BDNS (Identif.): 916202.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/916202
Primeiro. Persoas beneficiarias
O alumnado das universidades do Sistema universitario de Galicia que participe no curso 2026/27 en programas de intercambio con países extracomunitarios, realizados fóra do ámbito do programa Erasmus+.
Segundo. Obxecto
Convocar en réxime de concorrencia competitiva bolsas destinadas ao alumnado das universidades do Sistema universitario de Galicia que participe no curso 2026/27 en programas de intercambio con países extracomunitarios, realizados fóra do ámbito do programa Erasmus+, relacionados cos estudos que está a cursar.
Terceiro. Bases reguladoras
Publícanse conxuntamente coa convocatoria.
Cuarto. Orzamento e contía das bolsas
O importe global previsto na orde é de 310.000 €.
Cada bolsa terá unha dotación de 1.700 € para intercambios realizados en Europa e de 2.500 € para o resto do mundo.
No caso de existir remanente de crédito, unha vez distribuída a contía prevista no artigo 4.2, adxudicarase unha contía uniforme de 500 € entre as persoas solicitantes que realicen unha estadía igual ou superior a seis (6) meses, comezando desde os expedientes con maior nota media ata esgotar o crédito orzamentario.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.
Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional
