En cumprimento do disposto no artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial; na Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa, e nas demais normas vixentes de aplicación; sométese a información pública a solicitude relacionada co proxecto que se detalla a seguir.
1. Antecedentes.
1º. Con data do 1.12.2025 o proxecto de ampliación da explotación de engorda de larva de mosca soldado negra no concello de Palas de Rei (Lugo), promovido por Alternative Fats and Proteins of Galicia, S.L. foi declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) por Acordo do Consello da Xunta de Galicia, ao abeiro do establecido no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial.
2º. O 5.8.2026 o promotor presenta a documentación exixida pola normativa aplicable. Unha vez completa a documentación de acordo co artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria continúa coa tramitación do expediente e somete a información pública a declaración de utilidade pública e o proxecto de ampliación da explotación de engorde de larva de mosca soldado negra no concello de Palas de Rei (Lugo), promovido por Alternative Fats and Proteins of Galicia, S.L.
2. Datos do proxecto.
Solicitante/promotor: Alternative Fats and Proteins of Galicia, S.L. (Alfaprogal, S.L).
NIF: B72585391.
Domicilio social: avenida Fragoso, núm. 87, baixo, porta M, Vigo (Pontevedra).
Denominación do proxecto: Ampliación da explotación de larva de mosca soldado negra.
Concello afectado pola industria: Palas de Rei (Lugo).
Situación da industria: lugar de Camouco (Palas de Rei).
Actividade: CNAE 1091: fabricación de produtos para a alimentación de animais de granxa.
Categoría principal da actividade: con respecto ao encadre do proxecto no ámbito da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, o proxecto encádrase no grupo 2.a. Instalacións industriais para a elaboración de graxas e aceites vexetais e animais, do anexo II polo que estaría sometido ao procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada.
Descrición do proxecto: o proxecto consiste na ampliación das instalacións da planta de cría, engorda e transformación de larvas de mosca soldado negra para a produción de fariñas proteicas e graxas que terán aplicacións industriais e agroalimentarias.
Instalacións do proxecto:
A instalación comprenderá as seguintes áreas:
– Zona de cría e engorda, constituída por módulos automatizados de biofiltros, control de humidade, temperatura e iluminación, con sistemas de alimentación intelixentes e recirculación de substratos.
– Zona de procesado industrial, que incluirá liñas de renderizado, secado e separación de fases (sólida/líquida), con capacidade para producir fariñas desgraxadas e aceites industriais.
– Área de almacenamento e distribución, atoparanse os silos e depósitos para produtos finais, cámaras de estabilización, salas de ensacado e carga.
– Infraestruturas ambientais, incluirán un sistema de captación de emisións, control de bioaerosois, recuperación enerxética e tratamento de efluentes.
O proxecto ocupará unha superficie útil ampliada, e disporá de sistemas de monitoraxe ambiental, seguridade industrial e bioseguridade, cumprindo cos máis altos estándares normativos en materia de saúde, rastrexabilidade, benestar animal e sustentabilidade.
En relación co diagrama de produción, a larva fresca poderá estar sometida a dous procesos co obxectivo de obter dúas gamas de produtos distintos:
– Un proceso de secado para obter larva seca.
– Un proceso de rendering para obter fariña e graxa.
En ambos os dous procesos obterase compost.
Investimento previsto: 100,3 M euros.
3. Obxecto da información pública.
Sométese a información pública o proxecto de ampliación da explotación de engorde de larva de mosca soldado negra no concello de Palas de Rei (Lugo), promovido por Alfaprogal, S.L., a declaración de utilidade pública e a relación concreta dos bens e dereitos afectados; para os efectos das autorizacións administrativas que procedan. Todo o anterior de forma conxunta en virtude do disposto no artigo 79.4. do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.
Documentación que se expón:
– Proxecto ampliación Palas.
– Relación de bens e dereitos afectados.
O que se fai público, de conformidade co artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, para coñecemento xeral, e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren afectadas nos seus dereitos ou intereses, poidan examinar a documentación técnica anteriormente relacionada, e de ser o caso, presentar as alegacións ou observacións que xulguen oportunas dentro do prazo de trinta (30) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Para a presentación de alegacións empregarase o modelo normalizado IN301B «Alegacións a proxectos industriais estratéxicos durante o trámite de información pública», dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https:\\sede.xunta.gal).
A dita documentación poderá consultarse no portal web da Consellería de Economía e Industria, a través da seguinte ligazón:
https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/proxectos-industriais-estratexicos
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026
Nicolas Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético
ANEXO I
Relación de bens e dereitos afectados
|
Parcela |
Polígono |
Clase terreo |
Ref. catastral |
Titular catastral |
Superficie ocupada |
||
|
Titular catastral |
Concello |
Superficie total afectada |
|||||
|
228 |
98 |
Rústico |
27040A098002280000UY |
CVMMC Berbetouros |
Palas de Rei |
141.178 m² |
100 % |
