DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 11 de xuño de 2026 Páx. 33727

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

DECRETO 59/2026, do 1 de xuño, polo que se declara de utilidade pública e interese social o polígono agroforestal de iniciativa privada de Alto Castiñeira, entre os concellos de Ribadavia e Cenlle (Ourense).

O 22 de novembro de 2021 foi solicitado por Abedal, S.L., con CIF B32162414, e, na súa representación, Juan Pablo González Pacheco, con DNI ***8517**, o inicio do procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa privada de Alto Castiñeira, entre os concellos de Ribadavia e Cenlle (Ourense), previsto no artigo 103 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

O 30 de agosto de 2024, CVE Z63gzaSnAT02, elaborouse o informe de viabilidade previsto no artigo 104.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, favorable ao inicio do procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa privada e á declaración de utilidade pública e interese social del.

Mediante a Resolución do 15 de abril de 2026, da Presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, CVE nFVusZWgvrq1, iniciouse o procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa privada de Alto Castiñeira, entre os concellos de Ribadavia e Cenlle (Ourense).

A persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural formulou a proposta prevista no artigo 105 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Na súa virtude, elévase por proposta da persoa titular da Consellería do Medio Rural, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día un de xuño de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1. Declaración de utilidade pública e interese social

Declarar de utilidade pública e interese social o polígono agroforestal de iniciativa privada de Alto Castiñeira, entre os concellos de Ribadavia e Cenlle (Ourense).

Artigo 2. Delimitación do perímetro do polígono agroforestal

O perímetro do polígono agroforestal é o que figura no documento con código de verificación electrónica (CVE) qHoagutl1Ka9, verificable en https://sede.xunta.gal/cve, sen prexuízo da súa posible modificación segundo o disposto no artigo 85.2.a) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Artigo 3. Vida útil mínima

A vida útil mínima do polígono agroforestal será de 30 anos.

Artigo 4. Usos e actividades admisibles e boas prácticas agroforestais

Os usos e actividades admisibles, así como as boas prácticas agroforestais aplicables son as establecidas no informe de viabilidade, con código de verificación electrónica (CVE) Z63gzaSnAT02, verificable en https://sede.xunta.gal/cve, no cal se indican as actividades primarias e secundarias que se determinaron tendo en conta a zonificación realizada no catálogo parcial de usos.

Neste caso como actividade principal establécese os cultivos leñosos-viñedo e como actividade secundaria os pastos permanentes.

Artigo 5. Autorizacións

Autorizar o axente promotor produtivo para a redacción do proxecto básico do polígono agroforestal co contido previsto no artigo 106 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Autorizar á consellería con competencias en medio rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para a execución dos procedementos de investigación da titularidade na forma prevista nos artigos 90 e 19 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Autorizar o órgano territorial competente en materia de medio rural onde radiquen os predios e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para a execución dos procedementos de declaración de abandono da forma establecida no título IV, capítulo I, da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Autorizar a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a execución dos procedementos de reestruturación da propiedade na forma prevista no artigo 93 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Artigo 6. Interese público

A declaración de utilidade pública e interese social implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para os efectos da aplicación da tramitación de urxencia ao procedemento e aos informes ambientais e sectoriais polos órganos autonómicos e da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o establecido polo artigo 85.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Artigo 7. Permutas de especial interese agrario

A declaración de utilidade pública e interese social implica darlles o carácter de especial interese agrario ás permutas de predios que se leven a cabo no polígono agroforestal, conforme o establecido polo artigo 62.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Disposición derradeira. Eficacia

Este decreto producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de xuño de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural