Mediante Resolución deste departamento territorial, do 30 de marzo de 2026, aprobouse a declaración de utilidade pública, a cal leva implícita a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola instalación eléctrica denominada Regulamentación CT Monteagudo-15CW41 e adecuación LMT, no concello de Arteixo (expediente IN407A 2024/220-1), a favor da entidade beneficiaria UFD Distribución Electricidad, S.A., con domicilio na avenida de Arteixo, 171, 15008 A Coruña.
De conformidade cos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 do seu Regulamento, do 26 de abril de 1957, este departamento acorda fixar o día 4 de setembro de 2026 para o levantamento das actas previas á ocupación, nas que se describirán os bens ou dereitos expropiables e de imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica, contidos na relación de terreos que se exporán xunto con esta resolución no taboleiro de edictos do Concello de Arteixo, deducida da sometida a información pública no Diario Oficial de Galicia do 30.1.2026, no Boletín Oficial da provincia do 14.1.2026 e no xornal La Voz de Galicia do 21.1.2026. A este acto deberán concorrer as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os terreos propostos como afectados, ás que se lles enviará unha notificación individual onde se indicarán os horarios para a toma de datos sobre o terreo e o posterior levantamento efectivo das actas na oficina da casa consistorial deste concello.
Así mesmo, cando as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os terreos afectados sexan descoñecidas, ou se ignore o lugar de notificación ou ben, intentada esta, non se puidese efectuar, publicarase un anuncio desta convocatoria no taboleiro de edictos único (TEU) do Boletín Oficial del Estado.
A Coruña, 7 de xullo de 2026
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
