Examinada a solicitude de revisión do esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Monte Cerengo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) da parroquia das Cabanas, no concello de San Xoán de Río, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 28.8.2025, a CMVMC da parroquia das Cabanas presentou unha solicitude (rexel núm. 2025/2346510) de revisión do esbozo do MVMC Monte Cerengo, no concello de San Xoán de Río.
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 14.3.2025.
– Memoria e planos.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 30 de outubro de 2025 en relación coa citada solicitude. O perímetro obxecto de revisión comprende a práctica totalidade das partes lindeiras con particulares.
A superficie do MVMC Monte Cerengo, unha vez modificado o esbozo, sería de 391,12 ha fronte ás 408,80 ha resultantes previamente, o que supón unha redución do 4,3 %.
Tendo en conta o anterior, emítese un informe favorable sobre a revisión do esbozo solicitada.
Consideracións legais e técnicas:
Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser revisados axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 30 de outubro de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 28 de abril de 2026:
Aprobar a proposta de revisión do esbozo do MVMC Monte Cerengo, pertencente á CMVMC da parroquia das Cabanas, no concello de San Xoán de Río.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 13 de maio de 2026
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
