O 17 de marzo de 2021, o conselleiro de Sanidade resolveu encomendar á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) a xestión das actuacións para a adxudicación e a execución do contrato de servizo de redacción do documento para a tramitación urbanística, anteproxecto, proxecto básico, de execución, de expropiación, dirección facultativa da obra e control de vixilancia do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).
O 31 de marzo de 2021, a Consellería de Sanidade publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) núm. 61, a Resolución do 25 de marzo de 2021 pola que se dá publicidade da encomenda do Servizo Galego de Saúde (Sergas) á AXI.
O 7 de setembro de 2026, mediante a resolución da directora da Axencia Galega de Infraestruturas aprobouse inicialmente o proxecto de equidistribución en desenvolvemento do proxecto de expropiación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de interese autonómico (PIA) do novo CHUAC, no ámbito de Pedralonga, no concello da Coruña, que se tramitará segundo o disposto na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento de desenvolvemento.
O proxecto de equidistribución estará exposto ao público na sede central da Axencia Galega de Infraestruturas, na sede central do Servizo Galego de Saúde e no Concello da Coruña; asemade, poderase consultar na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:
https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/transparencia/pia/chuac-pedralonga
O prazo de exposición pública será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da última das publicacións deste anuncio no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia da Coruña ou nun dos diarios de maior difusión na provincia. Neste prazo calquera persoa poderá examinar o proxecto de equidistribución en desenvolvemento do proxecto de expropiación e presentar alegacións.
De conformidade co previsto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cando se ignore o lugar de notificación dos propietarios e demais titulares afectados que figuran no proxecto ou, intentada esta, non se puidese efectuar, a publicación deste anuncio no Boletín Oficial del Estado producirá os efectos da notificación prevista no artigo 270.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026
María Deza Martínez
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas
