DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Luns, 17 de agosto de 2026 Páx. 44967

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

RESOLUCIÓN do 7 de agosto de 2026 pola que se modifica a Resolución do 10 de marzo de 2026 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes desta entidade para o curso 2026/27 (códigos de procedemento BS404A e BS404B).

O 16 de marzo de 2026 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 10 de marzo de 2026 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para o curso 2026/27 (códigos de procedemento BS404A e BS404B).

Esta resolución ten por obxecto convocar o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para o curso 2026/27, tanto de novo ingreso como de renovación de praza, a través dos procedementos BS404A e BS404B, respectivamente.

O obxecto da presente modificación é revisar o calendario de apertura das escolas infantís dependentes do Consorcio no que respecta ao día de comezo do curso escolar, establecido no artigo 4.1 da dita resolución.

A modificación do prazo de inicio do curso escolar establecido na dita resolución ten como finalidade garantir o correcto funcionamento dos centros ante o movemento de persoal previsto para o mes de setembro na rede de escolas infantís da Xunta de Galicia con motivo da resolución do concurso de traslados e das tomas de posesión do persoal funcionario dos centros, en cumprimento da lexislación vixente en materia de emprego público.

Deste xeito, procédese á modificación do comezo do período escolar, que pasa a ser o día 7 de setembro de 2026.

En consecuencia, de conformidade co artigo 6 dos Estatutos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (DOG núm. 131, do 7.7.2006)

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 10 de marzo de 2026 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes deste Consorcio para o curso 2026/27

O número 1 do artigo 4 da Resolución do 10 de marzo de 2026 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes deste Consorcio para o curso 2026/27 queda redactado como segue:

«1. Nas escolas infantís 0-3 a que se refire esta resolución, o curso escolar dará comezo o luns 7 de setembro de 2026.

Os centros permanecerán abertos de luns a venres, excluídos os días considerados festivos no calendario laboral, e permanecerán pechados os días 24 e 31 de decembro. Ademais, permanecerán pechados os días 28, 29 e 30 de decembro de 2026.

As escolas pecharán ás 15.00 horas os días 5 de xaneiro e 9 de febreiro de 2027. No caso de escolas infantís situadas en concellos en que o día 9 de febreiro, martes de Entroido, sexa festividade local, poderán pechar ás 15.00 horas o luns día 8 de febreiro.

Así mesmo, con carácter xeral, todos os centros permanecerán pechados durante o mes de agosto correspondente ao curso 2026/27.

Excepcionalmente, no mes de agosto de 2027, sempre que exista unha demanda igual ou superior a 15 alumnos/as, podería procederse á apertura dun centro por localidade. Nestes casos, o seu peche diario realizarase ás 17.00 horas. Neste suposto a familia deberá xustificar, con base en motivos laborais ou de saúde, a necesidade de levar o/a alumno/a ao centro durante o citado período do mes de agosto. En todo caso, o alumnado só poderá asistir ao centro un máximo de 11 meses dentro do período de setembro a agosto do curso 2026/27».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2026

Perfecto Rodríguez Muíños
Xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar