Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Gándaras, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Caxide, Castro, O Coutiño, O Couto e Santigueiro, no concello de Parada de Sil, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 22.9.2025, a CMVMC de Caxide, Castro, O Coutiño, O Couto e Santigueiro presentou unha solicitude (rexel núm. 2025/2603870) de revisión de esbozo do MVMC Gándaras, no concello de Parada de Sil.
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 14.9.2025.
– Memoria e planos.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 6 de novembro de 2025 en relación coa citada solicitude. A revisión de esbozo solicitada comprende as partes estremeiras con particulares.
O dito perímetro comprende dúas zonas as cales atópanse claramente fóra do contorno do monte. Trátase de terreos consistentes en sendos brazos de terra que se estenden, un deles, uns 800 m cara ao E, chegando ata o núcleo de Castro; e, o outro deles, uns 500 m en dirección O, chegando practicamente ao chamado Regato do Furado.
A superficie do MVMC Monte Cerengo, unha vez modificado o esbozo, sería de 135,15 ha fronte ás 127 ha do acordo de clasificación, o que supón un incremento do 6,4 %.
Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo solicitada.
Consideracións legais e técnicas:
Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 6 de novembro de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 28 de abril de 2026:
Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Gándaras, pertencente á CMVMC de Caxide, Castro, O Coutiño, O Couto e Santigueiro, no concello de Parada de Sil.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 15 de maio de 2026
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
