Na sesión que tivo lugar o 12 de xuño de 2026, o tribunal nomeado pola Resolución do 11 de marzo de 2026 (DOG núm. 52, do 18 de marzo) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, mediante o sistema de oposición, pola quenda de acceso libre, no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de máquinas e produción, acordou, de conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, que a segunda parte do segundo exercicio do proceso selectivo terá lugar o día 1 de xullo de 2026, en chamamento único que se iniciará ás 14.30 horas, na sala D, situada na planta baixa do Edificio Administrativo San Caetano (zona da pirámide), en Santiago de Compostela.
As persoas aspirantes deberán presentarse ao exercicio provistas de NIF, NIE, pasaporte, permiso de condución ou outro documento fidedigno que, a xuízo do tribunal, acredite a súa identidade.
De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, para a preparación da unidade didáctica, o persoal aspirante poderá utilizar o material que considere oportuno, sen posibilidade de conexión co exterior, polo que o material que vaia utilizar non poderá ser susceptible da dita conexión (ordenadores portátiles, teléfonos móbiles, etc.), sen prexuízo da posibilidade da utilización alternativa do material que a ese respecto lle facilitará o tribunal. Para a exposición, o persoal aspirante poderá utilizar o material auxiliar que considere oportuno e que deberá achegar el mesmo, sempre que sexa aprobado polo tribunal, así como un guión que non excederá unha páxina e que se lle entregará ao tribunal ao final da exposición.
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2026
Álvaro Baaliña Insua
Presidente do tribunal
