DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 2 de xuño de 2026 Páx. 31818

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 47/2026, do 1 de xuño, polo que se modifica o Decreto 145/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Servicio Galego de Saúde.

O fortalecemento da atención primaria e comunitaria, así como o reforzo da súa centralidade para potenciar os recursos existentes neste nivel, constitúen un eixe estratéxico prioritario para o Servizo Galego de Saúde.

Os actuais cambios demográficos, derivados do incremento na esperanza de vida, amosan un escenario de envellecemento poboacional na nosa Comunidade Autónoma e un aumento da prevalencia de pacientes con patoloxías crónicas e complexas. Esta realidade require unha atención específica, integrada e proactiva que debe articularse e liderarse, de forma preferente, desde o ámbito da atención primaria, que precisa unha reforma integral para adecuala á nova realidade sociodemográfica.

Co obxectivo de consolidar este nivel asistencial como o verdadeiro motor e eixe vertebrador do sistema sanitario público galego e levar a cabo esa reforma, faise necesario dotalo dunha estrutura de xestión específica e con identidade propia na organización central.

Nese sentido, a 34ª Resolución aprobada polo Parlamento de Galicia na sesión do día 8 de abril de 2026, correspondente ao Debate anual sobre política xeral, insta a Xunta de Galicia a impulsar neste semestre unha reforma integral da Atención Primaria que adecúe as súas estruturas ao cambio demográfico que está a vivir Galicia e ás necesidades reais da poboación, reforzando a estrutura de gobernanza da Atención Primaria, incluída a creación dunha dirección xeral específica no Servizo Galego de Saúde que asegure a coordinación, o seguimento continuo e a correcta execución desta reforma en todo o territorio.

Por todo isto, mediante este decreto modifícase o Decreto 145/2024, do 20 de maio, coa finalidade de crear a Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria como órgano de dirección do Servizo Galego de Saúde. En consonancia con esta nova distribución funcional, a actual Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria adecúa a súa denominación e pasa a denominarse Dirección Xeral de Integración e Innovación Asistencial, orientando os seus esforzos cara á coordinación global de procesos e á modernización do modelo de saúde.

O desenvolvemento da estrutura orgánica detallada de ambos os dous órganos centrais aprobarase posteriormente mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade.

Co fin de garantir a continuidade asistencial e administrativa, a disposición transitoria deste decreto establece que, mentres non se aprobe o devandito desenvolvemento estrutural, a persoa titular da Consellería de Sanidade determinará, a través das resolucións oportunas, a adscrición provisoria dos órganos dependentes da antiga Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria a estas novas direccións xerais, que asumiran de inmediato as competencias correspondentes

Por tanto, de conformidade co artigo 75.e) e 96.3 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, por proposta do conselleiro de Sanidade e previa deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de xuño de dos mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 145/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Servicio Galego de Saúde

O punto 3.1.2 do artigo 1 do Decreto 145/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, queda modificado como segue:

«3.1.2. Órganos unipersoais:

a) A Presidencia.

b) A Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

c) A Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria.

d) A Dirección Xeral de Integración e Innovación Asistencial.

e) A Dirección Xeral de Recursos Económicos.

f) A Dirección Xeral de Recursos Humanos».

Disposición adicional primeira. Desenvolvemento da estrutura orgánica dos órganos unipersoais creados ou cuxa denominación varía a consecuencia deste decreto

O Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, aprobará mediante decreto o desenvolvemento da estrutura orgánica dos órganos unipersoais creados ou cuxa denominación varía a consecuencia deste decreto.

Disposición adicional segunda. Referencias ao órgano que varía a súa denominación

As referencias ao órgano que varía a súa denominación por este decreto entenderanse realizadas ao que o substitúe ou asume as súas competencias.

Disposición adicional terceira. Mantemento de nomeamentos

Non será preciso un novo nomeamento e toma de posesión da persoa titular do órgano unipersoal cuxa denominación varía a consecuencia do disposto neste decreto.

Disposición transitoria. Adscrición de órganos e unidades administrativas

Mediante as resolucións oportunas da persoa titular da Consellería de Sanidade determinarase a adscrición dos órganos dependentes da anterior Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria aos órganos unipersoais creados ou cuxa denominación varía a consecuencia deste decreto, que asumirán as correspondentes competencias, mentres non se proceda á aprobación do decreto previsto na disposición adicional primeira.

Disposición derradeira primeira. Habilitación á Consellería de Facenda e Administración Pública

Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública para ditar as disposicións necesarias para a xestión dos créditos afectados pola nova estrutura administrativa derivada deste decreto.

A Consellería de Facenda e Administración Pública realizará as modificacións orzamentarias necesarias para lle dar cumprimento ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de xuño de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade