DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Xoves, 2 de xullo de 2026 Páx. 37491

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

DECRETO 70/2026, do 22 de xuño, polo que se declara de utilidade pública a reestruturación parcelaria da zona de Agra-O Sexo-Val de Sangorza (Agolada-Pontevedra).

A dispersión parcelaria e o minifundio agrario que presentan os terreos das parroquias de Agra-O Sexo-Val de Sangorza, no concello de Agolada, posta de manifesto polas persoas propietarias e agricultoras da zona, mediante unha solicitude dirixida á consellería competente en materia de agricultura, motivou a elaboración dun estudo previo de iniciación, unha vez superado o proceso de avaliación a que se refire o artigo 7 da Lei 4/2015, do 17 de xuño, e que acadou un resultado positivo, polo que se deduce a conveniencia de levar a cabo a reestruturación parcelaria por razóns de utilidade pública.

Na súa virtude, por proposta da conselleira do Medio Rural, formulada conforme o establecido na Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, e logo de da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de xuño de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1

Declarar de utilidade pública a reestruturación parcelaria da zona de Agra-O Sexo-Val de Sangorza (Agolada-Pontevedra).

Artigo 2

O perímetro da zona será, en principio, o correspondente aos terreos das parroquias de Agra, O Sexo e Val de Sangorza. O referido perímetro quedará, en definitiva, modificado polas rectificacións, inclusións e exclusións que se acorden ao abeiro dos artigos 23 e 24 da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia.

Este decreto será de aplicación á totalidade dos terreos incluídos dentro do perímetro de reestruturación, independentemente da súa capacidade e situación produtiva, e calquera que sexa a súa clasificación urbanística, salvo os clasificados como urbanos e urbanizables.

Artigo 3

Declarar a zona de reestruturación parcelaria como zona de actuación agraria prioritaria.

Artigo 4

Conforme o establecido polo artigo 11 da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, a partir da entrada en vigor deste decreto, a reestruturación parcelaria será obrigatoria para todas as persoas propietarias e titulares de dereitos e situacións xurídicas sobre terreos comprendidos dentro do perímetro de reestruturación, así como para os operadores públicos e privados de redes de subministración, infraestruturas e aproveitamentos.

Calquera actuación que leven a cabo outros órganos de calquera outra Administración pública deberá adaptar as súas actuacións, salvo declaración de prevalencia, á fase do proceso de reestruturación que se estea a levar a cabo.

Artigo 5

Á zona seranlle de aplicación os beneficios económicos programados ou asumidos pola Xunta de Galicia para mellorar ou modernizar as explotacións agrarias.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Consellería do Medio Rural para ditar as disposicións complementarias que requira a execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de xuño de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Mª José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural