DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Venres, 9 de outubro de 2026 Páx. 52053

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 7 de outubro de 2026 pola que se declaran francos os terreos e se convoca o concurso público, para o outorgamento de permisos de investigación, relativo a dereitos mineiros caducados correspondentes á provincia da Coruña.

Antecedentes:

1. De conformidade cos artigos 39.2 e 53 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, desenvolvida polo artigo 72 do Regulamento xeral para o réxime da minaría, aprobado polo Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto, o outorgamento dun permiso de investigación sobre terreos que resulten francos como consecuencia do levantamento dunha reserva a favor do Estado ou da declaración de caducidade dun permiso de exploración, dun permiso de investigación ou dunha concesión de explotación, require a tramitación previa dun concurso público.

2. A Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que constitúe a lexislación propia da Comunidade Autónoma en materia de minas e ten como obxectivo definir o marco xurídico das actividades mineiras en Galicia en condicións de sustentabilidade e seguridade, promovendo un aproveitamento racional dos recursos compatible coa protección do ambiente, regula o referido concurso público nos seus artigos 35 e 36.

Así mesmo, a Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, establece a obriga de incluír nos concursos públicos de dereitos mineiros os requisitos, criterios de selección e condicións de execución que valoren os beneficios sociais e económicos das propostas.

Consideracións legais e técnicas:

1. De acordo co artigo 16.1 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, sen prexuízo das funcións atribuídas ao Consello da Xunta de Galicia, a persoa titular da consellería competente en materia de minas da Comunidade Autónoma de Galicia é o órgano mineiro competente para convocar e resolver os concursos públicos relativos a dereitos mineiros caducados.

Segundo o artigo 1.g) do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, correspóndelle a esta o exercicio das funcións en materia de recursos minerais e augas minerais e termais.

Así mesmo, de acordo co establecido no artigo 11.3 da Orde do 4 de novembro de 2024 sobre delegación de competencias en diversos órganos da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 217, do 11de novembro), deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas as competencias relativas ao despacho e resolución de expedientes que en materia de dereitos mineiros estean atribuídas á persoa titular da consellería e que non se deleguen expresamente noutros órganos.

2. Nos artigos 35 e 36 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, regúlanse determinados aspectos da convocatoria, desenvolvemento e resolución do concurso en relación coa documentación a presentar, a constitución dunha mesa para a verificación da apertura das ofertas ou o establecemento na resolución do concurso dunha orde de prelación para a tramitación das solicitudes nos casos de concorrencia competitiva segundo a valoración que derive da aplicación dos criterios de selección.

En concreto, o artigo 35.1 da devandita lei establece a obriga de realizar convocatorias de concurso diferenciadas por cada provincia, logo da firmeza en vía administrativa das declaracións de caducidade dos dereitos mineiros correspondentes.

Pola súa banda, o artigo 20 da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, dispón que os criterios de calidade social e ética, así como de impacto socioeconómico dos proxectos na zona de implantación da explotación, representarán, polo menos, o 40 % dos criterios de selección na baremación das solicitudes de dereitos mineiros nos concursos públicos.

Todos estes aspectos recóllense e especifícanse nos anexos desta resolución, constituíndo as bases do concurso.

Polo exposto, de conformidade co disposto no artigo 35 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia; nos artigos 39.2 e 53 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas; e no artigo 72 do Regulamento xeral para o réxime da minaría, aprobado polo Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto, e logo de informe facultativo da Asesoría Xurídica da Consellería de Economía e Industria do 24 de setembro de 2026,

DISPOÑO:

1. Declarar francos os terreos correspondentes aos dereitos mineiros caducados que se detallan no anexo I, con expresión do tipo de dereito, número, nome, superficie e termos municipais afectados.

2. Convocar o concurso público respecto dos dereitos mineiros declarados caducados detallados no devandito anexo I, así como aprobar as bases polas que se rexerá esta convocatoria, contidas no anexo II, e mais os criterios de valoración e selección conforme os cales se resolverá o concurso, recollidos no anexo III.

3. Ordenar a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa última publicación, no Diario Oficial de Galicia ou no Boletín Oficial del Estado, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a mesma data, consonte o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2026

A conselleira de Economía e Industria
P.D. (Orde do 4.11.2024; DOG núm. 217, do 11.11.2024)
Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas

ANEXO I

Dereitos mineiros declarados caducados

Provincia da Coruña

Tipo de dereito

Número

Nome

Superficie

Termo municipal

PI

4263

Sonsoles

12 P

As Pontes de García Rodríguez

PI

5642

Trasmonte

100 P

Oroso

PI

5821

Segunda Sonsoles

29 P

As Pontes de García Rodríguez

PI

6057.1

Tercera Sonsoles, fracción 1ª

12 P

As Pontes de García Rodríguez

PI

6057.2

Tercera Sonsoles, fracción 2ª

25 P

As Pontes de García Rodríguez

PI

6073

Serrabal

13,2 CM

Vedra, Boqueixón e A Estrada

PI

6146

Carmela

98 P

As Pontes de García Rodríguez

PI

6148

María Antonia

257 P

As Pontes de García Rodríguez

‍PI

6156

Cuarta Sonsoles

2427 P

A Capela e As Pontes de García Rodríguez

PI

6182

Quinta Sonsoles

1950 P

As Pontes de García Rodríguez

PI

6397

Santa Lucía

8 CM

Carballo

‍PI

6397.1

Santa Lucía, fracción 1ª

4 CM

Carballo

PI

6705.1.1

Frades, fracción 1ª, fracción 1ª

1 CM

Mesía

PI‍

6947

Alba

1 CM

Oroso

‍PI

6947.1

Alba, fracción 1ª

4 CM

Oroso e Frades

‍PI

6973

Morriña

246 CM

Friol, Palas de Rei, Melide e Toques

‍PI

7088

Ampliación a Celia

5 CM

Tordoia e Trazo

‍PI

7126

Begoña

4 CM

San Sadurniño e Moeche

PI

7134

Maris

43 CM

Frades e Mesía

PI

7135

Lamoso

9 CM

Ordes e Oroso

PI

7136

Calvente

32 CM

Oroso, O Pino e Santiago de Compostela

PI

7138

Xanceda

3 CM

Frades e Mesía

Lenda

Tipo de dereito

PI

Permiso de investigación

Superficie

P

Pertenzas (1 P = 1 ha)

CM

Cuadrículas mineiras

ANEXO II

Bases do concurso público

Primeira. Solicitudes

1.1. Este concurso abrangue os terreos correspondentes aos dereitos mineiros declarados caducados que se detallan no anexo I da convocatoria, con expresión do tipo de dereito, número, nome, superficie e termos municipais afectados, todos eles correspondentes á provincia da Coruña.

Os datos relativos á situación e delimitación xeográfica da superficie correspondente aos dereitos caducados atópanse á disposición das persoas interesadas a través da ligazón web https://concursosdereitosmineiros.xunta.gal/. Non obstante, a información oficial relativa ao concurso será a que conste no Servizo de Enerxía e Minas do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria na Coruña, e poderá ser consultada polas persoas interesadas durante o horario de atención ao público do dito servizo.

1.2. Poderán presentar solicitudes a este concurso as persoas físicas ou xurídicas, españolas ou estranxeiras, que teñan plena capacidade de obrar e que non estean incursas en ningunha prohibición de contratar das previstas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014; sen prexuízo do disposto nestas bases.

De conformidade co artigo 35.1 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, se a declaración de caducidade dun dereito obxecto de concurso se debe ao incumprimento das obrigas legais ou das condicións establecidas no título de outorgamento por parte da persoa explotadora ou da persoa titular do dereito, estas non poderán participar no concurso respecto do dito dereito.

1.3. As solicitudes de participación no concurso dirixiranse ao Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria na Coruña, e axustaranse ao modelo normalizado que se inclúe no anexo V desta orde.

Xunto coa solicitude achegaranse dous sobres (sobre 1 e sobre 2), que incluirán a documentación que máis adiante se especifica, de conformidade co exixido no artigo 35.2 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, e mais no artigo 72.1 do Regulamento xeral para o réxime da minaría, aprobado polo Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto.

Toda a documentación que debe achegarse no presente concurso presentarase en lingua galega ou castelá.

1.4. No denominado sobre 1 incluirase a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da capacidade xurídica e de obrar da persoa solicitante, da representación e de que non concorre ningunha das prohibicións para contratar co sector público.

a.1. Para acreditar a capacidade xurídica e de obrar presentarase a seguinte documentación:

– No caso de persoas físicas, e só no suposto de oposición á súa consulta, copia compulsada do documento nacional de identidade (DNI) ou do documento que regulamentariamente o substitúa, e copia compulsada do número de identificación fiscal (NIF) se non figura no DNI.

O documento nacional de identidade (DNI) consultarase de xeito automático. No caso de que as persoas solicitantes se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar a documentación referida no parágrafo anterior.

– No suposto de persoas xurídicas, copia compulsada da escritura ou documento de constitución (e, de ser o caso, de modificación), dos estatutos ou do acto fundacional, en que consten as normas polas cales se regula a súa actividade e que estean debidamente inscritos, se for o caso, no rexistro público correspondente segundo o tipo de persoa xurídica de que se trate.

– No caso de empresas estranxeiras, declaración expresa de someterse á xurisdición dos xulgados e tribunais españois de calquera orde para todas as incidencias que de modo directo ou indirecto poidan xurdir do concurso, con renuncia, se for o caso, ao foro xurisdicional estranxeiro que lle poida corresponder á persoa solicitante.

Toda a documentación se deberá presentar traducida de forma oficial ao castelán ou ao galego, de acordo co disposto no artigo 23 do Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro.

A capacidade de obrar dos empresarios non españois que sexan nacionais de Estados membros da Unión Europea ou de Estados signatarios do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo acreditarase pola súa inscrición nos rexistros, ou presentación das certificacións, que se indican no anexo I do citado Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas.

A capacidade de obrar das empresas estranxeiras non comprendidas no parágrafo anterior acreditarase mediante un informe expedido pola misión diplomática permanente ou oficina consular de España correspondente ao lugar do domicilio da empresa, no que se fará constar, logo de ser acreditado por parte da empresa, que figura inscrita no rexistro local profesional, comercial ou análogo, ou, na súa falla, que actúa con habitualidade no tráfico local no ámbito das actividades comprendidas no obxecto deste concurso. Estas empresas deberán, ademais, presentar un informe de reciprocidade expedido pola misión diplomática permanente do lugar de domicilio da empresa.

a.2. Para acreditar a representación presentaranse os seguintes documentos:

– Os que comparezan e asinen a solicitude no nome doutro deberán presentar copia compulsada do DNI do apoderado ou do documento que regulamentariamente o substitúa, só no caso de se opoñer á súa consulta.

Os documentos nacionais de identidade (DNI) consultaranse de xeito automático. No caso de que as persoas solicitantes se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar a documentación referida.

– Se o solicitante é unha persoa física, achegarase copia auténtica ou compulsada, e debidamente validada como suficiente, da escritura do poder notarial.

– Se o solicitante é unha persoa xurídica, achegarase copia compulsada e debidamente validada como suficiente da escritura de constitución (e, se for o caso, modificación) da persoa xurídica, inscrita no rexistro público correspondente, con aqueles particulares dos estatutos ou acordos sociais dos cales se deduza a dita representación. Se esta non resulta unicamente dos mesmos presentarase, ademais, escritura de poder notarial para xustificala, inscrita no rexistro público correspondente.

a.3. Para acreditar que non concorre ningunha das prohibicións para contratar co sector público, consonte exixen o artigo 35.2 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, e o artigo 94 da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, presentarase a seguinte documentación:

– Declaración responsable de que na persoa natural ou xurídica solicitante non concorre ningunha prohibición de contratar das previstas na Lei de contratos do sector público.

– Documentación acreditativa de estar ao corrente das obrigas tanto coa Axencia Estatal de Administración Tributaria coma cos órganos da Administración Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia e coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social, só no caso de se opoñer a que a Administración proceda á súa comprobación informática ou telemática.

Os datos a que se refire o parágrafo anterior consultaranse de xeito automático. No caso de que as persoas solicitantes se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e presentar os documentos pertinentes.

b) Comprobante da fianza provisoria, que consistirá no 10 % da taxa correspondente ás solicitudes de dereitos mineiros establecida na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, a cal se indica no anexo IV da orde pola que se convoca o concurso.

1.5. O sobre 2, relativo á documentación técnica e económica xustificativa, conterá a seguinte documentación:

a) A designación do terreo que se pretende, que poderá estar referida ou ben para unha cuadrícula mineira ou ben para cuadrículas mineiras agrupadas sen solución de continuidade, con referencia ao meridiano de Greenwich (sistema xeodésico ETRS89), téndose que formular unha solicitude independente para cada un dos dereitos mineiros que se pretendan.

A solicitude poderá abranguer a totalidade do terreo correspondente a un dereito mineiro caducado incluído no anexo I ou unha parte deste.

Tanto polo que respecta aos dereitos definidos en pertenzas mineiras coma aos outorgados en cuadrículas mineiras a través de sistemas de referencia anteriores se poderá formular solicitude sobre un ou varios dereitos obxecto do concurso, así como sobre terreos francos adxacentes, cando sexa preciso para formar cuadrículas mineiras conforme o sistema de referencia xeodésica ETRS89, sempre que os terreos necesarios para conformar unha cuadrícula mineira non estean ocupados en parte por ningún dereito mineiro vixente da sección C).

Para definir o dereito ou os dereitos mineiros que se pretendan solicitar, a persoa solicitante deberá utilizar o visor dispoñible na ligazón web https://concursosdereitosmineiros.xunta.gal/ para a designación concreta das coordenadas correspondentes á totalidade ou a unha parte do terreo afectado polo dereito ou dereitos mineiros.

De conformidade co artigo 28 da Lei de ordenación da minaría de Galicia, a autoridade mineira non outorgará extensións superiores a quince cuadrículas mineiras, salvo en supostos excepcionais debidamente xustificados e motivados por razón da tipoloxía do recurso que se vaia investigar, das melloras técnicas dispoñibles, da súa natureza estratéxica ou do seu interese para a economía galega.

Unha vez seleccionada a zona desexada, poderase xerar un informe que conterá a información relativa aos vértices do dereito mineiro. Este informe deberá achegarse xunto coa correspondente solicitude, para os efectos de concretar correctamente a zona desexada.

Deberase xerar un informe independente para cada unha das solicitudes de dereitos mineiros que se pretenda presentar.

b) Os documentos requiridos para as solicitudes de dereitos mineiros, consonte o disposto no artigo 18 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia:

b.1. Memoria que comprenda o proxecto de investigación, asinado por persoa técnica competente, indicando o mineral ou minerais a investigar, co período de vixencia.

b.2. Documentación acreditativa dos requisitos de viabilidade e solvencia económica e técnica, de conformidade co sinalado no dito artigo 18 da Lei 3/2008, do 23 de maio, polos medios nel previstos. Sen prexuízo de que o cumprimento de determinados parámetros de solvencia ou viabilidade poidan ser obxecto de valoración de acordo cos criterios establecidos no anexo III, a análise específica do cumprimento dos ditos requisitos será efectuada, se for o caso, no procedemento de outorgamento do dereito correspondente.

b.3. Calendario de execución e orzamento do investimento a efectuar.

b.4. No caso dos dereitos mineiros sometidos á avaliación ambiental, o correspondente documento ambiental, de conformidade co establecido na lexislación vixente.

b.5. Un plan de seguridade e saúde laboral.

b.6. Un plan de restauración do espazo afectado polas actividades mineiras.

b.7. Planos.

b.8. Anexos.

b.9. Se for o caso, a documentación exixida pola normativa sectorial correspondente a eventuais autorizacións necesarias doutras administracións públicas.

b.10. Certificado municipal sobre a situación urbanística do lugar onde se pretende levar a cabo a actividade mineira.

b.11. Calquera outra documentación e información acreditativa do cumprimento de requisitos establecidos na lexislación sectorial aplicable.

b.12. De acordo co exixido no artigo 18.3 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, deberán determinarse de maneira expresa aqueles datos que, a xuízo da persoa solicitante, gocen de segredo profesional e de propiedade intelectual e industrial, así como aqueles que estean suxeitos a protección de carácter persoal e confidencialidade de acordo coas disposicións vixentes. Para estes efectos presentarase unha copia dos documentos de que se trate cos ditos datos anonimizados ou disociados. De non se presentar esta copia cos datos disociados entenderase que, a xuízo do solicitante, non concorren límites ou excepcións ao dereito de acceso dos recolleitos nos artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

De conformidade co artigo 31.bis do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, non será necesaria a autorización do autor cando unha obra se reproduza, distribúa ou comunique publicamente para o correcto desenvolvemento de procedementos administrativos.

c) Outros documentos acreditativos das vantaxes da proposta e do cumprimento dos criterios de valoración recollidos no anexo III.

d) Unha declaración responsable dos documentos presentados.

Segunda. Presentación de solicitudes e prazo para a súa formulación

2.1. As solicitudes formularanse de acordo cos requisitos establecidos na base primeira, así como co disposto no artigo 35 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, no artigo 53 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e no artigo 72 do Regulamento xeral para o réxime da minaría, do 25 de agosto de 1978. Os preceptos referidos constitúen un réxime especial, de acordo co previsto no artigo 16.8 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, segundo o cal non se terán por presentados no rexistro aqueles documentos e información cuxo réxime especial estableza outra forma de presentación.

As solicitudes e o resto da documentación sinalada na base primeira presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do procedemento dispoñible no Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (en diante, Silex), seguindo as especificacións recollidas no Manual de servizos de licitación electrónica publicado na seguinte ligazón: www.conselleriadefacenda.es/silex. Durante o prazo de presentación de solicitudes as persoas interesadas poderanse dirixir ao servizo de atención ao usuario habilitado no dito sistema, co obxecto de resolver as dúbidas técnicas e de carácter informático derivadas da presentación da súa solicitude.

Con carácter previo á presentación da solicitude, as persoas interesadas deberán rexistrarse no Silex, seguindo as especificacións recollidas no manual referido no parágrafo anterior.

As solicitudes axustaranse ao modelo normalizado contido no anexo V e deberán estar asinadas pola persoa interesada, ou polo seu representante legalmente facultado para facelo, mediante algún dos sistemas de identificación e sinatura electrónica admitidos pola Xunta de Galicia.

A restante documentación prevista nestas bases deberá presentarse en calquera dos formatos admitidos no Silex e deberá estar autenticada mediante sinatura electrónica recoñecida.

2.2. O prazo de presentación será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da última publicación desta resolución, xa sexa no Diario Oficial de Galicia, xa sexa no Boletín Oficial del Estado.

Se durante o dito período de dous meses se producen interrupcións na conexión coa páxina web especificada para a consulta da designación dos terreos dos dereitos caducados, esta incidencia non dará lugar á prórroga do citado prazo, dado que, en todo caso, se manterá a posibilidade de realizar as consultas nas correspondentes oficinas do departamento territorial.

Terceira. Composición da mesa

3.1. A apertura e admisión de solicitudes será realizada por unha mesa, que estará formada, de acordo co previsto no artigo 36 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, polas seguintes persoas:

a) A persoa titular do Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, ou a persoa en quen delegue, que actuará como presidente ou presidenta.

b) A persoa titular da xefatura do servizo competente en materia de minas do Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, ou o enxeñeiro ou enxeñeira de minas do dito servizo en quen delegue, que actuará como secretario ou secretaria da mesa.

c) Un membro da escala de letrados da Xunta de Galicia.

d) A persoa titular da Intervención Delegada do Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria ou da delegación territorial, ou a persoa en quen delegue.

e) Unha persoa representante da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, designada pola persoa titular da devandita dirección xeral.

3.2. En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, as persoas integrantes da mesa serán substituídas consonte o disposto nos artigos 16, 17 e 18 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3.3. Ao finalizar cada reunión da mesa fixarase a data, hora e lugar da seguinte reunión.

Cuarta. Constitución da mesa, apertura dos sobres e admisión de solicitudes

4.1. A mesa constituirase no prazo dos dez días hábiles seguintes ao remate do prazo de presentación de solicitudes. A constitución da mesa terá lugar nas dependencias da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas; se ben a asistencia ao dito acto por parte das persoas que forman a mesa, poderá realizarse mediante videoconferencia ou outros medios electrónicos válidos para estes efectos, consonte o previsto no artigo 21.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

As persoas solicitantes e os seus representantes debidamente acreditados poderán asistir de xeito telemático ao acto de constitución da mesa e de apertura de sobres. Con este fin, comunicaráselles con suficiente antelación o día e hora en que terá lugar. 

Para tal efecto, habilitarase unha ferramenta informática que permita amosar o desenvolvemento do dito acto en directo, garantindo o seu seguimento polas persoas interesadas.

4.2. Constituída a mesa, procederase á lectura do anuncio do concurso e ao reconto das solicitudes presentadas, así como a dar conta pública do número de proposicións recibidas e do nome das persoas concursantes. A seguir procederase á apertura dos sobres na orde habitual.

A presentación das solicitudes a través do sistema Silex garante que estas son remitidas cifradas e fragmentadas. A cifraxe das ofertas realizarase contra as claves públicas dos membros da mesa. Para a súa recomposición e descifraxe será necesaria a participación, no acto de apertura, de dous membros da mesa establecidos no Silex cos seus correspondentes certificados de sinatura electrónica recoñecida.

4.3. Se a mesa observa a ausencia ou deficiencia da documentación presentada no sobre 1, concederá un prazo non superior a tres días hábiles para que a persoa solicitante emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que se así non o fai, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución.

Para estes efectos notificarase mediante o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Neste suposto, non se procederá á apertura do sobre 2 presentado para o mesmo dereito ata que finalice o trámite de emenda.

De non atender o requirimento nos termos nel contidos, procederá a súa exclusión do concurso. En todo caso, as circunstancias relativas á capacidade e á ausencia de prohibicións de contratar, así como a constitución da fianza provisional, deberán concorrer na data final de presentación de ofertas, sen prexuízo da súa acreditación documental no trámite de emenda.

4.4. Polo que respecta á apertura do sobre 2, a ausencia ou deficiencia na designación do terreo que se pretende ou a falta dalgún dos documentos requiridos para as solicitudes de dereitos mineiros consonte o establecido nestas bases e o disposto no artigo 18 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, suporán a inadmisión da solicitude, do que se deixará constancia, con indicación da causa.

Quinta. Interpretación das bases

Sobre as cuestións que poidan xurdir e que non estean previstas nestas bases, a mesa constituída adoptará as decisións que coide pertinentes, tras deliberación dos seus membros, deixando constancia na acta que se levante e con indicación do sentido da súa deliberación.

Sexta. Valoración das solicitudes e establecemento da orde de prelación

6.1. O concurso resolverase a favor das propostas máis vantaxosas no seu conxunto, entendendo por tales as que ofrezan as mellores condicións científicas e técnicas, así como económicas, sociais, ambientais e xurídicas, tendo en conta os principios de sustentabilidade, responsabilidade e seguridade e atendendo aos criterios establecidos no artigo 36.2 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, e no artigo 20.3 da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.

A especificación dos criterios concretos de valoración e selección, coa indicación dos parámetros de valoración e o baremo de puntuación correspondente, recóllense no anexo III.

6.2. A mesa analizará e valorará as ofertas presentadas e formulará unha proposta de resolución do concurso que incluirá, para os casos en que se presenten varias solicitudes para o mesmo dereito, a orde de prelación das solicitudes para a súa tramitación.

Con carácter previo á formulación da proposta, a mesa poderá solicitar os informes técnicos que considere necesarios, co obxecto de verificar que as solicitudes cumpren cos criterios de valoración establecidos.

6.3. Unha vez formulada a proposta de resolución, as persoas concursantes cuxas solicitudes resulten propostas para a súa tramitación deberán presentar a documentación acreditativa de non incorrer nas prohibicións para contratar establecidas na lexislación reguladora dos contratos do sector público. Para tal efecto serán requiridas pola mesa, que lles concederá un prazo de dez días hábiles.

No caso de non presentar a documentación ou de facelo fóra do prazo concedido, entenderase que a persoa concursante retira a súa oferta e procederase a lle requirir a mesma documentación á seguinte persoa concursante segundo a orde de prelación das ofertas.

Sétima. Resolución do concurso

7.1. O órgano competente para resolver o concurso é a persoa titular da Consellería de Economía e Industria, consonte o disposto nos artigos 16 e 36.4 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia. Esta competencia está delegada na persoa titular da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, de acordo co artigo 11.3 da Orde do 4 de novembro de 2024 sobre delegación de competencias en diversos órganos.

7.2. Unha vez realizados os trámites referidos na base sexta, a mesa dará traslado da súa proposta ao órgano competente, que resolverá o concurso.

A resolución conterá a orde de prelación para a tramitación das solicitudes concorrentes presentadas respecto dun mesmo dereito e declarará que procede a admisión a trámite das solicitudes non concorrentes.

Á súa vez, no contido da resolución advertirase expresamente que a tramitación das solicitudes seleccionadas quedará condicionada a que no prazo dun mes dende a notificación da dita resolución ás persoas concursantes seleccionadas –ou, de ser posterior, desde a notificación do importe que debe ser aboado–, as persoas concursantes acrediten o aboamento da taxa administrativa establecida para a tramitación da solicitude do dereito mineiro.

De non se acreditar o aboamento da taxa indicada no prazo establecido, requiriráselle á persoa solicitante que no prazo de dez días hábiles emende a falta e acredite o aboamento, con indicación de que, de non o facer así, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución que se dite nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e procederase á tramitación da seguinte solicitude seleccionada consonte a orde de prelación establecida. De non existiren máis solicitantes, será de aplicación o establecido na base oitava.

Así mesmo, a resolución do concurso declarará rexistrables os terreos obxecto do concurso respecto dos que non se presentara, ou non fora admitida, ningunha solicitude.

7.3. O concurso resolverase no prazo máximo de seis meses contados desde o día seguinte ao da última publicación da convocatoria. Transcorrido o prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desacollidas as súas solicitudes por silencio administrativo.

7.4. De acordo co disposto no artigo 10 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, unha vez ditada a resolución procederase, de oficio, á inscrición das solicitudes no Rexistro de Solicitudes de Dereitos Mineiros.

7.5. A resolución poñerá fin á vía administrativa e notificaráselles a todos os concursantes. O resultado do concurso publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Contra a resolución poderanse interpoñer os seguintes recursos:

– Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución se esta é expresa, ou ben de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

– Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta é expresa, ou ben de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se poida entender desacollida a solicitude por silencio administrativo.

7.6. Resolto o concurso e transcorridos os prazos para a interposición dos respectivos recursos sen que estes se interpuxeran, a documentación presentada coas propostas non seleccionadas quedará á disposición das persoas interesadas.

As fianzas constituídas polos solicitantes das propostas non seleccionadas no concurso devolveranse nun prazo de trinta días naturais contados desde a notificación da resolución denegatoria da solicitude.

Oitava. Ausencia de presentación de solicitudes ou inexistencia de solicitudes válidas

Se despois de realizado o concurso quedan terreos sen adxudicar, estes serán declarados francos e rexistrables pola persoa titular da Consellería de Economía e Industria. Esa declaración deberase publicar no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, con indicación de que poderán ser solicitados logo de transcorridos oito días desde a publicación no Boletín Oficial del Estado.

Novena. Notificacións

9.1. As notificacións que procedan no desenvolvemento do concurso serán practicadas por medios electrónicos mediante o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

9.2. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fora expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

9.3. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, o órgano competente practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décima. Datos de carácter persoal

10.1. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados, como responsable do tratamento, pola Xunta de Galicia –Consellería de Economía e Industria– coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.

10.2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida nestas bases e nas referencias reflectidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

10.3. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

10.4. A fin de lle dar ao procedemento a publicidade exixida, os datos identificativos das persoas solicitantes serán publicados, conforme o descrito nestas bases, a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios, e en particular mediante a publicación do resultado do concurso no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, prevista na base sétima.

10.5. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recolleita en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

Undécima. Condicións especiais e resolutorias

11.1. Tan só serán obxecto de admisión solicitudes de permisos de investigación. A investigación comprenderá os traballos e métodos de investigación necesarios e apropiados para a caracterización do recurso e para delimitar e cuantificar o depósito que poida chegar a ser explotado, levando a cabo a súa avaliación e valoración económica mediante o estudo da súa viabilidade, no cal se teñan en consideración todos os factores xeolóxicos, mineiros, sociais e ambientais que concorran.

11.2. Os orzamentos dos proxectos incluirán unha táboa resumo, na que se reflectirán as cantidades orzadas para cada concepto en euros.

11.3. A presentación de solicitudes implica a aceptación incondicional, por parte da persoa ou entidade participante, do contido da convocatoria e das bases anexadas na súa totalidade, sen ningunha condición, e o compromiso de levar a cabo os traballos coa intensidade, ritmo e investimentos programados nas súas ofertas.

11.4. O cumprimento dos compromisos e requisitos que foran obxecto de valoración deberase manter durante a ulterior tramitación do procedemento de outorgamento do dereito mineiro, unha vez admitida a trámite a solicitude ao ser seleccionada no concurso.

Así mesmo, farase constar na resolución de outorgamento do dereito que tales compromisos e requisitos teñen o carácter de condicións ou obrigas inherentes ao dito outorgamento. No caso de que afecten ao outorgamento da concesión de explotación derivada do permiso de investigación, faranse constar tamén na resolución pola que se outorgue a dita concesión.

Toda transmisión do dereito implicará a subrogación do novo titular en tales obrigas.

11.5. A selección para a admisión a trámite como consecuencia da resolución deste concurso, así como o ulterior outorgamento do permiso de investigación, non eximen da obtención das autorizacións que correspondan a outros órganos, sen que en ningún caso concorra responsabilidade do órgano mineiro no suposto de non se obteren.

Así mesmo, tampouco cabe responsabilidade, como consecuencia de resultar seleccionada unha solicitude na resolución deste concurso, no suposto de que non se chegue a obter o permiso de investigación ou, no seu momento, a concesión derivada daquel, calquera que sexa a causa, incluíndo os condicionados ambientais que, se for o caso, poidan impoñerse ou a incompatibilidade con figuras de protección doutros bens xurídicos ou de usos preexistentes.

11.6. Os gastos de inserción desta resolución, así como os derivados da publicación do resultado do concurso nos diarios oficiais, serán rateados entre os solicitantes que resulten seleccionados, atendendo á superficie obxecto da solicitude.

ANEXO III

Criterios de valoración e selección

A valoración, prelación e selección das solicitudes presentadas realizarase de acordo cos criterios de valoración e selección e cos baremos de puntuación que a continuación se describen, sobre un total de 100 puntos.

En ningún caso se poderán valorar aquelas medidas ou accións cuxo cumprimento veña imposto pola lei.

Os aspectos e datos obxecto de valoración terán que se detallar e/ou xustificar adecuadamente. En caso contrario non serán tidos en conta pola mesa, o que se fará constar. Todas as declaracións, compromisos ou certificados que se presenten para a acreditación de criterios de valoración deberán estar asinadas por quen represente legalmente á persoa solicitante.

I. Criterios técnicos: máximo 40 puntos.

Criterio

Puntuación máxima

Descrición

Baremo

Execución de sondaxes

6

Coñecemento previo do recurso.

Se permite prescindir totalmente da execución de sondaxes: 6 puntos

Realización de sondaxes con recuperación de testemuño.

(Orzamento por cuadrícula da oferta para este concepto/orzamento por cuadrícula para este concepto maior de entre as ofertas) x6

Espazo temporal máximo

5

Redución do prazo de investigación sobre o máximo de tres anos previsto na normativa.

Por cada 3 meses completos de redución do prazo de investigación: 1 punto (máx. 5)

Ensaios

4

Dispón de laboratorio propio de caracterización química e petrográfica.

A unha distancia ≤ 150 quilómetros do PI: 2 puntos

Laboratorio de contraste acreditado.

Dispón dun contrato cun laboratorio de contraste acreditado: 2 puntos

Modelización final do recurso

4

Definición do produto.

Convenio de colaboración con centros tecnolóxicos para a definición do produto vendible: 2 puntos

Colaboración con centros académicos nos que se empreguen técnicas avanzadas para a modelización do depósito mineral.

A unha distancia ≤ 250 quilómetros do PI: 2 puntos

Materias primas estratéxicas

2

Posta de manifesto de materias primas estratéxicas potencialmente explotables aparelladas ao depósito principal.

Listaxe da sección 1, anexo I, do Regulamento (UE) 2024/1252 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de abril de 2024, polo que se establece un marco para garantir unha subministración segura e sostible de materias primas fundamentais e polo que se modifican os Regulamentos (UE) núm. 168/2013, (UE) núm. 2018/858, (UE) núm.2018/1724 e (UE) núm. 2019/1020

Racionalización e ordenación mineira

8

Continuidade do recurso.

O solicitante é titular dunha concesión de explotación para o mesmo recurso en cuadrículas adxacentes: 4 puntos

O solicitante posúe instalacións próximas.

A unha distancia ≤ 150 quilómetros do PI: 4 puntos

Experiencia e capacidade

5

Número de dereitos mineiros relacionados co recurso ou recursos que se pretenden investigar dos que foi ou é titular nos últimos 10 anos.

Concesións de explotación: 2 puntos por cada concesión (máx., 4)

Permisos de investigación: 1 punto por cada permiso (máx. 1)

Solvencia financeira

6

Valorarase a existencia e dispoñibilidade de fondos propios suficientes para cubrir o Capex previsto do proxecto, ben directamente por parte da persoa licitadora, ben mediante compromisos de dispoñibilidade de fondos asumidos polas entidades que integren o seu grupo empresarial.

Para estes efectos, deberase achegar unha declaración responsable, subscrita pola persoa ou persoas con facultades suficientes para representar a cada unha das entidades que asuman a dispoñibilidade de fondos, na que se manifeste expresamente:

a) A existencia efectiva e actual dos fondos ou recursos financeiros declarados.

b) A dispoñibilidade efectiva destes fondos para a eventual execución do proxecto obxecto do concurso, na contía que lle corresponda a cada entidade.

c) O compromiso vinculante da entidade declarante de poñer á disposición do proxecto os fondos declarados cando sexa necesario para a súa execución, e nos termos previstos na oferta presentada.

d) Que os fondos declarados como dispoñibles non están afectados a unha finalidade incompatible coa súa eventual aplicación ao proxecto nin sometidos a condicións que impidan a súa posta á disposición do mesmo.

No caso de que a dispoñibilidade de fondos se acredite mediante varias entidades integrantes do grupo, a declaración deberá identificar individualmente cada entidade, a contía dos fondos dos que declara dispoñer e o compromiso vinculante de poñer esa contía á disposición do proxecto, nos termos establecidos neste criterio.

A declaración responsable e os compromisos de dispoñibilidade de fondos terán carácter vinculante para as entidades que os subscriban, sen prexuízo de que durante a execución do proxecto a súa estrutura financeira poida complementarse ou substituírse por outras fontes de financiamento, incluído financiamento alleo, financiamento bancario, financiamento intragrupo, achegas de socios ou outras fórmulas de financiamento admisibles.

En consecuencia, o compromiso de dispoñibilidade dos fondos declarado para efectos da valoración non implicará a obriga de financiar efectivamente o proxecto exclusivamente mediante fondos propios nin impedirá recorrer posteriormente a outras fontes ou fórmulas de financiamento, sempre que se manteña en todo momento a capacidade financeira necesaria para o cumprimento das obrigas derivadas do proxecto e da oferta presentada.

A declaración responsable deberá permitir comprobar de forma individualizada a contía total dos fondos dispoñibles e a súa correspondencia coa entidade que asume o compromiso, sen que sexa suficiente unha declaración xenérica de solvencia ou capacidade financeira.

≥ 90 % do Capex con fondos propios: 6 puntos

70 % - 89 %: 4 puntos

50 % - 69 %: 2 puntos

< 50 %: 0 puntos

II. Criterios socioeconómicos e ambientais: máximo 60 puntos.

Criterio

Puntuación máxima

Descrición

Baremo

Colaboración con entidades ambientais especializadas ou con centros de investigación para o control dos impactos ambientais e sociais do proxecto ou para a execución do plan de restauración

2

Protocolo ou compromiso subscrito coa entidade ou centro no que se detalle o obxecto da colaboración.

Compromiso subscrito: 2 puntos

Investimento por cuadrícula en gastos ambientais. Inclúe:

– O orzamento de restauración (incluíndo a restauración durante a investigación de zonas degradadas por actividade anterior).

– Partidas destinadas a protección e control ambientais relativas á execución do proxecto

8

Presentarase un anexo ao proxecto coas partidas desagregadas.

Mellor oferta: (orzamento por cuadrícula da oferta para este concepto/orzamento por cuadrícula para este concepto maior de entre as ofertas) x8.

Menos do 5 % do investimento total por cuadrícula: 0 puntos

Relacións coa comunidade

2

Mecanismos de diálogo e solución de conflitos coas comunidades locais: punto/servizo de atención aos cidadáns. Identificación dunha persoa ou posto dentro da empresa que actúe como interlocutor coa comunidade, atenda as queixas dos cidadáns e busque solucións dialogadas. Indicación da forma de contacto.

Compromiso de implantación con identificación da persoa ou do posto e forma de contacto: 1 punto

Mecanismos de transparencia e acceso dos cidadáns á información: punto/servizo de atención aos cidadáns. Identificación dunha persoa ou posto dentro da empresa encargada de subministrar información aos cidadáns, especialmente sobre as repercusións ambientais da actividade mineira. Indicación da forma de contacto.

Compromiso de implantación con identificación da persoa ou do posto e forma de contacto: 1 punto

Emprego de calidade

4

Compromiso vinculante de creación de empregos indefinidos a xornada completa na fase de investigación.

Compromiso vinculante de creación de empregos directos indefinidos a xornada completa en Galicia durante a investigación. Estes datos deberán ser desagregados, indicando onde se xeran estes empregos, e gardarase coherencia co indicado no estudo de viabilidade e no plan de produción.

P0=(núm. de empregos/núm. de empregos maior oferta) ^ (1/2) x 4

Saúde laboral e prevención de riscos laborais

2

Certificación do Sistema integrado de xestión (SIX) da saúde e seguridade ocupacional (SeSO)-ISO 45001 ou similar.

2 puntos

Participación de capital galego

6

Valorarase o compromiso de lles ofrecer a persoas físicas e xurídicas, públicas ou privadas, radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia a posibilidade de participar na propiedade do proxecto mineiro, directamente ou a través dunha sociedade vehículo constituída para agrupar as persoas ou entidades participantes.

A participación poderase instrumentar mediante a adquisición ou subscrición de participacións ou accións da sociedade titular do proxecto ou mediante calquera outra fórmula xurídica que permita unha participación efectiva na súa propiedade, nos termos establecidos na oferta.

O compromiso deberá concretar as condicións de acceso á participación, incluíndo, polo menos, o procedemento, os prazos e as condicións económicas aplicables ás persoas ou entidades interesadas.

O compromiso terá carácter vinculante para a persoa adxudicataria nos termos e prazos establecidos na oferta, e se for o caso, nas condicións da concesión.

Considerarase igualmente cumprido o criterio, na porcentaxe que corresponda, cando na data de presentación da oferta a sociedade ou entidade solicitante xa conte con participación na súa propiedade de persoas físicas ou xurídicas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia igual ou superior á porcentaxe obxecto de valoración, sen necesidade de formular un compromiso adicional de apertura da propiedade.

Para estes efectos, non será suficiente o mero feito de que a sociedade solicitante ou as entidades que participen no proxecto teñan o seu domicilio social en Galicia. Deberase acreditar que a participación na propiedade do proxecto corresponde efectivamente a persoas físicas ou xurídicas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia, directa ou indirectamente, na proporción que corresponda.

No caso de participación indirecta, esta poderase computar cando se acredite suficientemente a porcentaxe de participación efectiva que corresponda ás persoas ou entidades radicadas en Galicia na propiedade da sociedade titular do proxecto. Para estes efectos, deberá achegarse a documentación necesaria para identificar a cadea de participación e determinar a porcentaxe de participación efectiva.

A participación deberá ser real, efectiva e susceptible de exercicio, non computándose aquelas participacións que estean sometidas a pactos, acordos, condicións ou limitacións que, de feito, impidan ou restrinxan o exercicio dos dereitos inherentes á condición de propietario ou socio na proporción declarada.

45 %-49 % ou máis: 6 puntos

40 %-44 %: 5 puntos

35 %-39 %: 4 puntos

30 %-34 %: 3 puntos

20 %-29 %: 2 puntos

10 %-19 %: 1 punto

0 %-9 %: 0 puntos

Excelencia ambiental e patrimonio mineiro

2

Investimento en gastos ambientais (limiar mínimo: 5 % do orzamento total) e certificacións de xestión ambiental vixentes. As ofertas que non destinen polo menos o 5 % do orzamento total a gastos ambientais obteñen 0 puntos neste subcriterio.

Investimentos en iniciativas innovadoras no eido ambiental en relación cos pasivos mineiros existentes (máx. 1)

Investimento na difusión e posta en valor do patrimonio mineiro (máx. 1)

Promoción da igualdade, inclusión laboral e non discriminación

4

Valorarase o compromiso de adoptar medidas destinadas á promoción da igualdade de xénero, á inclusión laboral das persoas con discapacidade e á incorporación de persoas en risco de exclusión social, no marco do desenvolvemento do proxecto mineiro.

As medidas propostas deberán estar directamente vinculadas ao emprego xerado polo proxecto e ser concretas, verificables e susceptibles de seguimento, de conformidade cos principios e obxectivos establecidos na Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.

Igualdade de xénero: compromiso de que, como mínimo, o 30 % dos postos de traballo directos de nova creación vinculados ao proxecto sexan ocupados por mulleres (1 punto)

Incorporación de persoas con discapacidade: compromiso de que, como mínimo, o 5 % dos postos de traballo directos de nova creación vinculados ao proxecto sexan ocupados por persoas con discapacidade, de conformidade coa definición legal aplicable (1 punto)

Inclusión de persoas en risco de exclusión social: compromiso de que, como mínimo, o 5 % dos postos de traballo directos de nova creación vinculados ao proxecto sexan ocupados por persoas en situación ou risco de exclusión social, acreditado conforme a normativa aplicable (1 punto)

Plan de igualdade vixente inscrito no Rexistro de plans de igualdade do Ministerio de Traballo e Economía Social (Mites) ou da Xunta; ou no caso de empresas de menos de 50 traballadores, compromiso de telo vixente e inscrito con carácter previo á explotación: 1 punto

Compromiso vinculante de implantación do Plan de impacto económico e social en caso de pasaxe a concesión de explotación

30

Calidade técnica do PIES (indicadores SMART, cronograma por fases, verificación externa, gobernanza) e dotación económica anual segregada como condición resolutoria da concesión.

Compromiso vinculante de destinar o 5 % do EBIT ao financiamento e despregamento do PIES en caso de pasaxe a concesión de explotación.

Asume o compromiso: 30 puntos.

Non asume o compromiso: 0 puntos

A puntuación resultante do baremo determinarase sempre con dous decimais. De ser preciso, realizarase o arredondamento á cifra máis baixa cando o terceiro decimal sexa inferior a cinco, e á cifra máis alta cando o terceiro decimal sexa igual ou superior a cinco.

En caso de igualdade de puntuación de distintas ofertas sobre terreos comprendidos por cuadrículas mineiras coincidentes total ou parcialmente, primará a de maior puntuación obtida nos puntos II e I, por esta orde.

Se nos últimos cinco anos foi declarada, por causa de incumprimentos normativos, a caducidade dun dereito mineiro do que fora titular o solicitante, os puntos acumulados pola valoración anterior reduciranse en 10 puntos.

ANEXO IV

Cálculo da fianza provisoria

10 % da taxa correspondente ás solicitudes de dereitos mineiros establecida na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, que se indica a continuación:

Tipo de dereito mineiro

Importe da taxa

Permiso de investigación

2.792,03 € pola primeira cuadrícula e

119,64 € por cada unha das restantes

Taxas da Comunidade Autónoma de Galicia para 2026

Cálculo da fianza provisoria

Importe da fianza provisoria

10 % da taxa correspondente ás solicitudes de dereitos mineiros establecida na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia

279,20 € pola primeira cuadrícula e

11,96 € por cada unha das restantes

missing image file