DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Mércores, 7 de outubro de 2026 Páx. 51707

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 30 de setembro de 2026 pola que se clasifica de interese educativo a Fundación Amadahi.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Amadahi, con domicilio no lugar de Torrelos, s/n, polígono 3, parcela 303, 15177 Oleiros (A Coruña), resultan os seguintes feitos e consideracións legais.

Feitos:

1. O 18 de xullo de 2026, a fundación presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Amadahi constituíuna María Paz Gonçalves López, mediante escritura pública outorgada o 29 de maio de 2026, perante o notario de Oleiros, Andrés Antonio Sexto Presas, co número de protocolo 1609.

3. A Fundación, consonte o artigo 7 dos seus estatutos, ten por obxecto:

«1. Protexer e promover o benestar da infancia mediante a educación integral e integrativa (dimensión cognitiva, física, social, emocional e espiritual) en profundo vínculo coa natureza, en todos os niveis educativos, desde a primeira infancia ata a idade adulta para garantir unha educación inclusiva, equitativa e rexenerativa.

2. Atender e acoller a infancia en situación de vulnerabilidade, incluídos menores con discapacidade física, psíquica ou sensorial, nenos e nenas en desamparo familiar; así como menores migrantes en situación de risco.

3. Favorecer a inclusión educativa e social destes menores mediante a convivencia con infancia normativa en espazos educativos naturais, que promovan a inclusión real e a igualdade de oportunidades.

4. Protexer e conservar a natureza como parte esencial do desenvolvemento humano e o seu benestar fomentando a pedagoxía do lugar, o coñecemento profundo do medio natural e a súa preservación e sustentabilidade, así como o recoñecemento do seu efecto restaurativo sobre a saúde física e mental.

5. Impulsar a investigación, a formación e a divulgación sobre os beneficios que a educación en vínculo coa natureza achega á infancia, ás familias, á sociedade e á propia natureza.

6. Promover a nivel educativo, social e de políticas ambientais, agrícolas, socioeconómicas e culturais, a creación e deseño de contornos naturais, recursos e materiais educativos que sexan accesibles para todas, que contribúan á sustentabilidade, á innovación pedagóxica e á sensibilización social sobre a importancia da natureza na educación e na saúde e o benestar.

7. Defender os dereitos da infancia e da natureza, para contribuír á construción dunha sociedade máis xusta, inclusiva e sostible.

8. Protexer e recoñecer o valor das especies, variedades e razas locais, así como da flora e fauna autóctonas e endémicas, polo seu papel fundamental na conservación da biodiversidade e na resiliencia dos ecosistemas fronte á policrise ambiental contemporánea».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por María Paz Gonçalves López, como presidenta; Dolores Pulleiro Suárez, como secretaria; e Susana García Artés, como vogal.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Amadahi, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 22 de setembro de 2026,

DISPOÑO:

Clasificar de interese educativo a Fundación Amadahi, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; e poderase interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición perante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes