DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 23 de xuño de 2026 Páx. 36192

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega das Industrias Culturais

ANUNCIO do 15 de xuño de 2026 polo que se procede a dar publicidade á convocatoria e ás bases reguladoras do proceso de selección para a contratación, baixo a modalidade de contrato especial para artistas, ao abeiro do Real decreto 1435/1985, do 1 de agosto, e a modificación introducida polo Real decreto lei 5/2022, do 22 de marzo, de doce artistas (12) prazas de actrices e actores para as producións do departamento de Produción Teatral da Agadic no período 2026-2027: Eurídice e Isto tamén é Sargadelos.

Co obxecto de levar a cabo as producións teatrais previstas para 2026-2027 e, en consecuencia, proceder á selección das actrices e actores que formarán parte do elenco, para a súa contratación mediante modalidade de contrato especial para artistas, aprobáronse as bases que rexerán este proceso selectivo.

Conforme co disposto na base cuarta, para garantir a publicidade deste procedemento,

RESOLVO:

Anunciar a convocatoria para a selección de doce (12) prazas de actrices e actores para as producións do Departamento de Produción Teatral da Agadic no período 2026-2027, coas categorías descritas a continuación:

1. Eurídice: dúas (2) prazas coa categoría de protagonista e cinco (5) prazas coa categoría de principal.

2. Isto tamén é Sargadelos: cinco (5) prazas coa categoría de principal.

As bases que rexen este proceso, así como o resto da documentación relativa a esta convocatoria, poden consultarse na páxina web https://industriasculturais.xunta.gal e no taboleiro de anuncios da Axencia.

As solicitudes deberan presentarse preferiblemente por vía electrónica, enviando o modelo de solicitude anexo I. Para a remisión electrónica deste anexo I e a documentación que se xunte empregarase o modelo de solicitude xenérica co código PR004A, previsto na Orde do 4 de maio de 2017, que aproba a posta en funcionamento do servizo para a presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non teñan un sistema electrónico específico, habilitado na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal, ou ben presentará a documentación nas oficinas de Rexistro da Xunta de Galicia e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As persoas solicitantes poderán escoller en todo momento se se comunican coa Agadic a través de medios electrónicos. O medio escollido pola persoa poderá ser modificado en calquera momento.

O prazo de presentación de solicitudes será de quince (15) días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria na páxina web da Agadic https://industriasculturais.xunta.gal e no taboleiro desta axencia.

Os sucesivos anuncios relacionados con esta convocatoria realizaranse conforme o disposto nas bases que se anuncian.

Contra esta convocatoria, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o presidente de Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente perante a xurisdición do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2026

José López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia
Galega das Industrias Culturais