A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo, na súa sesión ordinaria do 22 de maio de 2026, acordou ratificar e elevar a definitivo o acordo de aprobación inicial do Convenio urbanístico de execución de planeamento na praza de España, sobre as parcelas sitas entre a avenida Gran Vía, a rúa Conde de Gondomar e a rúa Fernando Conde (zona 5), adoptado pola Xunta de Goberno Local o 20 de febreiro de 2026, ao non se ter recibido ningún escrito de alegación, polo que o texto inicial aprobado e o documento administrativo asinado se entenden definitivamente aprobados; a aprobación e a formalización acadada producen plenos efectos xurídicos.
O dito convenio asinouse nas dependencias municipais da Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo, o 3 de marzo de 2026.
De conformidade co disposto no artigo 403 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, publícase o convenio urbanístico no Diario Oficial de Galicia.
Na seguinte ligazón poderá consultarse o convenio asinado o 3 de marzo de 2026, xunto coa certificación do acordo íntegro adoptado pola Xunta de Goberno Local do 22 de maio de 2026: https://hoxe.vigo.org/movemonos/urb_plan_convenios.php?lang=gal
Vigo, 25 de maio de 2026
O alcalde
P.D. (Resolución do 4.7.2023)
María José Caride Estévez
Concelleira delegada da Área de Goberno de Urbanismo e Vivenda
