DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Xoves, 20 de agosto de 2026 Páx. 45943

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 22 de xullo de 2026 pola que se fai pública a orde de retirada da embarcación Ganges V do porto de Fisterra.

De conformidade co disposto nos artigos 44, 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por motivos de interese público que o fan aconsellable dado que o titular rexistral do barco, Plácido Manuel Valdomar Canosa, rexeita a notificación no sistema Notifica.gal, faise pública mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado a Orde do 7 de xullo de 2026, da Dirección da entidade pública Portos de Galicia, para que se proceda no prazo máximo de quince (15) días naturais, contados desde a publicación desta cédula, á retirada da embarcación Ganges V con matrícula VILL-5ª-3-3-92, do porto de Fisterra.

Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Esta orde emítese en aplicación do previsto no artigo 129.3 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, unha vez que o propietario xa incumpriu dúas ordes previas de retirada da embarcación, e vistas as conclusións do informe emitido polo coordinador de Seguridade e Inspección Marítima da Capitanía Marítima da Coruña que faculta Portos de Galicia para que traslade o barco a unha zona máis segura onde poder varalo evitando danos ao ambiente.

No caso de se incumprir esta orde, Portos de Galicia, de acordo coa norma antes citada, procederá a executar de maneira forzosa e por conta do propietario da embarcación, ao cal se lle pasarán os custos correspondentes, as actuacións de remolque do barco e a súa posterior varada, sen que Portos de Galicia asuma ningunha responsabilidade polos danos que poida sufrir a embarcación durante o traslado e varada, nin tampouco no lugar onde quedará depositada a embarcación.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2026

Juan Sanmartín Ferreiro
Director de Portos de Galicia