DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Martes, 7 de xullo de 2026 Páx. 38252

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 23 de xuño de 2026, do Servizo Provincial de Pontevedra, pola que se sinalan as datas para o levantamento das actas previas á ocupación e para a formalización das actas de ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de mellora da seguridade viaria (MSV) na estrada PO-542, p.q. 4+840-5+040, Pazos, de clave PO/19/054.06.

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2 a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e na execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

O 17 de setembro de 2021, a Xunta de Galicia aprobou o proxecto de construción de mellora da seguridade viaria (MSV) na estrada PO-542, p.q. 4+840-5+040, Pazos, de clave PO/19/054.06, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 191, do 4 de outubro de 2021.

A aprobación definitiva do proxecto de construción implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, se é o caso, se poidan aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

A tramitación do expediente expropiatorio debe axustarse ao disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do seu regulamento, do 26 de abril de 1957.

En consecuencia, este servizo, en virtude da competencia delegada mediante a Orde do 7 de setembro de 2017, sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería, publicada no DOG núm. 179, do 20 de setembro de 2017, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Pontevedra, para que comparezan no lugar, na data e nas horas que se detallan a continuación, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, en que se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Pontevedra.

Lugar: Pazo da Cultura de Pontevedra (rúa de Alexandre Bóveda, s/n).

Data: 22 de xullo de 2026, das 9.00 ás 13.30 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente, estarán expostos no Concello de Pontevedra e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra (avenida María Victoria Moreno 43, 1º, 36003 Pontevedra), e publicarase na seguinte ligazón da páxina web da consellería:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/avisos?content=aviso_0393.xml

Así mesmo, realizarase a convocatoria aos interesados ao levantamento das actas previas mediante unha notificación individual.

A dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados por unha persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, xuntando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade (e, de ser o caso, outra documentación que se requira, xustificante do pagamento do IBI…), así como o certificado da conta con códigos IBAN e BIC, co fin de realizar os sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria, e poderán ir acompañados á súa custa, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigo 49 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, este servizo, unha vez levantadas as actas previas á ocupación e habilitado o crédito oportuno, procederá ao pagamento, mediante transferencia bancaria, do importe dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación. No suposto de non ter presentado o certificado de titularidade da conta bancaria, con códigos IBAN e BIC, e a copia do DNI, consignarase o importe na Caixa Xeral de Depósitos, conforme o disposto no artigo 51 do Regulamento de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957.

En cumprimento do artigo 55 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, neste mesmo acto convócase ao acto de formalización das actas de ocupación, o cal terá lugar, logo de producirse o aboamento dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación, no lugar e na data que se indican:

Termo municipal de Pontevedra.

Lugar: Pazo da Cultura de Pontevedra (rúa Alexandre Bóveda, s/n).

Data: 21 de agosto de 2026, das 9.00 ás 11.30 horas.

No mesmo acto ofertaránselles aos propietarios as valoracións establecidas pola Administración para cada un dos predios en concepto de mutuo acordo.

O presente acordo faise público, para o xeral coñecemento, advertindo os titulares de que na acta figurarán os donos da cousa ou titulares do dereito expropiado, e non se admitirá representación senón por medio dun poder debidamente autorizado (notarial, xudicial ou do consulado), xa sexa xeral ou particular para este caso, e que deberán achegar a documentación necesaria para acreditar a sucesión en caso de figurar o terreo a nome de herdeiros, e deberán identificarse co documento nacional de identidade.

Pontevedra, 23 de xuño de 2026

Manuel Ángel González Juanatey
Xefe do Servizo Provincial de Pontevedra