DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 3 de agosto de 2026 Páx. 42763

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

EXTRACTO da Orde do 22 de xullo de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por concellos, mancomunidades de concellos ou agrupacións de concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento SA463G).

BDNS (Identif.): 921744.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/921744

Primeiro. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de cofinanciamento e concorrencia competitiva, a concesión de subvencións a proxectos de prevención de condutas adictivas realizados por entidades locais galegas (código de procedemento SA463G).

Segundo. Entidades beneficiarias

Concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia que pretendan desenvolver, individualmente ou agrupados, un proxecto de prevención de condutas adictivas e que reúnan os requisitos sinalados no artigo 4.

A asignación económica da subvención terá carácter individual para cada concello e mancomunidade, agás no caso das agrupacións de concellos, en que se asignará unha única subvención para realizar un proxecto común. Nestes casos, a entidade solicitante actuará como representante do proxecto e interlocutora ante a Consellería de Sanidade.

Ningunha entidade local poderá figurar nunha solicitude conxunta (agrupación ou mancomunidade) e subscribir outra individual. De se dar o caso, prevalecerá a solicitude realizada de forma conxunta.

Requisitos para ser entidade beneficiaria:

1. As entidades solicitantes deberán estar inscritas, no momento da solicitude da subvención, no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas regulado no Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, e se regula o procedemento para a súa declaración de interese. No caso das solicitudes de agrupacións ou mancomunidades de concellos, será suficiente con que unha das entidades locais cumpra este requisito.

2. As entidades solicitantes deberán ter ou crear, de ser o caso, unha unidade de prevención de condutas adictivas, que contará coa infraestrutura física e de medios axeitada para o desenvolvemento dos programas e as actividades que deberá levar a cabo.

3. A unidade a que fai referencia o número 2 estará constituída, polo menos, por unha persoa con titulación universitaria e formación específica en condutas adictivas, que actuará como representante técnica do proxecto ante a Consellería de Sanidade, e que deberá estar dispoñible durante todo o período subvencionable.

4. En cumprimento da prohibición establecida no punto 5 do artigo 13 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, as entidades beneficiarias de subvención garantirán que as persoas traballadoras que vaian participar en programas cuxo desenvolvemento implique contacto directo con persoas menores de idade non teñan antecedentes penais por delitos sexuais. A Consellería de Sanidade reserva para si o dereito de requirir durante a fase de resolución os certificados que acrediten esta situación.

5. As entidades solicitantes deberán presentar un proxecto de actuación para os anos 2025, 2026, 2027 e 2028 orientado á prevención das condutas adictivas, que incluirá entre 4 e 8 dos programas definidos no artigo 6, que abranguerán, cando menos, 2 dos 3 ámbitos de intervención principais: escolar, familiar e xuvenil.

6. As entidades solicitantes optarán necesariamente á clase que lles corresponda en función da poboación que abranga o seu proxecto.

7. Se a Consellería de Sanidade actualiza a carteira de servizos en materia de prevención do Plan de Galicia sobre drogas, o compromiso de realización de programas a que se refire o punto 5 estenderíase aos programas equivalentes incluídos na nova carteira. De ser o caso, e co fin de facilitar a transición, a consellería establecería unha táboa de equivalencias entre programas antigos e novos, de xeito que se garantiría a continuidade das actividades programadas.

8. O proxecto presentado deberá abranguer unha área de actuación mínima de 10.001 habitantes, que poderá ser de carácter municipal ou abarcar varios concellos para os cales se presente un proxecto común. A poboación destinataria do proxecto comprobarase no último padrón municipal publicado polo Instituto Galego de Estatística na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

9. As intervencións que se desenvolvan neste proxecto preventivo non poderán dirixirse a poboación que xa sexa beneficiaria de intervencións similares realizadas por outras institucións ou entidades, de carácter público ou privado, ao mesmo tempo.

10. As entidades solicitantes deberán ter remitido ao Consello de Contas as contas xerais do último exercicio a que estean legalmente obrigadas, de acordo co disposto no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. Este requisito deberá cumprirse antes do final do prazo de presentación de solicitudes. No caso das solicitudes presentadas por agrupacións de concellos, este requisito deberá ser cumprido por cada un dos concellos integrantes.

11. As entidades solicitantes non poderán incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. No caso das solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, este requisito deberá ser cumprido por cada unha das entidades integrantes.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as declaracións incluídas nos anexos I e II serán suficientes para acreditar que a entidade está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedora por unha resolución de procedemento de reintegro.

12. As entidades solicitantes deberán procurar que os materiais e publicacións, xa sexa en formato impreso ou electrónico, que se elaboren no contexto das axudas reguladas por esta orde incorporen de forma visible o seu financiamento público, sexan previamente revisados e aprobados pola Consellería de Sanidade e se axusten aos criterios oficiais de identidade corporativa da Xunta de Galicia. Ademais procurarán, en todo caso, a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes, así como o emprego dunha linguaxe inclusiva.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 22 de xullo de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por concellos, mancomunidades de concellos ou agrupacións de concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento SA463G).

Cuarto. Contía

Para o financiamento destas axudas destínase un crédito de 2.588.866,90 euros, que se financiará con cargo á aplicación orzamentaria 1202.413A.460.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Este orzamento distribuirase en tres anualidades do seguinte xeito:

a) Ano 2026: 1.294.433,45 €.

b) Ano 2027: 862.955,63 €.

c) Ano 2028: 431.477,82 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Sexto. Outros datos

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2026

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade