O artigo 89 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establece que o concurso é o procedemento normal de provisión de postos de traballo para o persoal funcionario de carreira e consiste na valoración dos méritos e das capacidades e, de ser o caso, das aptitudes dos candidatos conforme as bases establecidas na correspondente convocatoria.
O artigo 90.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, establece o concurso ordinario como o procedemento xeral de provisión dos postos de traballo que non teñan establecida outra forma de provisión na relación de postos de traballo.
O artigo 14.2.d) do devandito texto legal atribúelle á persoa titular da consellería competente en materia de función pública a competencia para convocar e resolver os concursos de provisión de postos de traballo incluídos nas relacións de postos de traballo do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.
Ao existiren vacantes dotadas orzamentariamente na relación de postos de traballo dos que se considera necesaria a súa provisión, logo de negociación na Mesa Sectorial do Persoal Funcionario Público e oída a Comisión de Persoal, esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, resolve convocar o concurso ordinario de traslados para a provisión dos postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que se relacionan no anexo I desta convocatoria, de conformidade coas seguintes bases:
I. Requisitos e obrigas de participación
1. Poderán participar neste concurso:
a) O persoal funcionario de carreira do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de inspección turística e corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes de inspección, especialidades de vixilancia de estradas, mobilidade e dominio público hidráulico, sempre e cando transcorresen dous anos desde que accedese ao posto que veña desempeñando con carácter definitivo, agás que este se provese polo sistema de libre designación, en cuxo caso non se exixirá permanencia.
Ao persoal funcionario de carreira de novo ingreso que ocupara un posto en definitivo, para os efectos de poder participar neste concurso, computaráselle a antigüidade mínima dos dous anos desde o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira na escala de participación.
Ao persoal funcionario de carreira que accedese a un corpo/escala por promoción interna ou en virtude dun procedemento de integración e permanecese no posto de traballo que desempeñaba, computaráselle o tempo de servizos prestados neste posto no corpo/escala de procedencia para os efectos do disposto no parágrafo anterior.
O persoal que adquiriu a condición de persoal funcionario de carreira ao abeiro da disposición transitoria primeira e da disposición adicional decimo sétima da Lei 2/2015, do 29 de abril, poderá participar sempre que teña unha antigüidade mínima de dous anos na categoría profesional equivalente ao corpo ou á escala en que se realizou a súa funcionarización.
b) O persoal funcionario de carreira do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de inspección turística e corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes de inspección, especialidades de vixilancia de estradas, mobilidade e dominio público hidráulico, en situación de excedencia voluntaria por interese particular, despois de transcorrer o período mínimo de permanencia nesta situación.
c) O persoal funcionario de carreira do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de inspección turística e corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes de inspección, especialidades de vixilancia de estradas, mobilidade e dominio público hidráulico, en calquera situación administrativa distinta das anteriores que permitan a participación no concurso de traslados de acordo coa normativa aplicable.
2. Están obrigados/as a participar neste concurso:
a) O persoal funcionario de carreira do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de inspección turística e corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes de inspección, especialidades de vixilancia de estradas, mobilidade e dominio público hidráulico, obxecto desta convocatoria, que se encontre ao dispor do órgano competente ou adscrito provisionalmente a un posto de traballo, de acordo co disposto no artigo 97.5 e coa disposición transitoria quinta da Lei 2/2015, do 29 de abril. Deberá solicitar todos os postos de acordo coa base VI.2.
O incumprimento desta obriga determinará a declaración da situación de excedencia voluntaria por interese particular (artigo 97 da Lei 2/2015, do 29 de abril). Para estes efectos tomarase como data de referencia a da situación administrativa da persoa concursante no día da publicación da convocatoria do concurso de traslados no Diario Oficial de Galicia.
Exceptúase do establecido neste punto o persoal de novo ingreso que non teña unha antigüidade mínima de dous anos desde o nomeamento como persoal funcionario de carreira.
b) O persoal funcionario de carreira do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de inspección turística e corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes de inspección, especialidades de vixilancia de estradas, mobilidade e dominio público hidráulico, obxecto desta convocatoria, que se encontre adscrito por motivos de saúde ou rehabilitación a un posto de traballo en distinta localidade daquela en que teña o seu destino definitivo estará, en aplicación do disposto no artigo 89 da Lei 2/2015, do 29 de abril, obrigado a participar no concurso e debe solicitar todos os postos situados na mesma localidade do posto ao que figure adscrito provisionalmente.
O incumprimento desta obriga determinará o cesamento no posto en que figure adscrito por motivos de saúde ou rehabilitación.
3. Non poderán participar neste concurso:
a) O persoal funcionario de carreira do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de inspección turística e corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes de inspección, especialidades de vixilancia de estradas, mobilidade e dominio público hidráulico, nomeado con carácter provisional como consecuencia da resolución de procesos selectivos, calquera que sexa a situación administrativa en que se encontre.
b) O persoal funcionario de carreira suspenso firme, mentres dure a suspensión.
II. Postos ofertados.
1. Os postos vacantes ofertados neste concurso publícanse no anexo I desta resolución.
2. Ademais dos postos ofertados no anexo I, engadiranse as potenciais resultas que se publicarán na web corporativa da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal no enderezo https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados
Considéranse postos de resultas os postos de traballo cuxo sistema de provisión sexa o concurso ordinario e que estivesen ocupados con carácter definitivo por aquelas persoas participantes que obteñan un posto de traballo como consecuencia da adxudicación deste concurso.
Incluiranse tamén como potenciais resultas os postos de traballo que teñan adscrito persoal funcionario por motivos de saúde ou rehabilitación, estando condicionada a súa adxudicación a que a persoa funcionaria adscrita obteña un posto na resolución do concurso.
A relación de postos ofertados en resultas publicarase na web corporativa da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, no enderezo https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados
III. Valoración de méritos.
1. A valoración dos méritos para a adxudicación dos postos de traballo efectuarase conforme o seguinte baremo:
A. Méritos de necesaria valoración:
A.1. Antigüidade:
Os servizos serán valorados por meses enteiros de 30 días a razón de 0,02 puntos/mes.
Para estes efectos computaranse os servizos prestados de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 2 de decembro, de recoñecemento de servizos previos nas administracións públicas.
A puntuación máxima na base III.1.A.1 será de 7,5 puntos.
A.2. Coñecemento do idioma galego:
– Celga 5 ou curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas: 2,75 puntos.
– Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3,5 puntos.
En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento de galego, só se computará o superior. Só se valorará un nivel superior ao exixido para o ingreso no corpo ou escala.
Só se lle concederá validez, no que se refire á acreditación do coñecemento do galego, aos cursos, estudos ou titulacións validadas polo órgano competente de acordo coa Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), e pola Orde do 13 de xuño de 2011 pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas.
O coñecemento do idioma galego só será obxecto de valoración neste punto.
A puntuación máxima da base III.1.A.2 será de 3,5 puntos.
A.3. Traballo desenvolvido:
A.3.1. A determinación da puntuación realizarase a partir do sumatorio das puntuacións parciais obtidas no desempeño dun ou máis postos de traballo de cada nivel de destino na escala de participación ou categoría equivalente como consecuencia de aplicar a seguinte fórmula:
Traballo desenvolvido = (T1×P1 + T2×P2 + ... + Tn×Pn)
Onde:
– Ti amosa o tempo total de traballo desenvolvido nun nivel de destino concreto (i) expresado en meses de 30 días.
– Pi amosa a puntuación asignada ao nivel de destino (i) segundo o seguinte criterio:
Polo nivel de destino 10: 0,001 puntos.
Por cada unidade de nivel de destino que exceda de 10: 0,001 puntos, ata un máximo de 0,020 puntos.
Para estes efectos calcularase o número de días correspondentes ao tempo total de traballo computable e dividirase o resultado entre trinta (30). O cociente enteiro, desprezando os decimais, multiplicarase pola puntuación correspondente ao nivel de destino.
A.3.2. Ao persoal funcionario aplicaráselle o nivel de destino dos postos de traballo desempeñados no corpo ou na escala de participación.
O traballo desenvolvido na situación de comisión de servizos puntuarase como realizado no posto de orixe da persoa funcionaria.
Respecto aos postos doutras administracións, se o nivel é inferior ao mínimo do subgrupo correspondente nesta administración, considerarase co nivel mínimo establecido para cada un dos subgrupos na Administración da Xunta de Galicia.
A.3.3. Ao persoal laboral fixo que adquiriu a condición de persoal funcionario de carreira ao abeiro da disposición transitoria primeira e da disposición adicional décimo sétima da Lei 2/2015, do 29 de abril, valóraselle o traballo desenvolvido como laboral fixo no posto en que se funcionarizou considerando como nivel de destino o nivel do posto logo da funcionarización.
A.3.4. Os servizos prestados como persoal laboral distintos dos indicados no punto A.3.3, nunha categoría equivalente á escala de participación, consideraranse co nivel mínimo dos corpos da Administración xeral do subgrupo equivalente ao grupo de pertenza da persoa concursante.
Para o persoal laboral suxeito ao Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia e funcionarizado, considéranse como equivalentes á escala de participación os servizos prestados na categoría pola que adquiriu a condición de persoal funcionario de carreira.
A puntuación máxima da base III.1.A.3 será de 4 puntos.
B. Outros méritos valorables:
B.1. Grao persoal consolidado.
Polo nivel 14 de grao consolidado e formalizado: 1,4 puntos.
Por cada unidade de nivel que exceda 14: 0,10 puntos.
No suposto en que o persoal funcionario de carreira non teña recoñecido ningún grao persoal ou este sexa inferior a 14, para os efectos de puntuación nesta epígrafe, computarase o nivel mínimo correspondente ao intervalo de niveis do subgrupo a que pertenza a persoa funcionaria.
Soamente se terá en conta o recoñecemento do grao persoal solicitado ao órgano competente ata a finalización do prazo para a presentación da solicitude de participación no concurso de traslados, sempre que os efectos da consolidación sexan anteriores a esa data.
A puntuación máxima na base III.1.B.1 será de 3 puntos.
B.2. Cursos de formación e perfeccionamento.
Valorarase a superación de cursos organizados e impartidos directamente polos organismos incluídos no anexo II desta resolución. Neste punto quedan incluídos os de contido en materia de igualdade, prevención e loita contra a violencia de xénero, así como os de prevención de riscos, seguridade e saúde laboral.
Por cada curso de duración igual ou superior a 8 horas lectivas valorarase con 0,01 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 1,5 puntos por curso.
Non se valorará:
– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.
– As materias ou créditos que formen parte dunha titulación académica e os cursos de doutoramento, nin os módulos ou partes integrantes dun curso.
– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de persoal funcionario.
A puntuación máxima da base III.1.B.2 será de 5 puntos.
B.3. Titulación académica.
Valorarase a posesión de titulacións académicas oficiais, sempre que sexa distinta á requirida para o ingreso ao corpo ou escala desde a que se concurse e sexa de igual ou superior nivel académico. Só se computará a titulación de maior nivel académico.
– Técnico superior ou equivalente (nivel 1 do MECES): 0,50 puntos.
– Grao ou titulacións equivalentes correspondentes ao nivel 2 do Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior (MECES) (diplomatura universitaria, enxeñaría técnica, arquitectura técnica): 0,60 puntos.
– Máster ou titulacións equivalentes correspondentes ao nivel 3 do MECES (licenciatura universitaria, enxeñaría, arquitectura): 0,80 puntos.
– Doutoramento: 1 punto.
A puntuación máxima da base III.1.B.3 será de 1 punto.
Para os efectos de equivalencia de titulacións, só se admitirán as establecidas polo ministerio competente en materia de educación con carácter xeral e válidas para todos os efectos, sempre que se indique expresamente a disposición en que se establece a equivalencia e o Boletín Oficial del Estado en que se publica.
B.4. Medidas de conciliación e de igualdade de xénero.
B.4.1. Outorgaranse 0,5 puntos para acceder aos postos situados na localidade onde radique a residencia familiar da persoa concursante, co seu cónxuxe ou parella de feito sempre que teña a condición de empregado/a público/a, ou dos seus fillos menores de 18 anos; sempre que o solicitante non teña destino definitivo nesa mesma localidade.
B.4.2. Outorgaranse 0,5 puntos para acceder aos postos situados na localidade onde radique o domicilio da persoa dependente respecto da cal a persoa participante fose nomeada persoa coidadora, sempre que non teña destino definitivo nesa mesma localidade.
B.4.3. Outorgaránselle 0,01 puntos por mes ao persoal funcionario que estea gozando ou gozase nos cinco anos anteriores ao remate do prazo de presentación de solicitudes dunha excedencia por coidado de familiares. Esta circunstancia apreciarase de oficio para o persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
B.4.4. Para os efectos do disposto nas alíneas B.4.1 e B.4.2, a puntuación outorgarase con carácter alternativo e nunca acumulativo. Para a súa aplicación, a localidade de referencia será o concello onde radique a residencia familiar ou o domicilio da persoa dependente e estenderase ata as localidades situadas a unha distancia de 30 quilómetros.
A relación das localidades distantes 30 quilómetros segundo o punto de orixe recóllese nas instrucións da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal publicadas no portal da web corporativa: https://www.xunta.gal/funcion-publica/procedementos-aplicables-ao-persoal-funcionario-e-ou-laboral/concursos-traslados
B.4.5. A puntuación máxima da base B.4 será de 1,0 puntos.
Estas circunstancias xustificaranse documentalmente ata o remate do prazo de presentación da solicitude de postos.
B.5. Polo subgrupo desde o cal participe a persoa concursante outorgaranse os seguintes puntos:
– Subgrupo A1: 4 puntos.
– Subgrupo A2: 3,25 puntos.
– Subgrupo C1: 2,5 puntos.
2. A orde de prioridade para a adxudicación das prazas determinarase pola puntuación obtida de acordo co baremo anterior.
Todos os méritos e requisitos previstos na base III computaranse ata a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso.
Os distintos puntos da base III non se valorarán como mérito cando figuren como requisito imprescindible para acceder ao posto.
3. Establécense como criterios de desempate: en primeiro lugar, no suposto de infrarrepresentación do sexo feminino na escala, terá preferencia a muller; en segundo lugar, terán preferencia aquelas persoas funcionarias de carreira que estean adscritas con carácter provisional na data de publicación da convocatoria; en terceiro lugar, atenderase á puntuación outorgada nos méritos de necesaria consideración e, finalmente, decidirá a maior antigüidade na Administración.
De persistir o empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido, e de ser igual, polo segundo, a partir da letra M resultante no sorteo que tivo lugar o día 22 de xaneiro de 2026 (DOG núm. 16, do 26 de xaneiro). En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.
IV. Tramitación electrónica.
En desenvolvemento do disposto nos artigos 12 e 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico (DOG núm. 173, do 12 de setembro), establécese a obrigatoriedade de que todos os trámites relacionados con esta convocatoria se efectúen a través de medios electrónicos.
a) Presentación de solicitudes (de participación e de elección de postos):
1. Participantes da Xunta de Galicia en servizo activo na súa escala de participación, accedendo ao Portal do empregado no enderezo electrónico https://portax.xunta.es
2. Participantes en calquera situación distinta da referida no punto anterior, a través do portal da web corporativa da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal no enderezo electrónico https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados
b) Presentación de documentación adicional á solicitude de participación ou de elección de postos por conciliación (bases III.1.B.4, bases V.3 e V.4):
1) Documentos electrónicos: se a documentación adicional está formada por documentos asinados electronicamente e/ou copias electrónicas auténticas, deberá presentarse a través do procedemento PR004A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou noutro rexistro electrónico doutra Administración pública.
Segundo o establecido no punto 4 do artigo 10 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal e no Portal do empregado admitiranse, respectivamente, os sistemas de identificación Chave365 e as credenciais dos directorios corporativos, como sistemas de sinatura para a realización dos trámites indicados, garantindo a acreditación da autenticidade da expresión da vontade e do consentimento das persoas interesadas.
2) Orixinais en papel: se a documentación que se remite é un documento orixinal en papel, deberá presentarse nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, para que o persoal funcionario do rexistro acredite que é copia electrónica auténtica do documento.
3) Toda a documentación deberá dirixirse á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.
V. Solicitudes de participación no concurso e documentación que deben xuntar.
1. A solicitude e, de ser o caso, a documentación adicional, deberá presentarse electronicamente a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata o día 19 de xuño de 2026 incluído, e dirixirse á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal da Consellería de Facenda e Administración Pública.
2. A solicitude de participación atópase dispoñible segundo o indicado na base IV. Tramitación electrónica. Nela faranse constar os datos persoais e os datos administrativos referentes á súa situación actual e as condicións de participación. Soamente se admitirán as solicitudes que se presenten conforme o formulario establecido.
As persoas interesadas, despois de acceder á solicitude de participación, deberán cubrir todos os datos que aparecen no formulario e posteriormente validalos, confirmalos e realizar a presentación electrónica seguindo as instrucións que lles proporcione o sistema. Na solicitude de participación poderá incorporar un enderezo de correo electrónico de contacto. De dispor dun enderezo de correo electrónico corporativo coa extensión xunta.gal, debe proporcionar o dito enderezo.
O persoal funcionario de carreira integrado en máis dunha escala só poderá participar nunha delas, á súa elección, e pode presentar unha única solicitude. No caso de presentar máis dunha solicitude, só se terá en conta a última.
3. Para os efectos previstos na base III.1.B.4.1 (conciliación por residencia familiar), a persoa concursante deberá achegar o orixinal ou a copia auténtica da seguinte documentación:
a) Xustificante de empadroamento válido onde conste a identificación da persoa solicitante co seu cónxuxe ou parella de feito, ou dos seus fillos menores, e que acredite unha residencia mínima de tres meses respecto á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación, en todo caso.
b) Certificado de matrimonio ou certificado de inscrición no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, cunha antigüidade máxima de tres meses respecto da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación, e, se o/a cónxuxe ou a parella de feito non está incluído/a no ámbito do Rexistro Central de Persoal da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, certificado expedido polo/a xefe/a do servizo de persoal do centro directivo onde o/a cónxuxe ou parella de feito preste servizos, que acredite a condición de empregado/a público/a ou certificado de situación administrativa, de ser o caso.
c) Certificado de nacemento do fillo ou filla menor de 18 anos ou copia auténtica do libro de familia, de ser o caso.
4. Para os efectos previstos na base III.1.B.4.2 (conciliación por persoa coidadora), a persoa concursante deberá achegar o orixinal ou a copia auténtica da seguinte documentación:
a) Certificación do órgano competente para resolver o nomeamento como persoa coidadora en que conste o dito nomeamento e a data de efectos, así como o nome e a residencia da persoa dependente.
b) Xustificante de empadroamento válido da persoa dependente que acredite unha residencia mínima de tres meses respecto da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación, e
c) Certificado médico que acredite o estado da persoa dependente.
5. No caso de que a documentación indicada nos puntos 3 e 4 non se emitise no prazo por causas alleas á persoa concursante, esta deberá presentar xustificación documental de tela solicitada no tempo e na forma; suposto en que se admitirá a súa presentación ata o momento da finalización do prazo de reclamacións ás listaxes de puntuacións provisionais, considerando en todo caso a data de efectos da documentación achegada.
6. Solicitude condicionada: por razóns de convivencia familiar, dúas persoas concursantes que sexan cónxuxes ou parella de feito no suposto de estaren interesadas nos postos para un mesmo termo municipal poderán condicionar a súa petición ao feito de que as dúas obteñan destino nel e, en caso contrario, entenderanse anuladas as peticións efectuadas por ambas.
As persoas concursantes que se acollan a esta petición condicionada deberán facelo constar na súa solicitude de participación. Ademais, deberán achegar no prazo de presentación da solicitude de participación un certificado de matrimonio ou certificado de inscrición no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, cunha antigüidade máxima de tres meses respecto á data de publicación da convocatoria.
7. As solicitudes de participación vincularán as persoas solicitantes. Non obstante, poderase renunciar a participar no concurso en calquera momento ata os dez días seguintes ao da publicación das puntuacións provisionais no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo, non se admitirá ningunha renuncia agás erro manifesto do solicitante apreciado pola Administración.
VI. Solicitudes de elección de postos de traballo.
1. Unha vez rematado o período de presentación de solicitudes de participación, publicarase no DOG a apertura dun prazo de 10 días hábiles para a presentación de solicitudes de elección de postos de traballo.
2. As persoas interesadas poderán solicitar por orde de preferencia os postos ofertados no anexo I desta convocatoria aos cales se engadirán as potenciais resultas como consecuencia das solicitudes de participación presentadas.
3. De acordo co disposto na base I.2.a), co artigo 38.3 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, e co artigo 97.5 da Lei 2/2015, do 29 de abril, o persoal funcionario de carreira que se encontre ao dispor do órgano competente ou adscrito provisionalmente a un posto de traballo estará obrigado a solicitar todos os postos adecuados ao seu corpo e escala situados en localidades que se atopen a unha distancia de ata 30 quilómetros respecto da localidade do último posto que ocupou con carácter definitivo ou, á súa elección, da localidade do posto a que estea adscrito provisionalmente. Esta elección deberase manifestar expresamente na solicitude de elección de postos de traballo.
A relación das localidades distantes 30 quilómetros segundo o punto de orixe recóllese nas instrucións publicadas no portal da web corporativa da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal https://www.xunta.gal/funcion-publica/procedementos-aplicables-ao-persoal-funcionario-e-ou-laboral/concursos-traslados
O persoal a que se refire a base I.2.a) poderá solicitar, ademais dos que está obrigado a pedir, calquera outro posto ofertado para o que cumpra os requisitos.
No caso de que non obteña un dos postos incluídos na súa solicitude de elección de postos, seralle adxudicado, de oficio e con carácter definitivo, un posto de traballo correspondente ao corpo e á escala en que estea adscrito de entre aqueles que quedaran vacantes, conforme os criterios establecidos no artigo 38.4 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto.
4. Para a elección dos postos de traballo, a solicitude de postos atópase dispoñible segundo o indicado na base IV. Tramitación electrónica. As persoas concursantes deberán cubrir todos os datos que aparecen en pantalla e indicar por orde de preferencia os postos a que opta no concurso, e poden combinar e intercalar os inicialmente ofertados no anexo I coas potenciais resultas. Finalmente, deberán validar e presentar a solicitude de postos de traballo na mesma aplicación. Soamente se admitirán as solicitudes que se presenten conforme o formulario establecido. No caso de presentar máis dunha solicitude, só se terá en conta a última.
5. Con independencia do establecido na base I.2, relativa á obrigatoriedade de participación, entenderase que desisten da solicitude de participación no concurso todas aquelas persoas que formulasen unha solicitude de participación pero non presenten unha solicitude de elección de postos de traballo.
6. As solicitudes de elección de postos de traballo vincularán as persoas solicitantes na súa integridade.
VII. Xustificación da posesión de méritos e requisitos.
1. Os méritos e os requisitos específicos para o acceso aos postos deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso, concretamente o día 19 de xuño de 2026.
2. As persoas concursantes poderán xustificar a posesión dos méritos e requisitos para a súa baremación ata o último día do prazo de solicitudes de elección de postos de traballo.
3. Os méritos e requisitos deberán acreditarse de conformidade co procedemento establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso do expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro).
Non se terán en conta os méritos que non se presenten conforme o establecido no dito procedemento.
Consideraranse como méritos ou requisitos todos os datos das persoas concursantes que xa consten no seu expediente persoal electrónico sempre que estean referidos á data que se establece no punto primeiro e que se incorporasen no expediente ata a data límite do prazo de solicitudes de elección de postos de traballo.
VIII. Listaxe de persoas admitidas e excluídas.
1. Unha vez rematados os prazos de presentación das solicitudes de postos, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal ditará resolución pola que se aproben as listas de persoas admitidas e excluídas que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
2. As persoas excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, para poder emendar o defecto que motivase a exclusión, de ser o caso. O formulario de reclamación estará á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal e deberá cubrirse e presentarse electronicamente.
A documentación adicional que desexe incorporar a persoa reclamante remitirase segundo o indicado na base IV. Tramitación electrónica.
Logo de que transcorra o dito prazo, a consellería ditará a resolución definitiva de persoas admitidas e excluídas. Contra esta resolución poderase interpoñer un recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante as seccións da orde xurisdicional contencioso-administrativa do tribunal de instancia correspondente, no prazo de dous meses contados desde a mesma data e de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
IX. Comisión de Valoración.
1. A valoración dos méritos alegados polas persoas concursantes para a adxudicación dos postos de traballo vacantes será efectuada pola Comisión de Valoración que prevé o artigo 15 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, coa composición establecida nel. Esta comisión terá a categoría primeira das previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia e será nomeada polo órgano convocante. Os acordos da comisión adoptaranse por maioría dos seus membros.
2. A Comisión poderá dispor a incorporación aos seus traballos de persoas asesoras para aquelas tarefas que o requiran, será o órgano convocante que realizará o seu nomeamento.
3. A proposta de adxudicación dos postos de traballo ofertados recaerá sobre a persoa concursante que obtivese maior puntuación conforme o baremo establecido na base III, así como, se é o caso, conforme os criterios de desempate fixados na base III.3.
4. Logo de efectuar a proposta de valoración provisional dos méritos, esta farase pública no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública.
Contra a mencionada resolución, as persoas concursantes poderán formular as oportunas reclamacións no prazo de dez días hábiles que se contarán a partir do día seguinte ao da súa publicación. O formulario de reclamación deberá cubrise e presentarse electronicamente segundo o establecido na base IV de tramitación electrónica.
O formulario de reclamación deberá concretar a alínea ou as alíneas da base III sobre as que se interpón a reclamación, con indicación expresa daqueles méritos que se consideran erroneamente puntuados e a causa concreta obxecto de reclamación.
Igualmente, a Comisión de Valoración poderá realizar de oficio as correccións precisas sobre as valoracións provisionais dos méritos das persoas concursantes coa finalidade de que estas obteñan a puntuación que lles corresponda segundo as bases da convocatoria.
5. Examinadas e resoltas pola Comisión as reclamacións presentadas e, de ser o caso, efectuadas as correspondentes correccións, elevarase a proposta de resolución de adxudicación do concurso.
A convocatoria resolverase mediante a resolución da persoa titular da consellería competente en materia de función pública, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e na cal figurarán os destinos adxudicados a cada unha das persoas concursantes.
As persoas concursantes poderán ter acceso ás respostas das alegacións presentadas contra a valoración provisional dos méritos a través do sistema de presentación e consulta das reclamacións.
X. Adxudicación de destinos.
1. A adxudicación dos postos de traballo efectuarase nun proceso de asignación único que incluirá todas as prazas ofertadas.
As persoas solicitantes só poderán ser adxudicatarias daqueles postos para cuxo desempeño reúnan os requisitos establecidos na correspondente relación de postos de traballo.
A adxudicación dun posto de resultas estará condicionada a que o dito posto sexa de necesaria cobertura.
2. Os destinos adxudicados serán irrenunciables salvo que con anterioridade á finalización do prazo posesorio se obteña outro destino mediante convocatoria pública, polos procedementos de provisión ou selección, casos en que poderán optar entre os postos adxudicados, e estarán obrigados a comunicarlle por escrito a opción seleccionada á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal no prazo de tres días seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se abren os prazos posesorios.
3. Os traslados que deriven da resolución deste concurso terán a consideración de voluntarios polo que, en consecuencia, non xerarán dereito á indemnización.
XI. Toma de posesión.
A toma de posesión en todos os postos adxudicados como consecuencia da resolución do concurso efectuarase a partir da data que se faga constar na resolución deste e iniciará o cómputo dos prazos posesorios establecidos no artigo 8 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto.
XII. Recursos.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante as seccións da orde xurisdicional contencioso-administrativa do tribunal de instancia correspondente, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo.
Santiago de Compostela, 26 de maio 2026
O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
