DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Mércores, 16 de setembro de 2026 Páx. 49036

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 26 de agosto de 2026, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Narón (expediente IN407A 2026/139-1).

Expediente: IN407A 2026/139-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Proxecto: Regulamentación LMTA DC CRN703-CRN710 en tramo entre os apoios núm. C4 e núm. D5.

Concello: Narón.

Feitos:

1. O día 3.6.2026, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de regulamentar un tramo de liña aérea de media tensión por ter distancias inferiores ás regulamentarias a unhas edificacións existentes.

Ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da instalación proxectada, presentan o proxecto de execución denominado Regulamentación LMTA DC CRN703-CRN710 en tramo entre apoyos núm. C4 e núm. D5 (Narón), asinado o día 9.2.2026 por Antonio Javier Sabín Vázquez, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, número de colexiado 2.233.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante un acordo publicado nos seguintes medios:

– Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.

– DOG: 3.7.2026.

– BOP: 15.6.2026.

– Xornal La Voz de Galicia: 22.6.2026.

– Taboleiro de anuncios do Concello: con data do 12.6.2026 solicitouse ao Concello de Narón a exposición pública do proxecto e a correspondente acreditación de realización dese trámite, sen que conste no expediente a emisión da devandita certificación.

3. Durante o período en que o proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentou ningunha alegación, reclamación nin suxestión relacionada coa documentación obxecto de publicación.

4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Narón e Telefónica de España, S.A.U.

A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.

5. O día 24.8.2026 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

2. Lexislación de aplicación:

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

3. Características técnicas:

As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar das Covas, no concello de Narón e as súas características técnicas son as seguintes:

– Instalación dun novo apoio metálico de celosía de tipo C-18/4500-E30-CA na LMTA DC CRN703A e CRN710 (expediente 50740). Retensado dos vans adxacentes ao apoio que se vai instalar.

4. Do visto na visita realizada o 18.6.2026 non se atopa ningunha limitación das indicadas no artigo 161.1 de Real decreto 1955/2000 para impor servidumes de paso.

5. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

Consonte con todo o sinalado,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da devandita instalación de distribución eléctrica.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

B) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/da director/a da montaxe no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

D) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia á persoa interesada, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da devandita Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015.

A Coruña, 26 de agosto de 2026

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados. Termo municipal de Narón

Núm.

parcela

Lugar

Referencia catastral

Cultivo

Titular

Afección de solo en pleno dominio

Afección do solo por servidume de paso de enerxía eléctrica

Apoio núm.

m2

ml aér.

ml sot.

m2 aér.

m2 sot.

1

As Covas 15055A061000370000SM

Rústico. Agrario.

Prados ou pradeiras

Descoñecido

1

2,0

Abreviacións:

ml aér.: lonxitude da servidume aérea en metros lineais.

ml sot.: lonxitude da servidume soterrada en metros lineais.

m2 aér.: superficie de servidume aérea en m2.

m2 sot.: superficie de servidume soterrada.