relacionaren por este medio co sector público autonómico. Por esta razón, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As persoas interesadas poderán solicitar, como máximo, tres destinos que deberán relacionar no anexo I por orde de preferencia.

3. Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, notificaráselle á persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende os erros ou acompañe os documentos preceptivos. Unha vez que transcorra o dito prazo sen que se produza a emenda, considerarase que desiste da súa petición.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Prazo de presentación

1. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Rematado o prazo de presentación de solicitudes e o establecido para a súa emenda, publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua e no seu taboleiro de anuncios as listaxes provisionais de admitidos/as, excluídos/as –con indicación da causa que orixina esta situación– e desistidos/as.

Á vista das listaxes anteriores, as persoas interesadas disporán dun prazo de cinco días para presentar reclamación.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da súa identidade (no caso de persoas solicitantes estranxeiras).

b) Currículo, no cal deben figurar todos os méritos alegados.

c) Xustificantes dos méritos alegados no currículo (na mesma orde en que aparezan relacionados neste).

d) Para cada destino solicitado, proxecto didáctico de docencia en prácticas aplicable á universidade solicitada, que incluirá como primeira epígrafe a explicación dos motivos da súa solicitude. Non se terá en conta ningún proxecto que se achegue fóra do prazo de presentación de solicitudes.

A extensión do proxecto didáctico non deberá superar as 25 páxinas, redactadas en soporte dixital cun interliñado de espazo e medio, tipo de letra non superior a 14 puntos e presentadas en formato A4.

e) No caso de titulacións de universidades estranxeiras, unha copia da titulación universitaria exixida no artigo 6 ou da acreditación de que foi solicitada.

f) En relación coa titulación exixida (persoas nacionais ou estranxeiras), copia da certificación académica persoal ou acreditación de que foi solicitada, na cal debe constar a nota media do expediente académico, calculada en función do disposto na Resolución da Secretaría Xeral Técnica, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou estes documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, no caso de que non se puidesen obter os citados documentos, poderán solicitárselle novamente á persoa interesada.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que haxa que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Na presentación da documentación gardarase a seguinte orde: solicitude, documento acreditativo da identidade (de ser o caso), titulación académica, certificación académica persoal, currículo, xustificantes dos méritos alegados neste (na mesma orde en que aparezan relacionados nel) e proxecto ou proxectos didácticos.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Consulta de títulos universitarios oficiais (no caso de titulacións expedidas por universidades españolas).

c) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Comisión de Valoración

1. Os méritos alegados polas persoas solicitantes serán valorados por unha comisión integrada polas persoas representantes das respectivas universidades.

Presidirá a comisión a persoa representante da universidade cuxa relación de colaboración coa Xunta de Galicia, en relación co obxecto desta convocatoria e en función dos sucesivos convenios asinados, sexa a máis antiga. Actuará como secretaria, a persoa representante da universidade en que se dea a circunstancia contraria.

2. A Comisión de Valoración poderá acordar a incorporación ás súas reunións de persoal de carácter técnico que contribúa a unha correcta valoración dos méritos alegados polas persoas aspirantes ou a aclarar as dúbidas que lles poidan xurdir aos membros da dita comisión. Este persoal actuará con voz pero sen voto nas reunións da citada comisión.

Artigo 14. Valoración de méritos

1. A comisión reunirase para valorar os méritos debidamente acreditados de cada unha das solicitudes admitidas, de acordo cos criterios que se indican no anexo III desta orde.

2. Cando o número de solicitudes admitidas para un mesmo destino supere a contía de doce, limitarase o acceso á fase de exposición e defensa do proxecto didáctico aos doce candidatos e candidatas que acaden as maiores puntuacións nos méritos indicados nas epígrafes 1, 2, 3 e 4 do anexo II.

En calquera caso, non accederán á fase anterior aquelas persoas candidatas que non presentasen o proxecto didáctico en prazo.

3. A Secretaría Xeral da Lingua publicará na súa páxina web institucional e comunicaralles ás persoas solicitantes, a través do enderezo de correo electrónico facilitado, a relación das candidatas e candidatos seleccionados para a fase de exposición e defensa do proxecto didáctico, así como o lugar, a data e a hora de realización.

4. Será causa específica de desistencia non presentarse á exposición e á defensa do proxecto didáctico. Non se considerará desistencia cando a ausencia estea debidamente xustificada por causa de forza maior, enfermidade ou impedimento legalmente acreditado.

5. Os méritos alegados no currículo xustificaranse na forma indicada para a documentación complementaria. Os xustificantes disporanse a continuación do currículo, na mesma orde en que aparezan relacionados neste.

Non se valorará ningún mérito que non conste explicitamente no currículo ou que, no caso de figurar, non se xustifique adecuadamente ou se faga fóra do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de publicacións, xustificaranse mediante o envío dixital da obra, á cal se engadirán, se é o caso, a capa, a contracapa, a folla que conteña o ISBN, ISSN ou depósito legal e o índice. De tratarse de publicacións extensas, permitirase a presentación destas de forma presencial dentro dos prazos previstos.

Os xustificantes dos méritos redactados nun idioma distinto aos oficiais en Galicia, para seren valorados, deberán acompañarse dunha tradución a algún destes, e incluirán ao pé unha declaración responsable asinada cunha lenda que faga constar que se trata dunha tradución fiel do documento.

Artigo 15. Proposta de resolución

1. Rematados os traballos por parte da Comisión de Valoración, as respectivas universidades formularán a proposta de resolución provisional baseada nas maiores puntuacións obtidas polos/as candidatos/as.

A adxudicación non poderá recaer sobre aquelas persoas candidatas cunha valoración total inferior a 5 puntos.

2. Esta proposta de resolución provisional exporase a información pública, na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua por un prazo de dez días contados a partir do seguinte á data de publicación. Durante este prazo, as persoas interesadas poderán presentar as alegacións que xulguen pertinentes de acordo co establecido no artigo 6.

3. Se algunha das persoas candidatas propostas tivese a intención de non aceptar a adxudicación da bolsa, deberá comunicalo expresamente dentro do prazo de alegacións e proporase o seguinte con maior puntuación. Ante o rexeitamento deste, ofreceráselle á persoa situada a continuación, e así sucesivamente ata a súa cobertura.

4. En caso de empate, a orde virá dada pola puntuación obtida en cada apartado do anexo II, conforme a orde establecida no dito anexo.

Artigo 16. Resolución

1. Logo de rematar o prazo de alegacións e examinadas estas, se as houber, formularase a proposta de resolución definitiva.

2. O prazo máximo para resolver a convocatoria será de catro meses, contados a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De non se resolver neste prazo, as solicitudes entenderanse desestimadas.

3. No caso de persoal funcionario en servizo activo, a adxudicación dependerá de que obteñan o pase á situación administrativa correspondente, xa que é incompatible co desempeño dun posto de traballo na Administración pública.

4. A Secretaría Xeral da Lingua colaborará na difusión pública da adxudicación das prazas convocadas.

5. Para os efectos do estipulado no artigo 16 e para cada destino ofertado, integrarán unha listaxe de suplencia aquelas solicitudes que, respectando a orde de prelación por puntuación, se situasen a continuación da persoa adxudicataria e que acaden, como mínimo, unha puntuación total igual a 5.

6. A concesión da praza e a percepción das retribucións non implica ningún tipo de relación laboral, ou de natureza similar, entre a Xunta de Galicia e as persoas beneficiarias.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas adxudicatarias sométense e quedan obrigadas a respectar, en todas as súas actuacións relacionadas co obxecto desta convocatoria, as normas que regulan o réxime de funcionamento e disciplinario que se apliquen en cada unha das universidades de destino. Responderán das súas actuacións, polo tanto, perante as ditas universidades.

As persoas adxudicatarias destinadas en universidades estranxeiras situadas en cidades en que haxa centros do Instituto Cervantes poderán desenvolver cursos de lingua e cultura galegas neses centros, baixo a supervisión e coordinación destes, así como colaborar noutras actividades conxuntas a prol da promoción da lingua e da cultura galegas.

Artigo 18. Substitucións

1. No caso de que, unha vez adxudicadas as prazas, algunha das persoas beneficiarias renuncie á súa incorporación, a cobertura provisional realizarase mediante a utilización da correspondente listaxe de suplentes que se elaborará con aquelas solicitudes que, respectando a orde de prelación por puntuación, estean situadas a continuación da persoa adxudicataria e que acaden, como mínimo, unha puntuación total igual a 5. Estas bolsas serán incluídas na seguinte convocatoria para a súa adxudicación mediante concurso público de méritos.

2. Cando sexa necesaria a substitución temporal do bolseiro ou da bolseira titular, empregarase tamén o procedemento descrito no punto anterior. Esta substitución abranguerá o período que dure a causa que a orixina.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Deberán cumprirse as obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a lle subministrar á Administración, ao organismo ou a calquera das entidades previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, con requirimento previo, a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 20. Réxime xurídico

O réxime xurídico aplicable a esta convocatoria é o seguinte: Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); os preceptos declarados básicos pola disposición derradeira primeira da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro) e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003 (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

Artigo 21. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 a 125 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira

A persoa titular da Secretaría Xeral da Lingua poderá ditar, no ámbito das súas competencias, cantos actos e medidas sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira Mª Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura,
Lingua e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Especificacións das prazas

Universidade de Bangor:

Modalidade

Contrato laboral

Denominación ou categoría laboral:

Profesor/a de lingua e cultura contratado

Duración máxima:

3 anos

Data prevista de incorporación:

1 de outubro de 2026

Data de remate (respectarase, en todo caso):

30 de setembro de 2029

Retribucións íntegras anuais1:

29.000,00 €

Perfil da praza:

Lingua galega e historia/cultura contemporánea

Université de la Sorbonne Nouvelle, París III:

Modalidade

Contrato laboral

Denominación ou categoría laboral:

Lector/a

Duración máxima:

3 anos

Data prevista de incorporación:

1 de setembro de 2026

Data de remate (respectarase, en todo caso):

31 de agosto de 2029

Retribucións íntegras anuais1:

37.000,00 €

Perfil da praza:

Profesor/a de galego como lingua estranxeira para alumnado non galegofalante de distintos niveis.

Valórase a experiencia en creación de materiais didácticos e organización de actividades de dinamización da lingua galega.

Requírese coñecemento da historia, literatura e artes vinculadas ao galego. Tamén se aprecia a capacidade de difundir a cultura galega e participar en programas culturais internacionais

Universidade de Varsovia:

Modalidade

Contrato laboral

Denominación ou categoría laboral:

Lector/a de galego

Duración máxima:

3 anos

Data prevista de incorporación:

1 de outubro de 2026

Data de remate (respectarase, en todo caso):

30 de setembro de 2029

Retribucións íntegras anuais1:

15.600,00 €

Perfil da praza:

Sen perfil definido. Requisito artigo 6.c)

1. Retribucións vixentes a data de publicación desta orde.

ANEXO III

Valoración de méritos

Méritos

Puntuacións

1. Formación:

Máximo 18 puntos

1.1. Polo título de doutoramento:

2 puntos

1.2. Por cada licenciatura ou titulación de grao a maiores da esixida 1 punto:

Ata 2 puntos

1.3. Expediente académico:

Valorarase segundo a nota media calculada en función do disposto na Resolución do 15 de setembro de 2011, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 188, do 30 de setembro) e acreditarase mediante certificación académica persoal. A puntuación así obtida tomarase, con dous decimais, pola metade do seu valor:

Ata 5 puntos

1.4. Estar en posesión dalgunha das titulacións detalladas no artigo 6, apartado 1, letra a):

2 puntos

1.5. Estar en posesión da licenciatura ou grao en Tradución e Interpretación

1 punto

1.6. Asistencia a cursos de formación didáctica no ensino de linguas1:

Ata 3 puntos

1.6.1. Ata 25 horas

0,25 puntos

1.6.2. De 26 a 50 horas

0,50 puntos

1.6.3. De 51 a 100 horas

0,75 puntos

1.6.4. Máis de 100 horas

1,00 punto

1.7. Asistencia a actividades de formación relacionadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas2:

Ata 3 puntos

1.7.1. Ata 25 horas

0,05 puntos

1.7.2. De 26 a 50 horas

0,10 puntos

1.7.3. De 51 a 100 horas

0,15 puntos

1.7.4. Máis de 100 horas

0,20 puntos

2. Actividade docente e/ou divulgativa e publicacións:

Máximo 7 puntos

2.1. Impartición de cursos, seminarios, relatorios etc., relacionados coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

Ata 2 puntos

2.1.1. De 0 a 10 horas

0,05 puntos

2.1.2. De 11 a 25 horas

0,10 puntos

2.1.3. De 26 a 50 horas

0,15 puntos

2.1.4. De 51 a 100 horas

0,20 puntos

2.1.5. Máis de 100 horas

0,25 puntos

2.2. Organización de actividades de difusión e promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas (dirección e/ou coordinación):

Cando estas actividades se realizasen en universidades de fóra de Galicia valoraranse exclusivamente no apartado 3.1.

Ata 1 punto

2.2.1. Ata 25 horas

0,05 puntos

2.2.2. De 26 a 50 horas

0,10 puntos

2.2.3. De 51 a 100 horas

0,15 puntos

2.2.4. Máis de 100 horas

0,20 puntos

2.3. Publicacións relacionadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

Acreditaranse mediante orixinais ou copias dixitais en que consten o ISBN, ISSN ou depósito legal, segundo corresponda, e o índice (non se valorarán as publicacións que non o consignen).

Non se valorarán as publicacións de autoría múltiple.

Ata 2 puntos

2.3.1. Libros:

0,50 puntos

2.3.2. Relatorios, artigos, recensións etc.:

0,10 puntos

2.3.3. Material audiovisual:

0,10 puntos

2.4. Docencia no ensino regrado de lingua, literatura e cultura galegas:

Valorarase con 0,05 puntos por cada mes ou fracción inferior.

Ata 2 puntos

3. Dinamización e coñecementos:

Máximo 5 puntos

3.1. Organización de actividades de difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas, en universidades de fóra de Galicia (dirección e/ou coordinación):

Ata 1 punto

3.1.1. Ata 25 horas

0,20 puntos

3.1.2. De 26 a 50 horas

0,40 puntos

3.1.3. De 51 a 100 horas

0,60 puntos

3.1.4. Máis de 100 horas

0,80 puntos

3.2. Coñecemento do país ou da comunidade autónoma en que se encontre a universidade solicitada (acreditación exclusiva mediante residencia):

Ata 1 punto

3.3. Nivel de coñecemento do idioma ou idiomas propios do país ou da comunidade autónoma de destino (distintos ao galego ou castelán):

Ata 3 puntos

3.3.1. MCERL3 A2/ALTE4 1

0,50 puntos

3.3.2. MCERL B1/ALTE 2

0,75 puntos

3.3.3. MCERL B2/ALTE 3

1,00 puntos

3.3.4. MCERL C1/ALTE 4

1,25 puntos

3.3.5. MCERL C2/ALTE 5

1,50 puntos

3.3.6. Outros (ensino non regrado)

0,15 puntos

4. Adecuación do currículo presentado ao perfil formativo do destino solicitado:

Máximo 5 puntos

5. Exposición e defensa ante a Comisión de Valoración do proxecto didáctico de docencia en prácticas, investigador e difusor da lingua, a literatura e a cultura galegas que se desenvolverá na universidade solicitada:

Valorarase tendo en conta os seguintes criterios:

5.1. Adecuación ao destino solicitado (ata 1 punto):

• Motivación fundamentada para o destino solicitado (claridade, coherencia e relación co perfil académico).

• Coñecemento da universidade solicitada (referencia a estudos, liñas académicas, estrutura ou contexto universitario).

• Coñecemento da actividade do Centro de Estudos Galegos (CEG) (actividades, funcións e liñas de actuación).

• Coñecemento do país ou da comunidade autónoma na que se localiza o Centro de Estudos Galegos (CEG) (referencia ao contexto (socio)lingüístico, cultural ou educativo).

5.2. Deseño e calidade do proxecto docente (ata 3 puntos):

• Estruturación e coherencia do proxecto (claridade na organización, obxectivos, contidos e secuenciación).

• Coñecementos e fundamentación teórica (referencia a enfoques didácticos, marcos teóricos ou metodoloxías).

• Deseño das actividades (variedade, adecuación e carácter práctico).

• Aplicabilidade e viabilidade (adaptación ao contexto e aos recursos).

• Bibliografía (actualidade e pertinencia das fontes).

5.3. Coñecementos e competencias (ata 1 punto):

• Coñecementos didácticos e pedagóxicos (técnicas de ensino,

planificación de actividades e adecuación metodolóxica).

• Coñecemento da regulación do ensino da lingua galega e do sistema de acreditación do nivel de competencia en lingua galega (Celga) (sistema e referencias normativas).

• Capacidade de razoamento e resolución de problemas (argumentación e solución de supostos prácticos).

• Habilidades comunicativas e claridade expositiva (coherencia, precisión, uso adecuado do vocabulario e capacidade de estruturar a exposición).

• Aptitude, motivación profesional e adecuación ao posto (interese e compromiso).

• Dominio do idioma (fluidez, pronunciación, corrección e expresividade).

Máximo 5 puntos

1. Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas ou aqueles que non acrediten as horas.

2. Non se valorarán as actividades de menos de 10 horas ou aquelas que non acrediten as horas.

3. MCERL: Marco común europeo de referencia para as linguas

4. ALTE: Asociación de Avaliadores de Linguas Europeas.