DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Venres, 17 de xullo de 2026 Páx. 39930

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2026 pola que se establece un período de veda na ría de Vigo para a captura do choco.

Antecedentes:

A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra achega, con data do 26 de xuño de 2026, unha solicitude de establecemento dunha veda para a pesca do choco na ría de Vigo, por dentro das liñas de referencia do anexo III do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, desde o 20 de xullo ata o 31 de outubro de 2026.

Consideracións legais e normativas:

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, establece no seu artigo 6.1 que a política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa conservación e xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, terá entre os seus obxectivos o establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación e a explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos.

Ademais, co fin de asegurar os obxectivos recollidos na lei, establece no seu artigo 7.2.h) que lle corresponde á consellería competente en materia de pesca, logo de audiencia do sector afectado, o establecemento de vedas temporais ou zonais para determinadas especies así como dos fondos autorizados.

O Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 50.3 que as embarcacións menores de 2,5 TRB ou 1,75 GT poderán utilizar trasmallos por dentro do anexo III a unha distancia mínima de 100 metros da costa ou a unha profundidade mínima de 5 metros, no período comprendido entre o 1 de decembro e o 30 de abril, salvo o período en que se decrete a veda temporal dalgunha especie ou zona.

Examinados os informes técnicos correspondentes, onde se constata un incremento significativo de individuos xuvenís capturados a partir do mes de xuño respecto a meses anteriores, nos que se recomenda limitar o emprego das diferentes artes de pesca nas zonas máis interiores das rías (por dentro do anexo III), e consultado o sector na zona,

RESOLVO:

Establecer unha veda para a pesca do choco na ría de Vigo, por dentro das liñas de referencia do anexo III do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, desde o día 20 de xullo de 2026 ata o 31 de outubro de 2026, ambos inclusive.

Así mesmo, queda prohibida a captura, tenencia a bordo, transbordo, comercialización ou venda desta especie con calquera das artes incluídas no devandito Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro. As capturas accidentais deberán ser devoltas ao mar.

Do mesmo xeito, esta veda inclúe tamén a pesca marítima de recreo segundo a Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, que establece no seu artigo 26.1 que lle serán aplicables á pesca marítima de recreo as medidas de protección e conservación dos recursos pesqueiros establecidas para a pesca marítima profesional.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a conselleira do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2026

A conselleira do Mar
P.D. (Orde do 21.2.2022)
Isaac Miguel Rosón Sánchez-Brunete
Director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica