DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 13 de agosto de 2026 Páx. 44523

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 28 de xullo de 2026, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo de aceptación de revisión do esbozo do monte veciñal denominado Salgosa, Rabadeira A, Rabadeira B e Torres (ID 3168) da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Taborda, no concello de Tomiño (expediente RE17004).

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acordou, na súa reunión do 21.7.2026, aceptar a revisión do esbozo e a cartografía actualizada dos montes Salgosa, Rabadeira A, Rabadeira B e Torres (ID 3168) realizada polo Servizo de Montes de Pontevedra, con base nos seguintes feitos e consideracións técnicas.

Antecedentes e consideracións técnicas.

Primeiro. Con data do 11.10.2017, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Taborda (Tomiño) solicitou a revisión do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) con (ID 3168) formada por os cotos redondos Salgosa, Torres e Rabadeira A e B. A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE17004.

O 19.6.2019, a CMVMC de Taborda desiste da revisión do esbozo do monte Rabadeira A e Salgosa por estar en trámite o deslinde coa CMVMC de Piñeiro e a CMVMC de Tebra.

Por ese motivo, en aplicación da DT 13ª da Lei de Montes de Galicia, o 19.7.2019 o Xurado acordou solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión do esbozo e a elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal citado.

Segundo. Tras a análise da documentación achegada coa solicitude, o Servizo de Montes emitiu informe o 13.3.2024 en que expón que:

– Con data do 20.11.1979, o Xurado Provincial de Clasificación de MVMC de Pontevedra clasificou o MVMC de Taborda, a favor dos veciños da parroquia de Taborda composto por 4 parcelas:

Parcela núm. 1. Salgosa. Cabida: 37 ha.

Parcela núm. 2. Rabadeira A. Cabida: 3 ha.

Parcela núm. 3. Torres. Cabida: 5 ha.

Parcela núm. 4. Rabadeira B. Cabida: 111 ha.

– Mediante transacción xudicial do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Tui, pola que se recoñece a titularidade do monte denominado Pozas Redondas ou Torres de 11,01 ha, segundo informe técnico, como de propiedade da CMVMC de Forcadela quitándollo á CMVMC de Taborda.

– Consta o expediente de avinza do ano 2004 entre a CMVMC de Taborda e a CMVMC de Amorín.

– O monte veciñal posúe proxecto de ordenación inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co núm. 360175 e vixencia ata 2024.

– Revísase o esbozo das parcelas Torres e Rabadeira B. A proposta de esbozo baséase no Proxecto de demarcación de predios rústicos do ano 1996 executado polo concello de Tomiño, no levantamento topográfico con GPS e estación total e cartografía catastral.

– A superficie do esbozo proposto do MVMC Torres é de 66,01 ha e a do MVMC Rabadeira B é de 33,39 ha.

– A descrición da resolución de clasificación do 20.11.1979 do Xurado Provincial de Clasificación de MVMC de Pontevedra modifícase cos nomes, cabidas e límites que a continuación se consignan:

• Parcela núm. 3 Torres. 66,01 ha.

Norte: estrada e fincas particulares.

Sur: camiño público e fincas particulares.

Este: Monte da parroquia de Amorín e fincas particulares.

Oeste: Arroio hospital e predios particulares.

• Parcela núm. 4 Rabadeira B. 33,39 ha.

Norte: predios particulares.

Sur: predios particulares.

Leste: predios particulares e monte de Amorín.

Oeste: predios particulares e camiño público.

Terceiro. O procedemento de revisión de esbozos de MVMC vén regulado na DT 13ª da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

A vista do exposto, este xurado

ACORDA:

Aceptar a revisión do esbozo parcial do monte Salgosa, Rabadeira A, Rabadeira B e Torres (ID 3168), segundo a proposta e planimetría elaborada polo Servizo de Montes.

Tal e como exixe o parágrafo 3 da DT 13ª da LMG, a presente aceptación da revisión de esbozo será posta en coñecemento da Comunidade de Montes propietaria e publicada no DOG para coñecemento do resto de posibles interesados.

Pontevedra, 28 de xullo de 2026

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra