As afeccións ocasionadas polas poboacións de xabaril veñen experimentando nos últimos anos un incremento no conxunto do territorio de Galicia, que obedece en gran medida aos cambios de uso no medio e ás características ecolóxicas da especie.
Tense constatado que a especie provoca múltiples danos na agricultura e accidentes de tráfico, sendo un problema adicional a presenza cada vez máis habitual de xabarís nas zonas periurbanas.
Así mesmo, unha elevada poboación de xabarís favorecería o risco de dispersión de certas enfermidades, como a Peste Porcina Africana, dificultando a súa erradicación nun momento dado.
A situación epidemiolóxica europea e nacional desta enfermidade evolucionou de forma significativa durante os últimos meses. A aparición confirmada dun foco de peste porcina africana (PPA) en Cataluña, enfermidade vírica de declaración obrigatoria que afecta a suidos domésticos e silvestres, altera substancialmente o escenario sanitario. Segundo indica o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a data do 4 xuño de 2026, tíñanse confirmado un total de 54 focos que inclúen un total de 336 casos/xabarís positivos en 13 municipios desa comunidade autónoma.
Aínda que non é zoonose, a PPA provoca elevadas mortalidades en súidos, implica importantes restricións comerciais e orixina graves prexuízos económicos, situándose entre as maiores ameazas para o sector porcino europeo.
O xabarín actúa como reservorio e difusor de epizootias, incluíndo a PPA, a peste porcina clásica, a febre aftosa e a tuberculose bovina, ademais de zoonoses de impacto humano como a hepatite E, a brucelose ou a triquinose.
A nivel científico e estratéxico, a Axencia Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), a Comisión Europea, o Plan Nacional de Xestión do Xabarín (MAPA, 2021) e diversos manuais técnicos de referencia coinciden en sinalar que a redución de densidades e o incremento da presión de control sobre as poboacións de xabarín constitúen medidas imprescindibles para limitar o risco de entrada e difusión da PPA. Estes organismos insisten en que as altas densidades favorecen a transmisibilidade e mantemento de patóxenos en fauna silvestre, incrementando os riscos sobre explotacións gandeiras extensivas e a saúde pública.
Tanto o artigo 61 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade como o artigo 99 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade de Galicia, establecen ás excepcións relativas ás prohibicións establecidas nesta normativa para garantir a conservación de especies autóctonas silvestres, contemplando que a Comunidade Autónoma poderá autorizar a captura e/ou morte de especies silvestres en caso de efectos prexudiciais para a saúde e seguridade das persoas, para previr prexuízos importantes aos cultivos, o gando, os bosques, a pesca e a calidade das augas, e para protexer a flora e a fauna silvestres e os hábitats naturais, entre outros supostos, de non existir outra solución satisfactoria e sen que isto supoña causar un prexuízo ao mantemento nun estado de conservación favorable das especies ou as poboacións de que se trate, na súa área de distribución natural.
Por outra banda, o artigo 71 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia establece que poderán quedar sen efecto as prohibicións previstas no seu Capítulo III, Protección das pezas de caza e autorizacións especiais, despois da autorización da dirección xeral competente en materia de caza, cando da súa aplicación se deriven efectos prexudiciais para a saúde, a seguridade das persoas e para as especie protexidas, así como para previr prexuízos importantes ós cultivos, ó gando, ós bosques, á propia caza, á pesca ou á calidade das augas e para protexer a flora e fauna silvestres e os hábitats naturais.
Neste marco, téñense adoptado determinadas medidas de control danos co fin de minorar na medida do posible os efectos desta especie sobre os ecosistemas, as producións agrarias e o propio medio urbano.
Nesta liña, a Resolución do 13 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2026/27, establece no seu artigo 13, relativo ao control de danos, que, co fin de reducir os danos que se poidan producir na agricultura, na gandaría, na silvicultura, na circulación viaria, na flora e fauna silvestres, as persoas titulares dos departamentos territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderán autorizar a realización de batidas, montarías, esperas e axexos.
Por outra banda, o artigo 16.2 da citada Resolución do 13 de maio de 2026, regula as modalidades e épocas de caza maior en terreos de réxime cinexético especial e en réxime cinexético común para o xabaril (Sus scrofa). E recolle así mesmo que, dada a actual situación epidemiolóxica en España en relación coa peste porcina africana, e para intensificar o control das poboacións desta especie na comunidade autónoma, increméntanse unha serie de medidas en terreos de réxime cinexético especial, como son permitir a caza desta especie nos axexos de corzo e nas batidas de raposo.
Ademais para a tempada 2026/27 os titulares dos aproveitamentos cinexéticos poderán cazar esta especie na modalidade «en man» os luns, martes, mércores e venres desde o 15 de agosto de 2026 ata o 28 de febreiro de 2027, coincidindo co seu período hábil.
Así mesmo, a disposición adicional primeira do Decreto 284/2001, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Caza de Galicia, prevé que cando nunha comarca exista unha determinada especie cinexética en circunstancias tales que resulte especialmente perigosa para as persoas ou prexudicial para a agricultura, a gandería, os montes ou a propia caza, os departamentos territoriais competentes en materia de caza, de oficio ou por instancia de parte, e previas as consultas e comprobacións que estime oportunas, poderá declarar a dita comarca de emerxencia cinexética temporal, e determinar as épocas e medidas conducentes a eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións da especie en cuestión.
Deste xeito, a emerxencia cinexética temporal tense declarado desde o ano 2019 en determinadas comarcas de Galicia coa finalidade de axilizar as medidas sobre esta especie, co obxectivo principal de facilitar o control das súas densidades e poboacións en zonas consideradas clave.
Non obstante, e a pesares da implementación destas medidas, tense detectado un incremento nos últimos anos e de xeito exponencial das afeccións ocasionadas por esta especie, principalmente aos cultivos, así como un incremento na accidentalidade do tráfico.
A situación actual é pois indicativa da existencia dunhas circunstancias especiais con carácter xeneralizado na provincia, polo que se considera prioritario insistir na adopción de medidas que permitan axilizar os mecanismos instaurados para o control desta especie cinexética, conducentes a minorar as súas densidades e poboacións.
As actuacións a desenvolver na emerxencia cinexética temporal dirixiranse ao control das poboacións de xabarís que se atopan en liberdade no medio natural, que constitúen un risco real para o ecosistema, a gandería, a agricultura e ás persoas, ademais de reducir o perigo de accidentes de tráfico e prever os posibles riscos sanitarios, especialmente en relación coa PPA, debendo regularse a natureza e duración destas medidas.
Por conseguinte, dadas as especiais circunstancias que as poboacións de xabarís están a ocasionar de xeito xeneralizado, considérase necesaria a adopción de medidas especiais de control conducentes a reducir as poboacións de xabarís en toda a provincia.
Tendo en conta o anterior, e en base ao establecido na disposición adicional primeira do Decreto 284/2001, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Caza de Galicia,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar a emerxencia cinexética temporal para o xabaril nos terreos cinexéticos e non cinexéticos da provincia de Lugo, debido ás circunstancias especiais e xeneralizadas derivadas dos danos ocasionados por esta especie á agricultura, gandería e ao ecosistema, ao perigo de accidentes de tráfico e previsibles riscos ambientais e sanitarios ocasionados polo xabaril, coa finalidade de axilizar a aplicación de medidas conducentes ao control das súas poboacións a través de distintas modalidades e procedementos de captura.
Segundo. A vixencia desta declaración de emerxencia cinexética temporal estenderase desde a entrada en vigor desta resolución ata o 31.7.2027.
Terceiro. Durante a vixencia da declaración de emerxencia cinexética temporal poderanse adoptar as medidas que se relacionan a continuación para o control das poboacións de xabaril, estándose en todo caso suxeito ás limitacións establecidas no artigo 44 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia:
Permitirase abater ou capturar sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas en todas as súas idades. Permitirase así mesmo abater crías e femias seguidas de crías, previa autorización especial da Dirección Xeral de Patrimonio Natural de acordo co establecido no artigo 71 da lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia.
1. En terreos cinexéticos:
A) Durante período hábil de caza de xabaril (do 15.8.2026 ata o 28.2.2027, ambos incluídos):
As modalidades de caza permitidas para esta especie poderán practicarse durante todos os días da semana, con comunicación previa ao Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, salvo o especificado no apartado A.2) para as zonas libres de caza, atendendo aos seguintes condicionantes:
A1) Nos terreos en réxime cinexético especial, (que comprenden os Tecor e explotacións cinexéticas comerciais de caza maior): as cazarías correspondentes a xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2026/2027, deberán ser comunicadas previamente ao Departamento Territorial competente en materia de caza (procedemento MT720C).
A2) Nas zonas libres de caza as cazarías estarán suxeitas en todo caso a autorización. Para isto, deberase solicitar ao Departamento Territorial competente en materia de caza, cunha antelación mínima de dez días naturais, (procedementos MT720K e MT720L). Desde o 15.8.2026 ata o 28.2.2027, nas zonas libres de caza poderanse autorizar cazarías ao xabaril unicamente os luns, martes, mércores e venres, sempre que non sexan festivos.
En todos os terreos cinexéticos, na modalidade de agardo ou espera, poderán agruparse nunha soa comunicación varias xornadas, debendo indicarse expresamente por motivos de seguridade a localización aproximada, mediante coordenadas UTM, dos diversos postos fixos que poidan ocuparse.
Así mesmo, en terreos de réxime cinexético especial poderase autorizar aos propietarios dos terreos afectados a realizar, persoalmente ou mediante terceiros, agardos ou esperas, con autorización do titular do aproveitamento cinexético. Neste caso as persoas cazadoras deberán portar durante a acción de caza unha autorización por parte do titular cinexético, que será nominativa, persoal e intransferible para cada xornada, e deberán cumprir, así mesmo e en todo caso, cos requisitos esixidos no artigo 58 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia.
Co fin de aumentar a eficacia e optimizar o aproveitamento cinexético nesta modalidade, facilitar a identificación dos exemplares e garantir a seguridade das persoas, poderase utilizar con carácter excepcional:
– Con autorización da dirección xeral de Patrimonio Natural, dispositivos de mira dos cales forme parte un convertedor ou amplificador electrónico de luz para o tiro nocturno durante a práctica da modalidade do agarda ou espera nocturna e fontes luminosas para a iluminación dos albos.
– Dispositivos electrónicos, tales como detectores ou controladores de hora de paso ou presenza, para a posterior realización de esperas nocturnas ao xabaril.
– Autorízase en terreos cinexéticos a achega puntual e concentrada nun só punto ou localización dunha pequena cantidade de alimento vexetal ou penso, cunha antelación máxima de 3 días á celebración do agardo ou espera, e sempre que isto non constitúa unha alimentación suplementaria. Non se permite o emprego de ningún tipo de equipo ou utensilio dispensador de alimento, cuxo uso está prohibido. Non se autoriza a achega de alimentos cárnicos nin a distribución ou diseminación de alimentos por lugares distantes do posto de espera ou agardo previsto.
Os titulares de terreos de réxime cinexético especial, que no seu correspondente plan anual de aproveitamento cinexético solicitaran a caza do xabaril na modalidade «en man», co correspondente calendario, deben compatibilizar a caza do xabaril nesta modalidade coas restantes modalidades permitidas; de xeito que non coincidan ou no mesmo espazo, (asignando uns determinados terreos ou cuarteis de caza para cada modalidade), ou no mesmo tempo, (non podendo coincidir polo tanto estas modalidades nas mesmas xornadas en todo o espazo cinexético).
Nestes terreos permitirase así mesmo a captura en vivo de exemplares de xabaril, mediante o emprego de capturadoiros, con posterior sacrificio de todos os exemplares capturados, de acordo co procedemento que estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, sendo necesario dispoñer dunha autorización expresa.
Na solicitude deberá indicarse expresamente a súa localización mediante a achega dun plano a escala suficiente, e os datos do persoal responsable da súa execución (nome, apelidos e DNI).
B) Fóra do período hábil de caza para o xabaril (desde a entrada en vigor desta resolución ata o 15.8.2026 e do 1.3.2027 ata o 31.7.2027).
Polo risco sanitario asociado de transmisión de enfermidades de carácter epidemiolóxico con afección potencial sobre o home, como potencial reservorio de epizootias como a PPA, para evitar prexuízos importantes para os cultivos agrícolas, no caso de danos recorrentes ou repetitivos en determinadas zonas e pola incidencia na seguridade viaria pola incursión destes animais nas estradas, provocando accidentes de tráfico, en todos os terreos cinexéticos poderanse adoptar medidas paliativas unha vez que se produzan danos, así como medidas de control desta especie de xeito preventivo.
Neste período, previa solicitude, poderá autorizarse, de acordo coa orde de prioridade indicada no anexo I desta resolución:
– O desencame de xabaríns, con cans atrelados e/ou batidas disuasorias mediante o emprego de cans e sen armas.
– Captura en vivo, mediante o emprego de capturadoiros nas mesmas condicións que as descritas no apartado A anterior.
– A extracción de exemplares de xabaril mediante esperas, axexos e batidas.
2. En terreos non cinexéticos:
Nos terreos non cinexéticos e zonas de seguridade referidos nos artigos 32 e 42 respectivamente da Lei 13/2013, do 23 de decembro de caza de Galicia, para o emprego de modalidades e procedementos de captura será necesario dispoñer dunha autorización expresa.
Permitirase a captura en vivo de exemplares de xabaril, mediante o emprego de capturadoiros, con posterior sacrificio de todos os exemplares capturados, de acordo co procedemento que estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
Poderá permitirse a práctica da modalidade de agardo ou espera diurna e nocturna, previa solicitude do interesado, na que se indicará a localización aproximada dos postos fixos, mediante coordenadas UTM por motivos de seguridade, adoptando as medidas ou precaucións necesarias para garantir a seguridade das persoas. Será preceptivo neste caso a acreditación da existencia dos danos mediante informe do servizo de Patrimonio Natural.
Nesta clase de terreos, as medidas ou medios de captura permitidos deberán solicitarse ao Departamento Territorial, con polo menos 15 días de antelación á data de celebración. O prazo para resolver e notificar será dun mes, sendo o silencio administrativo desestimatorio.
Cuarto. Os exemplares capturados como consecuencia da aplicación das medidas adoptadas deben identificarse mediante precintos e comunicarse debidamente ao Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no prazo de 15 días naturais, segundo o seguinte procedemento:
a) En terreos de réxime cinexético especial: a comunicación das capturas realizadas en xornadas non planificadas no plan anual de aproveitamento aprobado para a tempada 2026/2027 realizarase utilizando o procedemento MT720P «procedemento xenérico de caza», mentres que os resultados das cazarías planificadas no plan anual de aproveitamento se comunicarán utilizando o procedemento MT720D.
b) En terreos de réxime cinexético común, terreos non cinexéticos e zonas de seguridade: a comunicación das capturas poderá realizarse utilizando o procedemento MT720P «procedemento xenérico de caza», ou ben, no caso de tratarse dun suxeito non obrigado a relacionarse electronicamente coas administracións públicas, poderá presentar os resultados en papel no rexistro do Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Quinto. Na Reserva Nacional de Caza de Os Ancares aplicarase o seu réxime especial de funcionamento.
Sexto. A presente resolución permanecerá vixente ata a finalización da tempada de caza 2026/2027.
Poderá quedar suspendida no seu conxunto ou en parte do ámbito de aplicación, previa resolución, no caso de constatarse que desapareceron as causas que motivaron a súa declaración.
Sétimo. A presente resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.
Lugo, 23 de xullo de 2026
Jesús Montouto González
Director territorial de Lugo
ANEXO I
Accións permitidas fóra do período hábil de caza para o xabaril
(do 1.8.2026 ata 15.8.2026 e do 1.3.2027 ata o 31.7.2027)
|
Actuación |
Prioridade |
Método |
|
Desencame xabaris |
1 |
Emprego de cans atrelados |
|
2 |
Batidas disuasorias mediante o emprego de cans soltos e sen emprego de armas |
|
|
Captura en vivo |
1 |
Emprego de capturadoiros |
|
Extracción de exemplares |
1 |
Esperas ou axexos |
|
2 |
Batidas (con armas) |
