DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 3 de xuño de 2026 Páx. 32243

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 14 de maio de 2026, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa á revisión de esbozo do monte veciñal en man común Serra da Pena, no concello de Cortegada.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veiñal en man común (MVMC) Serra da Pena, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) da parroquia de Zaparín, no concello de Cortegada, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O día 8.7.2025, a CMVMC da parroquia de Zaparín (Cortegada) presentou, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (rexel 2025/1933273), unha solicitude de revisión de esbozo do monte veciñal Serra da Pena, da súa titularidade.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 3.5.2025.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 5 de novembro de 2025 en relación coa citada solicitude. Modifícase, coa revisión de esbozo solicitada, o perímetro do monte polo norte, estremeiro con propiedades, e actualízase a liña polo sur co MVMC Serra da Pena e Picouto da CMVMC parroquia de Refoxos en aplicación da Sentenza do Xulgado de Primeira Instancia de Ribadavia ditada o 4 de marzo de 2020.

A superficie do monte inicialmente clasificada (80 ha) e a obtida con estas actualizacións é semellante (80,5 ha).

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo solicitada.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 5 de novembro de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 28 de abril de 2026:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Serra da Pena, pertencente á CMVMC da parroquia de Zaparín, no concello de Cortegada.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 14 de maio de 2026

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense

ANEXO

missing image file