DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 3 de agosto de 2026 Páx. 42849

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ANUNCIO do 24 de xullo de 2026, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada da planta siderúrxica de Megasa Siderúrgica, S.L., no concello de Narón (A Coruña) (expediente 2024-IPPC-M-46).

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19 de outubro de 2013), faise público que durante o prazo de vinte días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a documentación correspondente á revisión da autorización ambiental integrada da planta siderúrxica no concello de Narón, presentada por Megasa Siderúrgica, S.L., co fin de que calquera persoa interesada poida consultala e, de ser o caso, formular dentro do devandito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que estime convenientes.

A documentación estará á disposición das persoas administradas nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (https://medioambiente.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada >>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2026

María José Echevarría Moreno
Directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade

ANEXO

Expediente: 2024-IPPC-M-46.

Titular: Megasa Siderúrgica, S.L.

NIF: B15626971.

Domicilio social: estrada de Castela 802-820, 15570 Narón (A Coruña).

Localización da instalación: estrada de Castela 802-820, 15570 Narón (A Coruña).

Actividade: fabricación de productos básicos de ferro, aceiro e ferroaliaxes.

Categorías da actividade: 2.2 e 2.3.a) do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación.

Descrición do proceso: fabricación de productos básicos de ferro, aceiro e ferroaliaxes. Na instalación realízase a fundición e o colado da chatarra, así como a laminación do semiproduto resultante para a produción de barras de aceiro corrugado e rolo.

Verteduras: existen dous puntos de vertido directos ao dominio público marítimo-terrestre. Os circuítos de auga residual da planta resúmense en:

– Augas pluviais procedentes de toda a instalación, excepto o aparcadoiro e as oficinas: condúcense a un tanque decantador e reconducidas ao circuíto de refrixeración directa, salvo que o volume de auga recollido impida a súa retención, onde son vertidas ao dominio público marítimo-terrestre xunto coas augas residuais fecais depuradas.

– Augas pluviais da zona de aparcadoiros e oficinas: depúranse nunha arqueta separadora de sólidos, graxas e aceites, e posteriormente vértense ao dominio público marítimo-terrestre nun punto de vertido individualizado.

– Augas residuais fecais: Megasa Siderúrgica, S.L. dispón dunha planta de depuración biolóxica aerobia de aireación prolongada con decantación e recirculación de lodos activos. O efluente vértese xunto coas augas pluviais.

– Augas procedentes de purgas dos circuítos de refrixeración.