Mediante a Resolución desta dirección xeral do 15 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 3, do 4 de xaneiro de 2023), realizouse a convocatoria, polo sistema de concurso-oposición, para o ingreso na categoría do grupo auxiliar da función administrativa.
Así mesmo, nas resolucións desta dirección xeral do 28 de maio de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 108, do 9 de xuño), do 28 de novembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 237, do 9 de decembro) e do 10 de marzo de 2026 (Diario Oficial de Galicia núm. 55, do 24 de marzo) publicáronse os nomeamentos e a adxudicación de destino definitivo das persoas aspirantes seleccionadas no proceso selectivo, polo sistema de concurso-oposición, para o ingreso na referida categoría, convocado pola Resolución do 15 de decembro de 2022.
A base 10.4 da resolución de convocatoria prevé que, co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, no suposto de situacións en que as persoas seleccionadas por diversos motivos non continúen no proceso, cubrirase a baixa coa/s persoa/s aspirante/s incluída/s inmediatamente a seguir na relación de seleccionadas, pola orde de prelación que resulten da lista definitiva, con independencia da quenda de acceso.
Realizados os procesos de elección de destino na devandita categoría en que resultou 1 praza vacante, logo da resolución de nomeamento do 10 de marzo de 2026, e ao abeiro da Resolución do 15 de decembro de 2022, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,
RESOLVE:
Primeiro. Coa finalidade de asegurar a cobertura das prazas convocadas neste proceso extraordinario de estabilización, polo sistema de concurso-oposición, e segundo o que establece a base 10.4 da resolución de convocatoria, realizouse a oferta da praza que resultou vacante na categoría do grupo auxiliar da función administrativa á nova persoa aspirante incluída inmediatamente a seguir pola orde de prelación que resultou da lista definitiva, con independencia da quenda de acceso.
Segundo. Nomear como persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde na categoría do grupo auxiliar da función administrativa a persoa aspirante seleccionada que se inclúe no anexo I desta resolución.
Adxudicarlle á persoa aspirante, con carácter de destino definitivo, a praza que figura no anexo indicado.
Terceiro. Declarar finalizado o proceso de concurso-oposición para o ingreso na categoría do grupo auxiliar da función administrativa, convocado pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 15 de decembro de 2022, sen prexuízo do previsto na base 10.4 da resolución de convocatoria para o suposto de situacións en que as persoas seleccionadas, por diversos motivos, non continúen no proceso.
Cuarto. A persoa aspirante nomeada disporá do prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. A toma de posesión da praza efectuarase no centro de xestión a que pertenza esta.
A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable á persoa interesada e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo.
No entanto, en casos de forza maior, e por instancia da persoa interesada, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión. A incorporación á praza adxudicada comportará o cesamento do persoal temporal que, se é o caso, a ocupe, de acordo cos criterios de incorporación e cesamento vixentes.
Quinto. De conformidade coa disposición adicional segunda do Decreto 70/2017, do 13 de xullo, polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, como condición para o perfeccionamento do nomeamento que se expida, a aspirante seleccionada deberá realizar, con carácter obrigatorio, e nun prazo non superior aos seis meses contados desde a data de publicación do correspondente nomeamento como persoal estatutario fixo no Diario Oficial de Galicia, as actividades formativas para a obtención do nivel básico de coñecemento en materia de igualdade de xénero e prevención e loita contra a violencia de xénero que recolle o artigo 157 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
Non terán que realizar esta actividade formativa as persoas aspirantes seleccionadas que a realizasen con anterioridade, se consta rexistrada en Fides/expediente-e e foi debidamente validada.
Sexto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición, ante esta dirección, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2026
María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos
ANEXO I
Relación de persoa adxudicataria e destino
|
Grupo auxiliar da función administrativa |
|||||
|
DNI |
Apelidos e nome |
Centro directivo |
Centro |
Concello |
Quenda |
|
***2242** |
Campos Sampedro, Paula |
A.S. de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos |
A.S. de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos |
Lugo |
- |
|
(*) Ocúltase parcialmente o número do documento nacional de identidade para preservar os datos de carácter persoal, de acordo coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro. |
|||||
